- Tematica
O Concello de Ames vén de reunirse coa xunta directiva da Comunidade Enerxética “Ames Solar” e os seus socios ante o cambio de paradigma destas instalacións, logo da aprobación do Real Decreto-lei 7/2026, de 20 de marzo, no que se amplía o radio máximo permitido entre os puntos de xeración de consumo de 2 a 5 quilómetros. Deste xeito, a case totalidade do territorio municipal poderá participar nesta iniciativa que facilita o autoconsumo compartido. Ademais, cómpre lembrar que a finais de 2025 se creou a páxina web Ames Enerxia para proporcionar información e axudar á veciñanza que estea interesada en participar en dita comunidade enerxética.
En dita xuntanza, ambas institucións estableceron puntos comúns para tratar de afrontar esta nova normativa, que ofrece a oportunidade de incluír na Comunidade Enerxética á meirande parte dos núcleos municipais, entre eles O Milladoiro e Bertamiráns. Tan só quedarían fóra deste radio seis aldeas das parroquias de Piñeiro e Ameixenda, para as que o Concello xa está traballando en alternativas.
Unha das medidas máis importantes que se tomaron en común foi a de reactivar a campaña de captación con charlas informativas co obxectivo de dar continuidade ao traballo de proximidade territorial e poder achegar as comunidades enerxéticas á veciñanza amesá, así como ás asociacións de empresarios da contorna.
Ademais disto, o Concello de Ames porá a disposición as cubertas que sexan viables para a instalación dos paneis fotovoltaicos. Nestes momentos, ditas cubertas localízanse no edificio multiusos de Aldea Nova, no cemiterio municipal e na ETAP de Lens, pero a maiores estanse estudando a habilitación de máis cubertas para incrementar a poboación beneficiaria.
O concelleiro de Xestión do Medio Natural, Javier Antelo, explica que “a nova normativa amplía o radio máximo permitido entre os puntos de xeración de consumo de 2 a 5 quilómetros. Isto é unha boa nova xa que case todo o territorio municipal poderá participar nesta iniciativa que facilita o autoconsumo compartido. Trataremos de facer novas xuntanzas coa veciñanza para informar sobre a Comunidade Enerxética “Ames Solar”, para que as persoas interesadas se sumen a dita iniciativa”.
Que é unha Comunidade Enerxética?
As Comunidades Enerxéticas representan un novo modelo enerxético baseado na participación cidadá, onde os residentes poden producir, consumir, almacenar e compartir colectivamente enerxía renovable, democratizando o acceso á enerxía limpa e reducindo a dependencia das grandes compañías eléctricas.
Ademais de un aforro importante na factura da luz das persoas participantes nos proxectos, tamén se marcan obxectivos como o autoconsumo e o empoderamento enerxético, a pobreza enerxética, a descarbonización, o emprego verde e a economía local.
Nova páxina web Ames Enerxía
A finais de 2025 creouse a páxina web Ames Enerxía para proporcionar información e axudar a veciñanza que estes interesada en participar en dita comunidade enerxética. Para ampliar información sobre esta cuestión tamén se pode escribir un correo electrónico ao enderezo asociacionamessolar@gmail.com.
A través de dita páxina web pódese facer un cálculo do aforro que pode supor na factura da luz pertencer á comunidade enerxética Ames Solar. Posteriormente, as persoas que estean interesadas en participar na comunidade enerxética disporían dun estudo detallado sobre dito aforro.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "¿Por qué O Milladoiro y Bertamiráns podrán asociarse ahora a la comunidad energética de Ames?"
La Voz de Galicia: "Ames refuerza la apuesta sobre las comunidades energéticas"








