Pestanas principais

O lobo, protagonista da programación da Aula da Natureza no mes de maio

Martes, 05 de maio de 2026

A Aula da Natureza dálle a benvida ao mes de maio con catro actividades novas, logo da boa acollida da programación de abril. A veciñanza amesá poderá desfrutar de novas saídas, obradoiros e relatorios arredor do medio natural, onde o lobo tomará protagonismo grazas á actividade “O lobo. Patrimonio e lenda”, programada para o sábado 16 e o domingo 17. Para esta actividade vaise elaborar unha programación específica que se dará a coñecer nos vindeiros días. As persoas asistentes poderán coñecer este animal de maneira profunda e diferenciar os mitos que o engloban da realidade. Preme nesta ligazón para consultar a programación.

A Aula da Natureza continúa coa súa programación de primavera neste mes de maio, logo do inicio da axenda estacional en abril. Catro actividades serán as que conformen o cartel deste mes, entre as que se atopan a saída ornitolóxica coa SEOBirdLife, as xornadas orientativas “O lobo. Patrimonio e lenda” e os obradoiro “Pintando natureza” e “Horta sostible”.

Con respecto á actividade lobeira, o concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo, destaca que o sábado 16 e o domingo 17 de maio vanse a realizar unhas xornadas arredor do lobo, no que se abordarán cuestións relacionadas con este animal. Estas xornadas están dirixidas a todos os públicos, pero fundamentalmente á veciñanza do rural que son os que teñen que convir con este animal diariamente”.

Antelo engade “a través destas xornadas vaise a dar a coñecer o lobo e desmentir falsos mitos sobre este animal salvaxe. Quérese poñer de manifesto que forma parte do noso patrimonio e tamén falar das lendas que hai arredor do lobo. É importante que a veciñanza coñeza máis sobre o comportamento deste animal”.

Saída ornitolóxica, obradoiros “Pintando natureza” e “Horta sostible”
A programación comezará o vindeiro sábado, 9 de maio, de 10.30 a 14.00 horas, coa saída ornitolóxica da man de SEOBirdLife, a Sociedade Española de Ornitoloxía. A excursión comezará na praza do Concello, en Bertamiráns, e está dirixida a todos os públicos. Para poder participar é preciso inscribirse, xa que as prazas están limitadas a 35. Os menores deberán estar acompañados por unha persoa adulta.

Outra das actividades deste mes de maio é o obradoiro “Nocións básicas de pintura da paisaxe ao natural”, o próximo sábado 23, de 11.00 a 14.00 horas. Dirixida ao público adulto, a actividade será impartida na Aula da Natureza para un total de 30 persoas. Pechará o mes o obradoiro “Horta sostible”, os sábados 30 de maio e 6 de xuño, en horario de 11.00 a 14.00, na Aula da Natureza. Para esta actividade tamén haberá un límite de 30 prazas e está dirixida a persoas adultas. 

Xornadas lobeiras
O centro da programación deste mes xirará arredor das xornadas “O lobo. Patrimonio e lenda”, o sábado 16 e domingo 17. Dirixidas a todos os públicos, pero fundamentalmente á veciñanza do rural, que é a que convive diariamente con este animal, as xornadas buscan dar a coñecer o lobo e desmentir todos os mitos populares sobre a súa figura. 

O lobo ibérico, o maior membro en liberdade pertencente á familia dos cánidos, é tamén o gran depredador salvaxe de Galicia, polo que enfronta numerosos mitos e falsas crenzas arredor da súa concepción popular. Esta actividade servirá de guía para afondar na historia e natureza dun animal tan presente na vida rural do país. Nos próximos días darase a coñecer a programación específica destas xornadas.

As actividades contan con servizos de autobús
Todas as actividades contarán con servizos de autobús. En todas as actividades terán prioridade as persoas empadroadas no Concello de Ames. Para inscribirse nas actividades da Aula da Natureza, é preciso enviar a ficha de inscrición, que se pode descargar na seguinte ligazón, ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 660 00 46 65 ou enviar un correo electrónico ao enderezo da Aula da Natureza.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Ames mira cara ao lobo para desmontar mitos e achegarse á súa realidade"

Diario de Santiago: "O lobo, protagonista da programación da Aula da Natureza no mes de maio, en Ames"

O lobo, protagonista da programación da Aula da Natureza no mes de maio

Multimedia

  • O lobo, protagonista da programación da Aula da Natureza no mes de maio