Solapas principales

O Pleno aproba por unanimidade a Conta Xeral do exercicio 2021

Viernes, 09 de septiembre de 2022

Este xoves, 8 de setembro, celebrouse o pleno ordinario correspondente ao mes de agosto. En dita sesión plenaria a Corporación municipal aprobou por unanimidade todos os puntos recollidos na orde do día. Deste xeito aprobouse a Conta Xeral, que se pechou cun resultado orzamentario axustado de 1.750.000 euros e un remanente de tesourería de 9.366.000 euros. Ademais, a Corporación municipal aprobou a ratificación do decreto de cambio de responsable do contrato do servizo de limpeza viaria e xestión do Punto Limpo; o proxecto modificado de melloras básicas nas condicións térmicas e acústicas no pavillón do Milladoiro; os festivos locais para 2023; e maila prórroga do convenio para a asunción pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia da convocatoria e desenvolvemento dos procesos selectivos unitarios para o acceso ás diferentes categorías dos corpos de policía local e ás prazas de auxiliares de policía local ou ás prazas de vixiantes municipais.

O pleno comezou co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Dende o pleno do pasado mes de xullo aprobáronse os decretos que van do 2.265 ata o 2.558. Tamén se deu conta das resolucións adoptadas contrarias aos reparos de 2021 e da información periódica a render ao pleno, correspondente ao segundo trimestre do exercicio 2022. En canto ao período medio de pago correspondente ao segundo trimestre de 2022 está en 34 días. A concelleira de Economía e Facenda destacou que o obxectivo é baixar o período medio de pago de cara ao vindeiro trimestre e tratar de non superar os 30 días.  

No apartado de deliberación e acordo en primeiro lugar aprobouse por unanimidade a acta do pleno ordinario do pasado mes de xullo. A continuación abordouse a ratificación do decreto de cambio do responsable do contrato do servizo de limpeza viaria e xestión do punto limpo do Concello de Ames, que pasará a ser o técnico do ciclo integral da auga, adscrito á Concellaría de Obras e Servizos Básicos. Este punto foi aprobado por unanimidade.

Pavillón polideportivo do Milladoiro
Outro dos temas aprobados por unanimidade foi  a modificación do proxecto de obras de melloras básicas nas condicións térmicas e acústicas no pavillón polideportivo do Milladoiro. A Corporación municipal aprobou o 4 de febreiro de 2021 a participación do Concello de Ames no POS+ 2021. Nesta mesma sesión plenaria aprobouse o proxecto de obras de melloras básicas nas condicións térmicas e acústicas no pavillón polideportivo do Milladoiro, que contaba cun orzamento de execución por contrata de 66.535,12 euros.

Ao iniciar o expediente de licitación das obras xurdiu a necesidade de introducir modificacións no orzamento debido ao encarecemento experimentado nos últimos meses nas unidade de obra o que elevou o orzamento de contratación a 94.506,38 euros. O Pleno deberá debater a modificación de dito proxecto.

Fixación dos festivos locais para 2023
O Pleno tamén aprobou por unanimidade a fixación dos festivos locais do concello de Ames para o ano 2023. Os festivos locais do vindeiro ano serán o luns de Pascua (10 de abril) e mailo día da Ascensión (18 de maio).

Procesos selectivos para o acceso aos corpos de policía local
Por outra banda, aprobouse por unanimidade a prórroga do convenio entre o Concello de Ames e a Vicepresidencia e Consellería da Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza para a asunción pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia da convocatoria e desenvolvemento dos procesos selectivos unitarios para o acceso ás diferentes categorías dos corpos de policía local e ás prazas de auxiliares de policía local ou ás prazas de vixiantes municipais.

O Pleno do Concello de Ames aprobou na sesión do 1 de marzo de 2018 o acordo de delegación na administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a convocatoria e desenvolvemento dos procesos selectivos unitarios para o acceso ás diferentes categorías dos corpos de policía local e ás prazas de auxiliares de policía local ou ás prazas de vixiantes municipais. Dito convenio tiña unha duración de 4 anos prorrogables por 4 máis, sempre que a prórroga fose acordada antes da finalización da duración inicial. Deste xeito, unha vez aprobada dita prórroga o convenio finalizará o 19 de novembro de 2026.

Conta Xeral 2021
O punto que máis debate xerou no pleno ordinario de agosto foi a aprobación da Conta Xeral de 2021, que finalmente foi aprobada por unanimidade de toda a Corporación municipal. A Conta Xeral do 2021 xunto co ditame da Comisión Especial de Contas foi exposta ao público por un prazo de 15 días hábiles durante os cales se puideron presentar reclamacións, reparos ou observacións. Agora, unha vez foi aprobada polo Pleno, deberá presentarse ante o Consello de Contas.

Cómpre lembrar que o pasado 27 de xullo celebrouse a convocatoria extraordinaria da Comisión informativa permanente de Economía e Facenda e Especial de Contas cun único punto na orde do día que era o “Exame e informe da Conta Xeral 2021”. En dita comisión ditaminouse favorablemente a Conta Xeral 2021. O Concello de Ames pechou o exercicio 2021 cun resultado orzamentario axustado de 1.750.000 euros e un remanente de tesourería de 9.366.000 euros, acadando unhas cifras de execución máximas no tocante aos gastos de 27.039.000 euros de obrigas recoñecidas, na que destaca unha cifra de execución de investimentos (capítulo 6) do Concello por importe de 3.245.000 euros e unhas cifras de ingresos que acadaron os 28.355.000 euros.

Sobre este asunto a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, destacou que “durante o exercicio 2021 o Concello de Ames recuperou a estabilidade orzamentaria, cumpriu o nivel de débeda viva e acadou un remanente de tesouraría de 9.366.000 euros”. Ademais, salientou que “se incrementaron os gastos de persoal, os gastos correntes de bens e servizos e mailas transferencias correntes. Ao mesmo tempo descenderon os gastos financeiros”. Quixo destacar tamén que “durante o exercicio 2021 alcanzouse un nivel de execución moi alto. Aínda así non se puido executar todo o que nós quixéramos, pero consideramos que foi un éxito por todos os atrancos que houbo na canle de subministro de material. Agardamos que este ano se poidan executar proxectos importantes que xa están adxudicados ou en fase de licitación”.  

O concelleiro do grupo mixto, José Ramón Oulego, de Ciudadanos, destacou que “os investimento reais descenderon con respecto ao ano 2020 e que se incrementou o período de pago a provedores chegando a triplicarse. Malia a que descenderon o número de reparos respecto ao ano anterior esta segue a ser unha constante neste mandato o que pon de manifesto o escaso interese do Goberno municipal por cumprir a lei de contratos do sector público” Destacou ademais que “o Concello de Ames posúe un alto remanente de tesourería e que dita contía poderíase empregar no beneficio dos veciños e veciñas ou para poder facer unha rebaixa fiscal”.  

O concelleiro do grupo mixto, Quique Costas, de Ames Novo dixo que “a Conta Xeral é unha foto da xestión feita polo Goberno municipal durante o exercicio 2021 e que confirma que o Concello ten un endebedamento baixo e un nivel de autonomía alto o que unha boa nova. Temos un remanente de tesourería moi alto, pero reduciuse a taxa de investimentos o que se traduce en que a cantidade de gasto realizada é moi baixa. Gustaríame que as cousas se fixeran doutro xeito e que se redobraran esforzos no que atinxe ás políticas sociais. As persoas menos favorecidas levamos vivindo unha crise permanente polo que é necesario facer un esforzo en políticas sociais de cara ao futuro”.

A voceira do Partido Popular de Ames, Oliva Agra, recalcou que “non consideramos que sexa facer unha boa xestión ter un remanente de tesourería de algo máis de 9 millóns de euros. Tampouco é facer unha boa xestión ter asfixiados aos veciños e veciñas de Ames coa política fiscal que temos na actualidade. O Concello está recadando un 18% máis na actualidade que ao comezo do actual mandato o que nos parece bochornoso, xa que se recada máis pero eses ingresos non se invisten na veciñanza. Temos que catalogar a acción do Goberno municipal de total desgoberno e improvisación, que se manifesta no gran numero de reparos existentes e no abuso de adxudicacións directas a través de contratos menores”.

Novas relacionadas:

AMSGO!: "10 de abril e 18 de maio, festivos locais de Ames 2023"

El Correo Gallego: "Presumen de Conta Xeral en Ames entre críticas por los tributos y retraso en pagar"

Lindeiros: "Ames aproba a Conta Xeral do exercicio 2021"

O Pleno aproba por unanimidade a Conta Xeral do exercicio 2021

Multimedia

  • O Pleno aproba por unanimidade a Conta Xeral do exercicio 2021
  • O Pleno aproba por unanimidade a Conta Xeral do exercicio 2021
  • O Pleno aproba por unanimidade a Conta Xeral do exercicio 2021
  • O Pleno aproba por unanimidade a Conta Xeral do exercicio 2021