- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, lémbralle os/as propietarios/as de terreos forestais, que estean incluídos nas faixas de protección contra incendios forestais, a obriga de manter sempre limpos ditos terreos e en todo caso sempre antes do 31 de maio de cada ano. O Concello publicou un bando no que se fai un recordatorio das obrigas dos responsables de terreos forestais contemplados na Lei 3/2007 de prevención de incendios forestais de Galicia, modificadas pola Lei de 7/2012 de montes de Galicia. Premendo neste enlace pódense consultar as faixas de protección.
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, informa a todos os veciños e veciñas de Ames, que a Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia publicou no DOG do martes 17 de abril de 2007, a lei de Prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia modificada posteriormente pola lei 7/2012 de Montes de Galicia (DOG do luns 23 de xullo de 2012).
A mencionada lei establece no seus artigos 21 e 22 as obrigas das persoas físicas e xurídicas responsables das parcelas incluídas nas faixas de protección contra incendios forestais, que deberán cumprir coas obrigas de xestión do combustible vexetal (tala e roza), antes do 31 de maio de cada ano, xestionando a biomasa vexetal nunha franxa de 50 metros perimetral ao solo urbano, de núcleo rural e urbanizable delimitado, así como ao redor de edificacións, vivendas illadas e urbanizacións, depósitos de lixo, parques e instalacións industriais ubicadas a menos de 400 metros do monte, de maneira que nestes 50 metros non poderá haber nin piñeiros nin eucaliptos nin acacias, de acordo cos criterios de xestión de biomasa establecidos na disposición transitoria terceira.
Os/as propietarios/as de terreos forestais, que estean incluídos nas faixas de protección contra incendios forestais, teñen a obriga de manter sempre limpos ditos terreos e en todo caso sempre antes do 31 de maio de cada ano. Estas fincas deberán estar libres de maleza e ter realizada a tala das especies arbóreas prohibidas nestas áreas: Piñeiro galego, piñeiro do país, piñeiro silvestre, piñeiro de Monterrei, piñeiro de Oregón, mimosa, mimosa negra e eucalipto.
As distancias no caso de edificacións, vivendas illadas ou urbanización mediranse dende o paramento das mesmas. No caso de depósito de lixo, parques ou instalacións industriais, mediranse dende o límite das instalacións.
Responsabilidade civil e penal
No caso de incumprimento das obrigas sinaladas anteriormente, segundo o artigo 22 da Lei 3/20017, de procedemento de xestión da biomasa no ámbito das redes secundarias, o Concello de Ames poderá proceder á notificación ás persoas responsables da súa obriga, advertíndolle da posibilidade de execución subsidiaria en caso de incumprimento e sen prexuízo da instrución do procedemento sancionador que correspondese, e da aplicación de multas coercitivas, no seu caso.
Os titulares de fincas que non se atopen limpas, serán responsables tanto civil como penalmente, polos posibles danos que se poidan ocasionar, tanto a persoas ou bens, como consecuencia de incendios forestais nos que a súa orixe sexa a falta de coidado debido das parcelas, sen prexuízo das sancións que se poidan impoñer de conformidade coa lexislación vixente.
Ortoño parroquia priorizada
Este ano 2026 o convenio de xestión de biomasa prioriza a parroquia de Ortoño, por alta actividade incendiaria, o que supón que os veciños poderán solicitar o servizo de limpeza e tala ao SEAGA por un prezo de 420 euros/hectárea. Deste xeito, existe a posibilidade de asinar un contrato coa Xunta de Galicia, para que esta se encargue da limpeza das mesmas.
Para máis información poden dirixirse a oficina municipal de medio ambiente, na casa do Concello ou a través dos teléfonos 981 883 002 ou do correo electrónico medioambiente@concellodeames.gal. O que se pon en xeral coñecemento para os efectos oportunos.





