Antonte, 21 de outubro, inaugurouse no Pazo da Peregrina de Bertamiráns a exposición de fotografía EspadELA, unha mostra sobre feminismos e ruralidades impulsada pola cooperativa Arabías, que chega ao concello de Ames da man da Concellaría de Benestar Social. Está composta por unha escolma de arredor de 40 retratos grupais e individuais nos que as mulleres que participan expresan temas de interese como as diversidades, a relación co territorio, os activismos, a comunidade, os coidados das persoas maiores e dependentes, da terra ou da cultura e do patrimonio inmaterial. As participantes son dos concellos de Ames, Arzúa, Boiro, Brión, Carballo, Ordes, Touro ou Santiago de Compostela. Estará no Pazo da Peregrina ata o vindeiro 31 de outubro.