[18-01-2019] A Consellería de Sanidade, Igualdade e Servizos Sociais fai balance do traballo feito polo CIM do Concello de Ames durante o 2018. Ao longo do pasado ano, o Centro de Información á Muller atendeu a un total de 205 mulleres, das cales 114 era a primeira vez que acudían a este centro. Asemade, leváronse a cabo un total de 431 intervencións, das que 58 estiveron relacionadas de modo específico coa violencia de xénero. Ademais, durante o 2018 realizáronse diversas campañas e actividades pola igualdade, como Ames en Negro, as xornadas Acércate, ou os obradoiros de Bo Trato no IES, entre outras iniciativas.
As mulleres son un dos colectivos que teñen un servizo propio de atención dirixido a elas, o Centro de Información á Muller (CIM), onde reciben unha atención integral, tanto xurídica, como psicolóxica, social ou de orientación laboral, entre outros. A parte destes servizos as responsables deste centro poñen a disposición das mulleres un amplo abano de recursos en materia de igualdade de xénero e información sobre os recursos dispoñibles encamiñados á consecución da igualdade. Dende o CIM tamén se colabora con outros organismos ou entidades como o Centro de Recuperación Integral para mulleres Vítimas, Vagalume, Centinelas, etc. e se organizan actividades de sensibilización, prevención e concienciación.
Ao longo do ano 2018, o CIM de Ames atendeu un total de 205 mulleres, das que 114 que acudiron ao centro por primeira vez mentres 91 xa eran usuarias de anos anteriores. Así, os datos reflicten que as usuarias medias deste servizo en Ames son mulleres de 25 a 54 anos, con dous ou máis fillos e que habitan no entorno urbano.
No tocante ás intervencións, realizáronse un total de 431, das que 193 foron atencións xurídicas: 48 por dereito de familia, referentes a cuestións como separacións, constitución de matrimonio, dereitos e deberes no matrimonio, réxime xurídico matrimonial, filiación ou divorcio; 27 relacionadas con cuestións de dereito civil, sobre nacionalidade, estranxeiría, herdanzas, rexistro civil, vivenda...; 81 relacionadas co dereito administrativo: permisos de residencia, recursos, cualificación de discapacidade; 5 relacionadas co dereito penal, por violencia doméstica, 2 de dereito laboral, 13 relacionadas ca seguridade social, referentes a asistencia sanitaria, incapacidade e prestacións; e 17 relacionadas ca xustiza gratuíta.
Por outra banda, leváronse a cabo 178 intervencións de atención psicolóxica, das que 62 foron a petición das propias usuarias por cuestións derivadas de problemas familiares, como problemas de parella, laborais, ca ex-parella ou situación emocional; mentres que 108 foron derivadas dunha atención anterior para escoita activa e axuda na toma de decisións, e 46 atencións para terapia e/ou seguimento.
Por último, realizáronse 58 atencións relacionadas de xeito específico coa violencia de xénero, e dúas consultas sobre outra información.
A maiores, ao longo do pasado ano, o Concello de Ames organizou tamén diversas actividades e programas enfocados á concienciación e a educación en prol da igualdade. Neste senso, a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, destaca que “para este goberno a loita pola igualdade e contra a lacra das violencias machistas é unha prioridade. Polo que incidimos na formación e información facendo fincapé na poboación máis moza”.
Talleres de competencias emocionais e sociais
Durante o mes de setembro, a Concellería de Servizos Sociais e Igualdade de Ames organizou un programa de talleres de competencias emocionais e sociais dirixidos ás mulleres amesás. A través de catro obradoiros, tentouse dotar ás asistentes de ferramentas para o seu empoderamento e para a prevención e o tratamento integral das violencias machistas, mediante a intervención terapéutica e de diferentes accións psicoeducativas. Así, realizouse un taller cada xoves do mes no Casa da Cultura de Bertamiráns, en horario de 17.00 a 19.00 horas. O primeiro en impartirse foi o de “Ioga e corporalidade consciente”, seguido de “Sexualidade: claves para mellorar a comunicación en parella”, “Benestar e nutrición: ¿como sentirnos mellor alimentándonos mellor? .E, por último, “Benestar en movemento”.
Ames en Negro
A finais de 2018, Ames puxo a andar a terceira edición da campaña Ames en Negro entre os días 12 e 25 de novembro, na que participaron máis de 170 axentes sociais, entre establecementos hostaleiros, comercios, empresas, asociacións, clubs deportivos, e toda a comunidade educativa do concello. A trasversalidade da campaña, que aglutinou a moi diversos actores dos sectores económico e social e a parte importante da cidadanía de Ames, contribuíu a visibilizar o rexeitamento da cidadanía e os diversos sectores do concello ás violencias machistas e concienciar sobre o problema que supoñen para a sociedade.
Ademais do reparto de material e diversas actividades, conmemorouse o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres coa realización dun acto institucional na Casa do Concello o 23 de novembro. Arredor das 12.00h, procedeuse ao reparto de material entre os asistentes e á lectura do manifesto, que foi seguido por unha performance sacada do espectáculo Silencios Impostos, e un momento de recordo das vítimas de violencia de xénero e violencia doméstica que deixou este 2018, coa colocación dunha cartilla por cada unha delas nas escaleiras da Casa do Concello mentres se lles recordaba aos presentes os seus nomes.
Puntos de Igualdade
O 21 de novembro, presentáronse nos CEIP A Maía, Barouta e Agro do Muíño os Puntos de Igualdade, que consisten nuns puntos móbiles conformados por diferentes obras infantís e xuvenís que se consideran libres de estereotipos de xénero. Co obxectivo de ofrecer recursos ao profesorado e ás familias para dialogar cos máis novos sobre a importancia da igualdade, estes espazos irán rotando polos diferentes centros educativos de Ames e polas bibliotecas municipais. Á presentación dos Puntos de Igualdade asistiron a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, e a directora do Centro de Información da Muller (CIM), María Teresa Arufe.
Obradoiros Bo Trato nos IES
Ao longo do ano, realizáronse tamén os Obradoiros de bo trato nos centros de ensino de educación secundaria do concello, a través dos que se buscou promover un espazo no que as mozas e mozos minimizasen os sesgos sexistas presentes no seu imaxinario a través do traballo da convivencia positiva e a educación emocional. Así, a través de varios obradoiros nos que, ao longo das sesións, se trataron cuestións habituais no día a día do alumando a través de dinámicas de grupo e de debates, ofrecéuselle ao alumnado da ESO de Ames unha serie de ferramentas para o autocoñecemento, a autoestima, etc. enfocadas á prevención da violencia, en especial de xénero.
Xornadas Acércate de Igualdade e Prevención da Violencia de Xénero
En novembro tamén se celebrou a oitava edición das Xornadas Acércate de Igualdade e Prevención da Violencia de Xénero. Organizadas pola Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, as xornadas contaron, ao longo da mañá, con dúas mesas de debate tituladas O consentimento, o acceso ao corpo das mulleres e os desequilibrios de poder, e Actualidade e retos do feminismo; e dúas conferencias sobre A desigualdade aprendida: causas, consecuencias e estratexias e Da loca do ex á loca do ático cando as nosas emocións desgustan ao patriarcado.
Pola tarde, as persoas participantes tiveron que escoller entre dous dos seis obradoiros programados. Por un lado, entre as realizadas entre as 16.00h e as 17:15h, celebraronse os talleres Habilidades emocionais: pequenas accións, grandes cambios; Mindfullnes: Regulación do estrés e a ansiedade e Ferramentas para a coeducación. Entre as 17:30h e as 18:45 horas, as opcións foron As redes sociais e o desenvolvemento en adolescentes, Como mellorar a nosa comunicación: a fiestra de Johari, e Corporalidade e benestar.
Día Internacional do Orgullo LGTBQI
Con motivo do Día Internacional do Orgullo LGTBQI, o Concello de Ames difundiu un manifesto que incide na igualdade de todos os seres humanos tanto en dignidade coma en dereitos, ao tempo que celebrou un acto conmemorativo no que, ademais da lectura do manifesto, se realizou reparto de material e unha solta de globos a través da cal se tinguiu o ceo de Bertamiráns coas cores do arco da vella, co obxectivo de mostrar o compromiso do concello coa igualdade de todas as persoas.
En dito manifesto, que comeza reclamando que “todos os seres humanos nacen libres e iguais en dignidade e dereitos”, reafirmase que “esta Corporación está comprometida co desenvolvemento e implementación de políticas e servizos que velen por unha garantía de igualdade efectiva con independencia da súa condición sexual e identidade de xénero, como elemento esencial para a convivencia, o progreso e o desenvolvemento social”. No texto tamén se incide en que “as Entidades locais, somos a porta de entrada e o primeiro termómetro das necesidades da cidadanía e salvagarda da convivencia cidadá e non discriminación, con independencia da súa raza, relixión, sexo, idade, procedencia ou condición sexual”.
Contido relacionado
Compostela 24 horas: "O CIM de Ames atendeu a 205 mulleres ao longo de 2018"