Actualidade
[21-01-2019] Co gallo do comezo do ano, o Concello de Ames fai balance do traballo feito no Banco municipal de alimentos durante o pasado ano. Ao longo de 2018 repartíronse arredor de 56 toneladas de alimentos entre as familias con maior necesidade de Ames. Este programa, que atendeu a unhas 180 familias, está xestionado pola Concellaría de Servizos Sociais. Os alimentos que se reparten proceden principalmente de tres programas: o fondo de axuda europea para as persoas más desfavorecidas en España; o fondo galego de garantía agraria; e do banco de alimentos Rías Altas (Balrial).
[21-01-2019] A Concellaría de Mocidade, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), oferta unha nova edición do curso de monitora e monitor de tempo libre, homologado pola Xunta de Galicia. O curso, que se impartirá no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, desenvolverase ao longo das fins de semana de febreiro, marzo e abril, en horario de 09.00 a 14.00h e de 16.00 a 21.00h. Dirixido a persoas maiores de idade en posesión do título de graduada en educación secundaria ou equivalente, o curso conta con 20 prazas dispoñibles que se irán cubrindo por rigorosa orde de inscrición. O prezo do curso é de 172 euros. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases e a ficha de inscrición.
[21-01-2019] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Servizos Sociais, colabora un ano máis coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS), na difusión da campaña de Vacacións en Paz 2019. Nesta ocasión solicitase a colaboración da veciñanza amesá, xa que se necesitan dúas familias que queiran participar en dito programa. Na actualidade hai 4 familias inscritas no programa de 2019. As persoas interesadas poden enviar un correo electrónico ao enderezo info@sogaps.org ou chamar polas mañás aos número de teléfono 986 262 637 - 981 377 656.
[19-01-2019] A Concellaría de Mocidade, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), oferta unha nova edición do curso English Today!!, orientado a un coñecemento práctico do idioma para o uso cotiá. O curso impartirase entre o 5 de febreiro e o 23 de maio, os luns e os mércores na Casa da Cultura do Milladoiro, e os martes e os xoves na Casa da Cultura de Bertamiráns. As aulas terán unha duración de hora e media, desenvolvéndose de 20.00h a 21.30 horas. Dirixido a persoas maiores de 16 anos, o curso conta con prazas limitadas que se irán cubrindo por rigorosa orde de inscrición. O prazo para presentar as solicitudes comeza o martes, 22 de xaneiro, e permanecerá aberta ata o 1 de febreiro. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases e a ficha de inscrición.
[19-01-2019] As Concellarías de Educación e Cultura e Economía e Facenda, e mailo departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, asinaron o pasado decembro un contrato para elaborar o Plan Económico e Financeiro da Rede Municipal de Comedores Escolares. O obxectivo é que, a través da investigación do funcionamento dos comedores escolares do municipio dende 2015, se poida establecer un plan de viabilidade para os vindeiros cinco e dez anos, tendo en consideración o progresivo incremento de solicitudes do servizo.
[18-01-2019] A Concellería de Educación e Cultura e o Espazo de Estimulación Temperá Casiopea organizan este sábado, 19 de xaneiro, as II Xornadas de Atención Temperá de Ames a partir das 17.00h no Pazo da Peregrina. O evento, dirixido fundamentalmente a familias con crianzas entre os 0 e os 12 anos e profesionais deste ámbito, conta coa intervención das especialistas Marina Tubio, Mari Carmen Matalobos, Eva Gil, Tomás Rábanos, Andrés Gonzalo Iñiguez e Gonzalo García. A entrada é libre e gratuíta.
[18-01-2019] Este venres, 18 de xaneiro, o alcalde de Ames, José Miñones, e mailo responsable da empresa Tecnologías Plexus, Ángel Taboada, asinaron o contrato para deseñar unha nova web máis moderna e funcional. No acto de sinatura tamén estivo a concelleira de Comunicación e Normalización Lingüística, Isabel Vaquero. A nova web será plenamente funcional en dispositivos móbiles e permitirá o rápido acceso á información, trámites e servizos. O proxecto adxudicouse por un importe de 29.753 euros.
[18-01-2019] A Consellería de Sanidade, Igualdade e Servizos Sociais fai balance do traballo feito polo CIM do Concello de Ames durante o 2018. Ao longo do pasado ano, o Centro de Información á Muller atendeu a un total de 205 mulleres, das cales 114 era a primeira vez que acudían a este centro. Asemade, leváronse a cabo un total de 431 intervencións, das que 58 estiveron relacionadas de modo específico coa violencia de xénero. Ademais, durante o 2018 realizáronse diversas campañas e actividades pola igualdade, como Ames en Negro, as xornadas Acércate, ou os obradoiros de Bo Trato no IES, entre outras iniciativas.
[17-01-2019] En sesión de Xunta de Goberno Local de 20 de xaneiro de 2019 foi ampliado o prazo de xustificación das axudas da convocatoria de subvencións para a promoción de actividades culturais levadas a cabo por asociacións culturais durante o exercicio 2018, así como para a promoción de festas populares realizadas durante o ano 2018. De conformidade co acordado, o novo prazo ampliado de presentación de solicitudes remata o día 28 de febreiro de 2019. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter os anuncio publicados no BOP.
[17-01-2019] O vestíbulo da Casa da Cultura de Bertamiráns acolle ata o 31 de xaneiro a exposición Teatro do Noroeste: 30 anos actuando, na que se fai un percorrido non só pola traxectoria desta importante compañía teatral afincada en Ames, senón tamén supón un reflexo das tres últimas décadas do teatro galego. Á presentación, que tivo lugar esta mañá ás 12.00h no edificio municipal, acudiron o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, e os fundadores da compañía, o director Eduardo Alonso, e a actriz Luma Gómez.
- ‹ anterior
- 583 de 1381
- seguinte ›