[16-01-2019] A Concellaría de Cultura abre o prazo para que as agrupacións musicais e artísticas de Ames que desexen dispoñer dun dos dous locais de ensaio da Factoría efectúen a reserva dos espazos para este ano. Durante o 2018, fixeron uso deste espazo multifuncional situado na antiga escola de Biduído un total de cinco formacións. Os espazos poderán solicitarse desde hoxe ata que o calendario fique completo, e as reservas ou renovacións realizaranse por orde de solicitude.

Dende hoxe, as agrupacións musicais e artísticas de Ames que desexen dispor dun dos dous locais de ensaio dispoñibles na Factoría poden formalizar a súa reserva, para o que será necesario solicitalo indicando os días e o horario mediante o procedemento habitual de solicitude de espazos públicos, a través do enderezo de correo electrónico administracion.cultura@concellodeames.gal. O calendario irase completando en función da orde de inscrición, de luns a domingo, sen límite de prazo temporal. As agrupacións ou colectivos musicais e artísticos que soliciten este espazo deberán responsabilizarse da apertura e do peche, así como do cumprimento do horario correspondente e do coidado do material de uso común.
Cómpre destacar que para poder acceder aos servizos da Factoría, as bandas e agrupacións musicais e artísticas deberán estar rexistradas no Censo de Artistas municipal, cuxo rexistro poderá realizarse tanto antes como despois da solicitude de reserva dun local. As persoas ou grupos que queiran obter máis información poden contactar coa Concellaría de Educación e Cultura, a través do enderezo de correo electrónico administracion.cultura@concellodeames.gal.
Unha antiga escola convertida nun local de ensaio
A Factoría é unha iniciativa conxunta das Concellarías de Cultura e Mocidade, posta en marcha co obxectivo de dar resposta á falta de locais de ensaio no termo municipal, ao tempo que facilita e promove o desenvolvemento das inquietudes artísticas das bandas, a creación de novas formacións e unha produción cultural vinculada ao asociacionismo.
Ao longo do ano 2018, este novo espazo multifuncional experimentou unha serie de obras de acondicionamento e mellora do sistema eléctrico, da fontanería, do acondicionamento acústico e da seguridade, ao tempo que o local foi dotado dun sistema de calefacción de biomasa e varios radiadores.
Así, durante o pasado ano, un total de cinco formacións ensaiaron nos dous espazos habilitados na Factoría. Entre os seus estilos musicais atópase a música coral, a música tradicional, o rock, o pop e a percusión.

Contido relacionado

El Correo Gallego: "Abre o prazo para solicitar un local de ensaio amesán"
Compostela 24 horas: "Ames abre o prazo para solicitar un local de ensaio na Factoría durante este 2019"




