Pestanas principais

O lobo será o gran protagonista da fin de semana en Ames

Venres, 15 de maio de 2026

O departamento de Medio Ambiente, a través da Aula da Natureza, organiza esta fin de semana, os días 16 e 17 de maio, as I Xornadas monográficas sobre o lobo do Concello de Ames no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, as cales están enmarcadas dentro da programación deste mes. Durante estes dous días, as persoas asistentes poderán coñecer en profundidade a natureza do gran depredador salvaxe de Galicia, así como discriminar entre mitos e realidades arredor da súa figura, a través das actividades programadas. Aínda quedan prazas libres para as actividades que precisan inscrición, a cal pode facerse na seguinte ligazón

O lobo será o protagonista desta fin de semana na Aula da Natureza. Os días 16 e 17 celebraranse as I Xornadas monográficas sobre o lobo do Concello de Ames no Pazo da Peregrina. Durante estes dous días, haberá unha exposición, un circuíto de relatorios, unha actividade de busca do tesouro, un obradoiro de rastros, un muro de debuxos sobre o lobo e unha ruta guiada.

O obxectivo destas xornadas é achegar á veciñanza, dende varias perspectivas, a figura dun animal tan representativo do monte galego. Deste xeito, as persoas asistentes recibirán unha guía completa sobre o lobo, a cal, entre outras cousas, servirá para desmentir todos os mitos populares sobre a súa figura.

As I Xornadas monográficas sobre o lobo comezarán o sábado coa inauguración e guía da exposición efémera “O lobo”, dende as 10.00 horas. Posteriormente, arredor das 11.00 horas darán comezo as charlas coloquio. Serán un total de tres: “Lobos e humanos: camiños converxentes”, con Antonio Centenera; “Comportamento e adaptación do lobo”, con Pedro Domínguez; e “Convivencia entre lobos e gandaría”, con Ovidio Queiruga. A asistencia é libre ata completar aforo.

Paralelamente desenvolverase a Busca do Tesouro Lobeiro, dirixida ao público infantil. De 10.30 a 12.00 horas estará orientada a rapaces e rapazas de entre 8 e 16 anos, mentres que de 12.30 a 13.30 horas será a quenda do tramo de idade de entre 0 e 7 anos. Os nenos/as participantes deberán estar sempre acompañados por un adulto. Esta actividade si que necesita inscrición previa, xa que as prazas están limitadas a 30 para cada grupo de idade.

Xa pola tarde, a programación retomarase co Obradoiro de Rastros, que estará dispoñible dende as 16.00 ata as 18.00 horas. Esta actividade está orientada a todos os públicos, e do mesmo xeito que na busca do tesouro, será preciso facer inscrición previa. As prazas están limitadas a 30. Ademais, durante toda a xornada do sábado estará dispoñible o muro de debuxos sobre o lobo e o pintacaras lobunas.

O domingo, as I xornadas monográficas sobre o lobo pecharán esta edición inaugural coa ruta guiada enfocada aos rastros á etoloxía e ao hábitat do lobo. A actividade celebrarase en horario de 11.00 a 14.00 horas e a expedición tomará o Pazo da Peregrina como punto de encontro inicial antes de comezar o itinerario.

Para poder participar nestas xornadas, algunhas das actividades programadas necesiten inscrición previa. Todas as persoas interesadas en participar, deberán enviar cuberto o seguinte formulario ao enderezo de correo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal. Do mesmo xeito, para máis información tamén se pode chamar ao número de teléfono 660 00 46 65.

O lobo será o gran protagonista da fin de semana en Ames