Cos votos a favor de todos os membros da corporación municipal aprobouse onte a creación dos Consellos Sectoriais de Cultura e Educación. Asemade tamén se aprobou por unanimidade e a modificación do proxecto técnico de acondicionamento e mellora da cuberta e das fachadas da EIM O Bosque e a adhesión o programa de Teleasistencia Domiciliaria da Deputación da Coruña. A orde do día incluía ademais unha proposta do PP para instar ao Goberno de España a poñer en marcha medidas para rebaixar o prezo da luz que foi rexeitada ao votaren en contra os concelleiros de Contigo Podemos, PSOE e Ames Novo; unha proposta do BNG sobe a transferncia da AP9 a Galicia que se aprobou coa abstención do grupo Socialista; e outra do grupo Mixto, presentada polo concelleiro de Ciudadanos, Ramon Oulego, que instaba á Xunta a que fixese estudos para instalar filtros HEPA nas aulas, que foi rexeitada cos votos en contra de PP, PSOE, BNG e Contigo Podemos e a abstención do concelleiro de Ames Novo. A proposta presentada conxuntamente polo grupo de Goberno e o grupo Mixto a través da que se insta á Xunta de Galicia a dar cumprimento ao Plan Hidrolóxico Galicia Costa 2015-2021, e acometer, á máxima brevidade posible, as actuacións necesarias para a ampliación e mellora da depuradora de Sisalde, votouse ás 24:00 horas en punto, logo de que o alcalde de Ames, José Miñones, advertise aos concelleiros Ramón Argibay do Partido Popular e Blas García do PSOE sobre a falta de respecto que supuña que duplicasen o tempo permitido na exposición dos seus argumentos. A proposta saíu adiante cos votos a favor de toda a corporación, agás o PP que se abstivo. Por falta de tempo, quedou sen tratar a declaración institucional, proposta polo concelleiro do grupo mixto José Ramón Oulego, para garantir a máxima transparencia e cumprimento do protocolo de vacinación e asegurar o cese dos políticos que se salten ou cometan calquera tipo de irregularidade asociada ao proceso ou a orde de vacinación. O pleno foi retransmitido vía streaming a través da páxina de directo da web municipal.