Solapas principales

Departamento de Servicios Económicos

Noticias del departamento

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu unha nova xuntanza da Comisión de Orzamentos Participativos do Rural, onde se acordou que nos orzamentos de 2020 incluirase unha partida orzamentaria destinada a contratar unha asistencia técnica, de cara a afondar neste proceso co obxectivo de seguir ampliando e reforzando as fórmulas de participación, que incluiría o deseño e implantación dun novo proceso ao longo deste ano no que quedarían seleccionadas as propostas que serían executadas no 2021. Todos os representantes das parroquias do rural que asistiron á xuntanza votaron a favor, por unanimidade, deste acordo.

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu este luns, 22 de xullo, unha nova xuntanza da Comisión de Orzamentos Participativos para a Mocidade 2018. Nela, analizáronse os proxectos votados no seu día, destinados á construción de dous anfiteatros, un no Milladoiro e outro no lugar de Lapido, preto de Bertamiráns, para organizar festas, teatro e cine ao aire libre. Ademais, acordouse a realización de dous festivais con grupos locais que servirán para inaugurar ditos equipamentos. 

A Concellaría de Economía e Facenda segue a traballar no Plan de Medidas Tributarias COVID-19  poñendo en marcha de mecanismos que faciliten, na situación actual de estado de alarma, o pago de impostos e taxas, como son ademáis da ampliación de prazos de pago en voluntaria, medidas que faciliten o aprazamentos e fraccionamentos dos pagos. Precisamente, unha das últimas medidas tributarias que ven de lanzar o Departamento Económico é a relativa aos aprazamentos ou fraccionamentos das débedas, tanto en impostos e taxas delegadas na Deputación da Coruña, como as xestionadas directamente polo Concello de Ames. En ambos casos, haberá que solicitalo antes da data de cargo, no caso dos recibos domiciliados, e antes da data da fin da voluntaria, no caso dos recibos non domiciliados.

A veciñanza amesá pode acceder xa ao novo Calendario fiscal do Concello de Ames para o 2020, onde se recollen ampliacións dos períodos de voluntaria para o pago dos recibos de impostos que máis gravan á cidadanía e empresas coma é o caso do IBI, IAE, IVTM, e indícanse as datas de cargo dos recibos domiciliados, o período voluntario de pago dos recibos non domiciliados e as datas de cargo do recibo domiciliado do IBI mediante o sistema de fraccionamento en dous prazos. Tamén van detalladas as datas para as diferentes taxas e prezos públicos do Concello. A Concellaría de Economía e Facenda incluíu neste novo calendario fiscal as medidas tributarias que se foron tomando atendendo á situación excepcional provocada pola crise da Covid-19, polo que podería sufrir modificacións atendendo a esa excepcionalidade, coa fin de adaptarse a novas necesidades que vaian xurdindo.

Desde que se declarou o estado de alarma, derivado da crise sanitaria da Covid-19, a Concellaría de Economía e Facenda estivo a traballar para artellar mecanismos para poder facilitar o pago dos impostos e taxas, como a ampliación de prazos de pago en voluntaria, facilidades de aprazamentos e fraccionamentos de pagos, ou a calendarización dos mesmos, esperando poder aliviar as cargas das familias e empresas. Desta volta, o departamento de Economía lanza a información das novas medidas tributarias relativas ao calendario fiscal do Concello de Ames, mellora nas condicións dos aprazamentos e/ou fraccionamento de débedas, ampliacións de prazos de pago dos recibos, e a ampliación de prazos para acollerse ao Sistema especial voluntario de pagamento fraccionado do IBI.

Até o día 15 de outubro está aberto o prazo de presentación de propostas dos Orzamentos Participativos do 2020. Destinaranse 200.000 euros que se investirán no rural, nas áreas de mocidade, muller, cultura e medio ambiente. O goberno municipal propón á veciñanza que faga achegas e decida o gasto en  actividades  e investimentos escollidos a través deste proceso. As actuacións resultantes desenvolveranse ao longo do ano 2021. As propostas poderanse presentar na plataforma en liña  que o Concello habilitou para facilitar a entrega de propostas, en vista das circunstancias actuais derivadas da crise sanitaria da COVID-19. Tamén poderá recollerse a ficha de propostas e enviar a proposta por correo electrónico ao enderezo opames2020@cidadania.coop, ou entregalas nas dependencias municipais.

Dende o pasado 14 de marzo, día no que se decretou o estado de alarma, os prazos dos diferentes procedementos foron suspendidos. O Concello de Ames, coñecedor da necesidade de activación dos sectores da construción e servizos, acordou desde a primeira semana do estado de alarma, a realización de mesas de contratación de xeito telemático, de cara a poder seguir cos procedementos que se atopaban nalgunha das fases de contratación. Na actualidade estase traballando en case 40 procedementos de obras e servizos.

O Concello de Ames ven de ampliar novamente, mediante decreto da alcaldía, o período voluntario de ingreso das liquidacións tributarias e de ingresos de dereito público practicadas pola administración local, con vencemento o 20 de marzo, o 5 de abril, ou o 20 de abril, ata o 30 de maio de 2020, acolléndose ao  Real Decreto Lei 15/2020. Asemade, amplíase tamén ata a mesma data o período voluntario de ingreso de diferentes taxas e prezos públicos municipais. Este é a segunda ampliación que se recolle dos períodos voluntarios dos recibos non domiciliados en circulación, ampliando novamente un mes máis, do 30 de abril ao 30 de maio. Ao pé desta nova podes consultar o novo Decreto de modificación de medidas extraordinarias en materia tributaria e nos ingresos de dereito público como consecuencia do estado de alarma motivado polo Covid-19.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Economía e Facenda e da Concellaría de Participación Veciñal, informa de que se amplía o prazo para presentar propostas ao proceso de Orzamentos Participativos 2020. Dita ampliación realízase debido ao atraso que houbo no inicio do curso escolar en secundaria. O próximo mércores, 14 de outubro, está prevista unha xuntanza coas directoras do IES de Ames (en Bertamiráns) e do IES do Milladoiro. O obxectivo é establecer unha toma de contacto e presentar a iniciativa para establecer as canles de información coa mocidade amesá. O Goberno municipal quere realizar un traballo conxunto cos centros educativos de secundaria, para dar a coñecer esta iniciativa e implicar á mocidade a que presente propostas. Tamén se iniciaron os contactos coas asociacións culturais, sociais, veciñais e  deportivas rexistradas en Ames, enviándolles a información e animándoas a participar nesta iniciativa. Presenta a túa proposta a través dun formulario web, por teléfono 674 805 085, enviando a ficha de propostas por correo electrónico ao enderezo opames2020@cidadania.coop, ou de xeito presencial.

A Xunta de Goberno Local ven de aprobar o expediente de licitación, para a contratación dunha operación de préstamo, por importe de 312.127 euros, para o financiamento de actuacións incluídas dentro do Plan Impulsa Ames, da EDUSI. Estas actuacións teñen un custe total de 1.248.509,12 euros, dos cales o Concello sufraga 312.127,29 euros, e o importe restante, 936.381,87 euros, son sufragados con cargos aos fondos FEDER que lle foron concedidos ao Concello de Ames. Estes proxectos recollen actuacións urbanísticas, de mellora do alumeado público, asistencia social, sociedade da información e patrimonio municipal.