Onte á tarde, a concelleira de Benestar e Igualdade, Luísa Feijóo, acompañada de veciños e veciñas da zona realizaron un pequeno roteiro para visitar os tres murais que conforman o proxecto: "Terra de mulleres: as voces nos valos". Os murais están situados no bar Guaraní do campo da festa, na parede dun garaxe do lugar de Raíces e nun valo, cedido por un veciño, na mesma aldea. Dúas das obras foron realizadas polas artistas arxentinas "Dúo Amazonas", coordinadas por 7H Cooperativa Cultural, e están inspiradas nas fotos e as lembranzas que aportaron veciños e veciñas da parroquia. O terceiro mural creouse a través dun obradoiro colaborativo no que participaron varias mulleres da zona. O proxecto naceu da proposta que as xentes do rural de Ames fixeron para os Orzamentos Participativos 2020.