Pestanas principais

Asínase o contrato para deseñar unha nova web máis moderna e funcional

Venres, 18 de xaneiro de 2019

[18-01-2019] Este venres, 18 de xaneiro, o alcalde de Ames, José Miñones, e mailo responsable da empresa Tecnologías Plexus, Ángel Taboada, asinaron o contrato para deseñar unha nova web máis moderna e funcional. No acto de sinatura tamén estivo a concelleira de Comunicación e Normalización Lingüística, Isabel Vaquero. A nova web será plenamente funcional en dispositivos móbiles e permitirá o rápido acceso á información, trámites e servizos. O proxecto adxudicouse por un importe de 29.753 euros.

Mellorar a información e a comunicación coa veciñanza, permitir o acceso plenamente funcional á web tamén mediante dispositivos móbiles, modernizar o deseño, buscar a accesibilidade universal, facilitar a integración da web coas redes sociais e descentralizar e facilitar o traballo de xestión e administración do sitio son os obxectivos da renovación da web municipal. Para iso, logo da correspondente licitación pública, adxudicouse o contrato da nova web por un importe de 29.753 euros á empresa Tecnologías Plexus.

Con base en tecnoloxías abertas, a nova web terá unha estrutura orientada aos usuarios, cun deseño inicial que facilite a rápida localización da información e o acceso a trámites e servizos. Así mesmo ampliaranse as posibilidades de comunicación (avisos mediante notificacións, boletíns informativos, envío de incidencias ao Concello e integración coas redes sociais) e potenciarase os contidos xa existentes de transparencia e de actualidade.

Na mesma liña, a nova web será accesible para persoas usuarias con dificultades visuais, auditivas, dislexia e as incluídas no espectro do autismo. Ademais, a súa renovación permitirá un mellor acceso aos diversos trámites e xestións.

Por último, coa nova web búscase facilitar o seu uso tanto ao persoal técnico responsable do sitio como ao persoal dos diversos departamentos municipais, claves para descentralizalo e ampliar e atender contidos. Para iso, o contrato obriga tamén a un proceso formativo para os traballadores e traballadoras do Concello.

Contido relacionado


Compostela 24 horas: "Ames quere adaptarse ao novos tempos cunha nova web 3.0"