- Tematica
A Aula da Natureza xa ten lista a súa programación para o mes de abril e está pechando as datas das actividades que se van impartir nos meses de maio e xuño. A primeira actividade, denominada “Benvida primavera”, vaise realizar este sábado 11 de abril. Trátase dun obradoiro práctico sobre as flores, que está dirixido a nenos e nenas de 6 a 14 anos. En abril haberá dúas actividades máis, unha de cociña de tempada e unha camiñada teatralizada. Das actividades de maio e xuño informarase nas vindeiras semanas. Para inscribirse nas actividades da Aula da Natureza, é preciso enviar a ficha de inscrición, que se pode descargar na seguinte ligazón, ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal.
A programación de primavera da Aula da Natureza comeza este vindeiro sábado 11 de abril coa actividade “Benvida Primavera”. Trátase dunha actividade que está dirixida aos rapaces e rapazas de 6 a 14 anos, que se vai a impartir en horario de 11.00 a 17.30 horas. Para esta actividade ofértanse 25 prazas. Neste obradoiro práctico a rapazada poderá observar diferentes flores con tres grandes lupas. Farase a disección dunha flor básica e verase a disposición de flores en diferentes tipos de inflorescencias.
Ademais, farase unha saída polos arredores das instalacións da Aula da Natureza para recoller flores e proceder a súa catalogación posterior. Pola tarde, os nenos e nenas participarán nun xogo relacionado coa temática da natureza. Os/as participantes teñen que levar comida da casa para xantar.
O concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo, explica que “a programación de primavera está centrada nas saídas e actividades no exterior para aproveitar que os días son máis longos e hai máis horas de luz. Deste xeito, para este mes de abril combínanse obradoiros sobre as flores, con actividades de cociña de produtos de tempada e unha camiñada teatralizada polo rego do Andoriña, que sempre teñen moi boa aceptación entre a veciñanza”.
A técnica da Aula da Natureza, Patricia Reboreda, subliñou que “é unha programación que intentamos que se achegue tanto a adultos como a rapaces na que poidan participar e aprender persoas de todas as idades, centrada sobre todo nas flores e produtos de tempada de primavera”.
Xornadas lobeiras e sobre o eclipse solar
Javier Antelo tamén adiantou algunhas das actividades que se van a realizar durante os meses de maio e xuño. “Os días 16 e 17 de maio vanse a realizar unhas xornadas lobeiras, que estarán dirixidas a todos os públicos, pero fundamentalmente á veciñanza do rural que son os que teñen que convir con este animal diariamente. A través destas xornadas vaise a dar a coñecer o lobo e desmentir falsos mitos sobre este animal. O lobo non ataca as persoas e cando come faino por necesidade. É importante que a veciñanza coñeza máis sobre o comportamento deste animal”.
Por outra banda, tamén explicou que “se vai a incidir nese evento astronómico do eclipse, que se vai a producir o 12 de agosto, xa que o concello de Ames vai a ser deses lugares privilexiados nos que se vai poder observar. Debido a iso dende o Concello vanse realizar actividades para achegar información sobre como se vai a producir, coñecer os mellores lugares para poder observalo, as horas de observación, e que medidas de protección hai que adoptar para non sufrir danos oculares”.
Programación para o mes de abril
Xunto a actividade do sábado 11 de abril, ao longo deste mes desenvolveranse dúas actividades máis da Aula da Natureza. Deste xeito, os días 18 e 25 de abril vanse realizar dous obradoiros sobre cociña de tempada e sobremesas de flores e froitas. Estes dous obradoiros vanse impartir nas instalacións da Aula da Natureza en horario de 11.00 a 13.30 horas. O obradoiro do sábado 18 de abril está dirixido a persoas adultas, mentres que a actividade do sábado 25 de abril é para rapaces e rapazas de 6 a 14 anos. Ofértanse 20 prazas para cada obradoiro.
Neste caso vaise dar continuidade á actividade de cociña de outono cunhas xornadas de cociña no que se empregarán flores e froita da época de primavera como son as fresas, arandos e flores como as prímulas.
Camiñada teatralizada
Así mesmo, para o domingo 26, está programada unha nova camiñada teatralizada polo rego da Andoriña, en horario de 10.30 a 14.00 horas, para todos os públicos. “O segredo do Andoriña” é unha ruta duns 5,2 quilómetros que ten como obxectivo poñer en valor e dar a coñecer o patrimonio material e inmaterial da contorna do río Tambre.
O punto de inicio da camiñada será desde a praia fluvial de Tapia. Haberá servizo de autobús, con saída ás 10.00 horas desde a Casa da Cultura do Milladoiro e ás 10.15 horas desde o Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Ao final da actividade haberá servizo de autobús de volta. A actividade é de balde pero, para participar, é preciso realizar unha inscrición previa. Hai 40 prazas dispoñibles.
A través desta actividade a veciñanza pode coñecer as parroquias de Tapia e Piñeiro. Os/as participantes, a través de diversas representacións, poden descubrir particularidades da natureza, a historia e o patrimonio de ambas parroquias. Ao longo da camiñada percorreranse recunchos como a fonte da Madalena, o rego da Andoriña, o Muíño do Crego, o castro de Piñeiro, o priorado de San Mamede... Todos eles serán o escenario no que se desenvolverán escenas con personaxes como menciñeiras, abades ou muiñeiros.
As actividades contan con servizos de autobús
Todas as actividades contarán con servizos de autobús. En todas as actividades terán prioridade as persoas empadroadas no Concello de Ames. Para inscribirse nas actividades da Aula da Natureza, é preciso enviar a ficha de inscrición, que se pode descargar na seguinte ligazón, ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 660 00 46 65 ou enviar un correo electrónico ao enderezo da Aula da Natureza.







