[17-01-2019] O vestíbulo da Casa da Cultura de Bertamiráns acolle ata o 31 de xaneiro a exposición Teatro do Noroeste: 30 anos actuando, na que se fai un percorrido non só pola traxectoria desta importante compañía teatral afincada en Ames, senón tamén supón un reflexo das tres últimas décadas do teatro galego. Á presentación, que tivo lugar esta mañá ás 12.00h no edificio municipal, acudiron o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, e os fundadores da compañía, o director Eduardo Alonso, e a actriz Luma Gómez.

Da avaricia, a luxuria e a morte chega a Ames
Da avaricia, a luxuria e a morte xira en torno a tres pezas nas que cada un dos pecados do titulo están presentes en diversa forma e proporción, ata desembocar na súa consecuencia final: a morte. Teatro do Noroeste representa os textos teatrais “Ligazón”, “A cabeza do Bautista” e “A rosa de papel” de Valle-Inclán, nunha obra na que cada un deles se relaciona de xeito estético con un dos elementos primarios e que, despois de 100 anos dende a súa creación, sorprende pola actualidade dos temas que trata.
Segundo o director, o libreto, apoiado na tradución ao galego de Manuel Guede, pretende regresar á esencia da obra tal e como foi concibida polo autor galego, polo que se coidou ao máximo a curiosa estruturación da linguaxe de Valle-Inclán, ao tempo que se incorporaron detalles como a idea de cantar as acotacións a modo de romance popular, o que dota ás historias de axilidade.
A primeira historia, un auto para siluetas, é unha reafirmación da propiedade da muller sobre o seu propio corpo, a través da historia dunha Moza que se planta ante a idea de que súa nai e súa tía vendan o seu corpo por unha gargantilla, que decide emanciparse deste poder a través dos seus propios desexos. A continuación, “A cabeza do Bautista” trata sobre o plan de Don Igi e A Pepona de desfacerse do fillastro do primeiro, sen contar cos sentimentos que se desencadearán deste acto. Por último, a través de “A rosa de papel”, mostrarásenos o lume que crece no interior dun home que non foi capaz de valorar á súa muller en vida, que o consumirá coa morte dela.
Así, Eduardo Alonso quixo animar a todos e todas a que acudan o venres á representación, dado que “é unha oportunidade marabillosa para ver unha representación de Valle-Inclán, posto que este é un espectáculo moi complicado de armar que non pode manterse moito tempo en escena”. Ademais, “o público sae totalmente sorprendido de que algo así se escribise e se faga, posto que trata cuestións esenciais do ser humano dende unha realidade descarnada”.
As entradas para acudir ao espectáculo xa poden adquirirse a través da Billeteira electrónica, cun custo de 5 euros, con descontos do 50% para persoas maiores de 65 anos, menores de 12 e estudantes con carné. Asemade, o 10% das entradas resérvanse, como é habitual, para vender de xeito presencial unha hora antes do comezo da obra.
Este venres chega a Bertamiráns a obra “Da avaricia, a luxuria e a morte”, formada por tres pezas escollidas polo Teatro do Noroeste do retablo homónimo de Valle-Inclán, ás que o seu director, Eduardo Alonso, dota de vida e lles proporciona unha serie de elementos que as converte nun espectáculo moi coidado, complexo e atractivo, marcado polo respecto á esencia do seu autor. O elenco está formado por Luma Gómez, Manuela Varela, Fernando Tato, Inma Antonio e Miguel Pernas, que estarán acompañados polos músicos Bernardo Martínez, Felisa Segade e Xan Casas.
Con motivo desta representación, a compañía achega ata a Casa da Cultura de Bertamiráns unha selección da exposición Teatro do Noroeste: 30 anos actuando, que fai un percorrido polos seus trinta anos de actividade. A través de deseños de vestiario, roupa, fotos e carteis explicativos faise un resumo dos 37 espectáculos, as máis de 1250 representacións e os 167 profesionais que forman parte da historia da compañía dende a súa fundación, en 1987.
Así, durante a presentación, Luma Gómez remontouse aos orixes da compañía, que xurdiu coa vocación de representar un amplo repertorio do teatro de todos os tempos e, ao mesmo tempo, acoller tamén o traballo de autores galegos. Asemade, recordouse a etapa de Teatro do Noroeste na Sala Iago de Santiago de Compostela, na que xestionaron o departamento teatral entre o 2001 e o 2007, e onde non só actuaron e serviron de altofalante para outras compañías, senón tamén achegaron o teatro aos escolares.
Dita mostra, que serve tamén como un reflexo do desenvolvemento do teatro galego durante as tres últimas décadas, con diversas caídas que cristalizaronn nas producións teatrais, tamén reflexa a loita da compañía pola mellora dende dentro das condicións dos traballadores, tanto do corpo técnico como do artístico, e a súa defensa da profesionalización da labor teatral.
Por outra banda, Eduardo Alonso quixo centrarse na obra que representan este venres, 18 de xaneiro, na Casa da Cultura de Bertamiráns ás 21.00h. Así, Da avaricia, a luxuria e a morte preséntase como un “espectáculo redondo, unha gran produción na que interveñen un total de oito artistas, cinco actores e actrices e tres músicos”.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Teatro do Noroeste terá en Ames unha exposición dos seus 30 anos"
Lindeiros: "Teatro do Noroeste e Concello de Ames conmemoran os trinta anos de carreira da compañía"




