Actualidade

A Aula da Natureza dálle a benvida ao mes de maio con catro actividades novas, logo da boa acollida da programación de abril. A veciñanza amesá poderá desfrutar de novas saídas, obradoiros e relatorios arredor do medio natural, onde o lobo tomará protagonismo grazas á actividade “O lobo. Patrimonio e lenda”, programada para o sábado 16 e o domingo 17. Para esta actividade vaise elaborar unha programación específica que se dará a coñecer nos vindeiros días. As persoas asistentes poderán coñecer este animal de maneira profunda e diferenciar os mitos que o engloban da realidade. Preme nesta ligazón para consultar a programación.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, lémbralle os/as propietarios/as de terreos forestais, que estean incluídos nas faixas de protección contra incendios forestais, a obriga de manter sempre limpos ditos terreos e en todo caso sempre antes do 31 de maio de cada ano. O Concello publicou un bando no que se fai un recordatorio das obrigas dos responsables de terreos forestais contemplados na Lei 3/2007 de prevención de incendios forestais de Galicia, modificadas pola Lei de 7/2012 de montes de Galicia. Premendo neste enlace pódense consultar as faixas de protección.

O Concello de Ames vén de reunirse coa xunta directiva da Comunidade Enerxética “Ames Solar” e os seus socios ante o cambio de paradigma destas instalacións, logo da aprobación do Real Decreto-lei 7/2026, de 20 de marzo, no que se amplía o radio máximo permitido entre os puntos de xeración de consumo de 2 a 5 quilómetros. Deste xeito, a case totalidade do territorio municipal poderá participar nesta iniciativa que facilita o autoconsumo compartido. Ademais, cómpre lembrar que a finais de 2025 se creou a páxina web Ames Enerxia para proporcionar información e axudar á veciñanza que estea interesada en participar en dita comunidade enerxética.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, pon en marcha unha nova campaña para tratar de mitigar a expansión da especie invasora da avespa velutina. Deste xeito, comenzarase co reparto do material para o trampeo da avespa velutina no municipio. O persoal do departamento de Medio Ambiente será o encargado de ceder 200 unidades de líquido atrainte de raíñas. Ao mesmo tempo, achéganse unhas instrucións básicas sobre a colocación das trampas e a utilización do líquido atrainte. Dende o Concello farase un seguimento e avisarase, unha vez finalizado o período de trampeo, sobre a conveniencia de retirar as trampas para non danar outras especies. Cómpre lembrar que cando se atopa un niño de avespa velutina hai que chamar ao 012.

A Aula da Natureza xa ten lista a súa programación para o mes de abril e está pechando as datas das actividades que se van impartir nos meses de maio e xuño. A primeira actividade, denominada “Benvida primavera”, vaise realizar este sábado 11 de abril. Trátase dun obradoiro práctico sobre as flores, que está dirixido a nenos e nenas de 6 a 14 anos. En abril haberá dúas actividades máis, unha de cociña de tempada e unha camiñada teatralizada. Das actividades de maio e xuño informarase nas vindeiras semanas. Para inscribirse nas actividades da Aula da Natureza, é preciso enviar a ficha de inscrición, que se pode descargar na seguinte ligazón, ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal.

Un ano máis, o Concello de Ames presenta a súa programación municipal de campamentos para este verán. A través deste programa ofértanse 450 prazas repartidas en 10 campamentos, que se desenvolverán en diferentes localidades galegas e na Aula da Natureza de Ames. Estas actividades terán lugar do 21 de xuño ao 24 de xullo. O prazo de solicitude de praza estará aberto desde o 30 de marzo ao 13 de abril. As inscricións poderanse tramitar presentando a ficha de solicitude a través do rexistro telemático, no catálogo de trámites: campamentos 2026, ou de xeito presencial nos rexistros de calquera administración pública adherida á plataforma de intercambio rexistral (SIR). Consulta as bases ao completo premendo nesta ligazón. O impreso de solicitude de praza pódese descargar nesta ligazón.

A Concellaría de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, a través da Aula da Natureza, organiza un curso avanzado de cestería durante seis sábados dos meses de febreiro e marzo. Esta actividade será impartida polo artesán Luís do Río Pena nas instalacións da Aula da Natureza (lugar de Quintáns, na parroquia da Ameixenda) e na contorna do río Sar para a recollida de material vexetal. Ofértanse 10 prazas para este curso que se vai impartir os sábados 7, 14, 21 e 28 de febreiro e 7 e 14 de marzo, en horario de 10.00 a 14.00 horas. Para participar é necesario inscribirse previamente enviando o impreso de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. As inscrición poden tramitarse do 28 de xaneiro ata o 5 de febreiro.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Xestión do Medio Natural, avanza na implantación das comunidades enerxéticas en Ames. Para iso vén de contratarse o servizo da asistencia técnica para a contratación dun servizo destinado a apoiar ao Concello de Ames e as Comunidades Enerxéticas de Ames na execución do seu primeiro proxecto de autoconsumo colectivo. O obxectivo é dispor de asesoramento técnico no proceso de instalación de plantas fotovoltaicas e na xestión cos diferentes comercializadoras de electricidade. Ademais, creouse a páxina web Ames Enerxia para proporcionar información e axudar a veciñanza que estes interesada en participar en dita comunidade enerxética.

O Concello de Ames, en colaboración coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a entidade Sustinea sostibilidade e cambio social, acolle o “Obradoiro de Botiquín natural para o Inverno”. Unha iniciativa enfocada en recuperar coñecementos tradicionais sobre as plantas e os seus múltiplos usos medicinais, principalmente coa chegada do inverno e as súas conseguintes afeccións estacionais. O obradoiro celebrarase o próximo sábado, 20 de decembro, de 10.30 a 13.00 horas nas instalacións da Aula da Natureza, na aldea de Quintáns, na Ameixenda.

Trasmonte acolleu durante esta pasada fin de semana unha nova edición da Feira do Monte “Tanto Monte, Monte Tanto”, que segundo a organización saldouse cun balance moi satisfactorio, xa que se superaron as expectativas iniciais en canto á participación de público e ás vendas dos expositores. O persoal das empresas participantes nesta edición manifestaron o desexo de seguir participando nesta feira de cara á próxima edición. Para 2026 o obxectivo é ampliar o espazo da carpa para poder acoller máis expositores e ampliar a duración do evento a dúas xornadas completas, finalizando a feira o domingo pola tarde-noite. Premendo nesta ligazón podes acceder á galería de imaxes da V Feira do Monte.
- ‹ anterior
- 2 de 29
- seguinte ›




