Pestanas principais

A Aula da Natureza acolle as I Xornadas monográficas sobre o lobo do Concello de Ames

Xoves, 07 de maio de 2026

O departamento de Medio Ambiente, a través da Aula da Natureza, organiza os días 16 e 17 de maio as I Xornadas monográficas sobre o lobo do Concello de Ames no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, as cales están enmarcadas dentro da programación deste mes. Durante estes dous días, as persoas asistentes poderán coñecer en profundidade a natureza do gran depredador salvaxe de Galicia, así como discriminar entre mitos e realidades arredor da súa figura, a través das actividades programadas.

O lobo será o protagonista da programación de actividades da Aula da Natureza durante para o mes de maio. Deste xeito, os días 16 e 17 deste mes celebraranse as I Xornadas monográficas sobre o lobo do Concello de Ames no Pazo da Peregrina. Durante estes dous días, haberá unha exposición, un circuíto de relatorios, unha actividade de busca do tesouro, un obradoiro de rastros, un muro de debuxos sobre o lobo e unha ruta guiada. 

O obxectivo destas xornadas é achegar á veciñanza, dende varias perspectivas, a figura dun animal tan representativo do monte galego. Deste xeito, as persoas asistentes recibirán unha guía completa sobre o lobo, a cal, entre outras cousas, servirá para desmentir todos os mitos populares sobre a súa figura. 

Programación lobeira
As I Xornadas monográficas sobre o lobo comezarán o sábado 16 de maio coa inauguración e guía da exposición efémera “O lobo”, dende as 10.00 horas. Posteriormente, arredor das 11.00 horas darán comezo as charlas coloquio. Serán un total de tres: “Lobos e humanos: camiños converxentes”, con Antonio Centenera; “Comportamento e adaptación do lobo”, con Pedro Domínguez; e “Convivencia entre lobos e gandaría”, con Ovidio Queiruga. A asistencia é libre ata completar aforo.

Paralelamente desenvolverase a Busca do Tesouro Lobeiro, dirixida ao público infantil. De 10.30 a 12.00 horas estará orientada a rapaces e rapazas de entre 8 e 16 anos, mentres que de 12.30 a 13.30 horas será a quenda do tramo de idade de entre 0 e 7 anos. Os bebés participantes deberán estar sempre acompañados por un adulto. Esta actividade si que necesita inscrición previa, xa que as prazas están limitadas a 30 para cada grupo de idade. 

Xa pola tarde, a programación retomarase co Obradoiro de Rastros, que estará dispoñible dende as 16.00 ata as 18.00 horas. Esta actividade está orientada a todos os públicos, e do mesmo xeito que na busca do tesouro, será preciso facer inscrición previa. As prazas están limitadas a 30. Ademais, durante toda a xornada do sábado estará dispoñible o muro de debuxos sobre o lobo e o pintacaras lobunas. 

O domingo 17, as I xornadas monográficas sobre o lobo pecharán esta edición inaugural coa ruta guiada enfocada aos rastros á etoloxía e ao hábitat do lobo. A actividade celebrarase en horario de 11.00 a 14.00 horas e a expedición tomará o Pazo da Peregrina como punto de encontro inicial antes de comezar o itinerario. 

Máis programación no mes de maio
Se ben o lobo é o protagonista na programación de maio da Aula da Natureza, durante este mes haberá outras actividades enfocadas a distintas temáticas. Deste xeito, o sábado 9 de maio de 10.30 a 14.00 horas, haberá unha saída ornitolóxica da man de SEOBirdLife, a Sociedade Española de Ornitoloxía. A excursión comezará na praza do Concello, en Bertamiráns, e está dirixida a todos os públicos. Para poder participar é preciso inscribirse, xa que as prazas están limitadas a 35. Os menores deberán estar acompañados por unha persoa adulta. 

Outra das actividades deste mes de maio é o obradoiro “Nocións básicas de pintura da paisaxe ao natural”, o próximo sábado 23, de 11.00 a 14.00 horas. Dirixida ao público adulto, a actividade será impartida na Aula da Natureza para un total de 30 persoas. Pechará o mes o obradoiro “Horta sostible”, os sábados 30 de maio e 6 de xuño, en horario de 11.00 a 14.00, na Aula da Natureza. Para esta actividade tamén haberá un límite de 30 prazas e está dirixida a persoas adultas.

Todas as actividades contarán con servizos de autobús. En todas as actividades terán prioridade as persoas empadroadas no Concello de Ames. Para inscribirse nas actividades da Aula da Natureza, é preciso enviar a ficha de inscrición, que se pode descargar na seguinte ligazón, ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 660 00 46 65 ou enviar un correo electrónico ao enderezo da Aula da Natureza.

Novas relacionadas

amsGO!: "A Aula da Natureza acolle as I Xornadas monográficas sobre o lobo"

A Aula da Natureza acolle as I Xornadas monográficas sobre o lobo do Concello de Ames