Este martes, 28 de decembro, celebrouse a sesión ordinaria do pleno de decembro no que a Corporación municipal aprobou por unanimidade a rectificación do Inventario municipal, que levaba sen actualizar dende hai máis de 20 anos. Neste mesmo pleno aprobouse tamén por unanimidade solicitar unha subvención á Deputación para a creación dunha área de autocaravanas en Bertamiráns; o incremento da cantidade global destinada á asignación de gratificacións, horas extras e horas complementarias no orzamento 2021; a prórroga do contrato coa empresa Urbaser SA, para a xestión da limpeza viaria e do Punto Limpo polo prazo de seis meses; e maila revisión dos prezos de Urbaser SA para 2021. A continuidade da prestación do servizo do Ciclo Integral da Auga pola concesionaria do servizo, Espina & Delfín SL, saíu adiante co voto a favor dos membros do grupo de Goberno. A proposta presentada por Ames Novo sobre a adecuación dos límites de velocidade ao establecido polo Real Decreto 970/2020 en diversas estradas do concello foi aprobada co voto a favor dos concelleiros/as do grupo municipal popular e do grupo mixto. A segunda proposta, presentada polos grupos municipais socialista, Contigo Podemos e Ames Novo, na que se insta ás autoridades da República de El Salvador a cumprir a sentenza do Tribunal Iberoamericano de Dereitos Humanos no chamado “Caso Manuela”, para reformar a lei que penaliza calquera tipo de aborto, incluso o terapéutico, foi aprobada por unanimidade.