Pestanas principais

O programa de campamentos de verán 2026 ofrece 450 prazas para alumnado de primaria, secundaria e bacharelato

Xoves, 26 de marzo de 2026

Un ano máis, o Concello de Ames presenta a súa programación municipal de campamentos para este verán. A través deste programa ofértanse 450 prazas repartidas en 10 campamentos, que se desenvolverán en diferentes localidades galegas e na Aula da Natureza de Ames. Estas actividades terán lugar do 21 de xuño ao 24 de xullo. O prazo de solicitude de praza estará aberto desde o 30 de marzo ao 13 de abril. As inscricións poderanse tramitar presentando a ficha de solicitude a través do rexistro telemático, no catálogo de trámites: campamentos 2026, ou de xeito presencial nos rexistros de calquera administración pública adherida á plataforma de intercambio rexistral (SIR). Consulta as bases ao completo premendo nesta ligazón. O impreso de solicitude de praza pódese descargar nesta ligazón.

O Concello de Ames, a través dos departamentos da Aula da Natureza e de Xuventude, xa ten preparado o programa de campamentos de verán 2026, dirixido á rapazada que estea cursando os niveis de primaria, secundaria e bacharelato. Ademais, en dito programa colabora a Concellaría de Benestar Social, xa que existen prazas para persoas con algún tipo de discapacidade e para casos de emerxencia social que contarán, de ser preciso, con medidas de apoio especificas. Todos os campamentos contan con servizo de autobús.

Os campamentos de verán son unha oferta lúdica e formativa de desenvolvemento persoal concibida para, de xeito progresivo, dotar a nenos/as e mozos/as das ferramentas precisas para lograr a súa autonomía e independencia fomentando a convivencia, a cooperación, o respecto e un xeito de vida saudable ao tempo que proporcionar un achegamento ao medio natural, ao deporte e a cultura.

6 campamentos para o alumnado de primaria
Os/as rapaces e rapazas de primeiro de educación primaria poderán acudir do 2 ao 4 de xullo á Granxa Escola Bergando, en Negreira. Para este campamento ofértanse 40 prazas e o prezo é de 105 euros. Para o alumnado de segundo de educación primaria ofrécese o campamento Corazón de Carballo, en Tomiño, dende o 1 ao 3 de xullo. Neste caso tamén se ofrecen 40 prazas por un prezo 132 euros/persoa.

Os rapaces e rapazas de terceiro de educación primaria poderán ir á Granxa Escola El Kiriko, en Fornelos de Montes, do 20 ao 23 de xullo. Ofrécense 40 prazas por un prezo de 157 euros por cada praza. Para a rapazada de cuarto de educación primaria programouse a estadía no campamento de Fervenzaventura, en Silleda, do 20 ao 24 de xullo. Dispoñen de 45 prazas cun prezo de 206 euros/persoa.

Para os rapaces e rapazas de quinto de primaria está dirixido o campamento de Muíños, en Narón, do 21 ao 26 de xuño. Neste caso ofértanse 55 prazas cun prezo de 192 euros/praza. Por último, a rapazada de sexto de primaria poderá acudir tamén ao campamento de Muíños do 28 de xuño ao 3 de xullo. Para este campamento tamén hai 55 prazas a un prezo de 192 euros por persoa.

3 campamentos para a mocidade de secundaria e bacharelato
Por outra banda, para a mocidade de primeiro da ESO está dirixido o campamento de Abrente, en Portonovo, do 1 ao 7 de xullo. Para este campamento hai 35 prazas que contan cun o prezo de 273 euros/praza. O alumnado de segundo da ESO poderá acudir ao campamento de Mougás, en Oia, que se desenvolverá do 8 ao 14 de xullo. Para este campamento tamén se ofertan 35 prazas a un prezo de 287 euros/persoa. Para a mocidade de terceiro da ESO e bacharelato está programado o campamento Paisaxe II, no Grove, do 7 ao 13 de xullo. Neste caso ofértanse 45 prazas, que contan cun prezo de 279 euros/praza.

Campamento na Aula da Natureza
Ademais, a Aula da Natureza do Concello de Ames organiza dúas quendas para o seu campamento urbano, que está dirixido a rapaces e rapazas de 6 a 16 anos. A primeira quenda realizarase do 29 de xuño ao 10 de xullo, mentres que a segunda quenda será do 13 ao 24 de xullo. Só se pode optar a unha das quendas. Ofértanse 30 prazas por quenda e levaranse a cabo de luns a venres, en horario de 11:00 a 17:30 horas. O prezo é de 158 euros.

Solicitude de praza
A solicitude de praza farase presentando a ficha de solicitude a través do rexistro telemático na Sede electrónica do Concello ou nos rexistros de calquera administración pública adherida á plataforma de intercambio rexistral (SIR). No caso de ser preciso a adxudicación de prazas mediante sorteo público, asignaráselle un número de participación que será publicado nas listas definitivas. O sorteo, de ser necesario, farase a  través dunha aplicación informática.

O 10% das prazas están reservadas para o departamento de Servizos Sociais para casos de emerxencia social. Co fin de facilitar a tramitación dos campamentos, unha vez adxudicada a praza, a matricula quedará conformada realizando o pagamento. O primeiro pagamento haberá que efectualo do 25 ao 31 de maio e o segundo pagamento poderase facer do 8 ao 14 de xuño.

Máis información
Para máis información pódese contactar coa Aula da Natureza, chamando ao número de teléfono 660 004 665 ou enviando un correo electrónico a auladanatureza@concellodeames.gal, ou ben coa Concellaría de Xuventude, chamando ao teléfono 616 083 229 ou escribindo a xuventude@concellodeames.gal. O horario de atención de ambos departamentos será de 9:00 a 14:00 horas.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Ames oferta 450 plazas en 10 campamentos de verano con actividades en diferentes localidades gallegas"

O programa de campamentos de verán 2026 ofrece 450 prazas para alumnado de primaria, secundaria e bacharelato

Multimedia

  • O programa de campamentos de verán 2026 ofrece 450 prazas para alumnado de primaria, secundaria e bacharelato