- Tematica
A Asociación de Familias Monomarentais de Galicia (FAGAMOS), en colaboración co Concello de Ames, organizan a actividade “Encontros Monoparentais en Ames”. Esta iniciativa, que se vai desenvolver no Milladoiro e Bertamiráns, está dirixida a familias monoparentais do concello de Ames (nais/pais e os seus fillos e fillas). Ofreceranse dúas charlas: o 14 de novembro na Casa da Cultura do Milladoiro e o 22 de novembro no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Ademais, establecerase un punto de asesoramento personalizado o 17 de novembro no Milladoiro e o 25 de novembro en Bertamiráns. Para contar cunha previsión de participación hai que inscribirse enviando un correo electrónico a servizos_sociaisberta@concellodeames.gal. O prazo de inscrición para participar na charla do Milladoiro estará aberto ata ás 00.00 horas do xoves 13 e para a charla de Bertamiráns ata as 00.00 horas do venres 21.
Os últimos datos da enquisa estrutural a fogares do Instituto Galego de Estatística (IGE) contabiliza a 31 de decembro de 2023 un total de 114.506 fogares monoparentais, o que supón un 10,38% dos fogares galegos son monoparentais. As estatísticas reflicten que o número de familias monoparentais está en continuo crecemento, nunha conxuntura na que a taxa de natalidade está baixando en outros modelos de familia nos que tamén hai menores que conviven no núcleo familiar. A monoparentalidade non é un modelo familiar minoritario ou pouco común, senón que se trata dunha morfoloxía do fogar que se estableceu e que cada vez é máis maioritaria.
As familias monoparentais teñen que enfrontarse a dificultades que se poden resumir nunha falta de recoñecemento e desigualdade de dereitos entre comunidades autónomas, dificultades de empregabilidade e de conciliación e confluencia de feminización e pobreza. Estas dificultades recaen directamente na vulnerabilidade da infancia, no seu risco de pobreza e de herdanza desta.
Para abordar esta cuestión a Asociación de Familias Monomarentais de Galicia (FAGAMOS), en colaboración co Concello de Ames, organizan a actividade “Encontros Monoparentais en Ames”. O obxectivo desta iniciativa é informar ás familias monoparentais do concello de Ames sobre contidos e recursos de utilidade para o seu modelo familiar; facilitar espazos de encontro para favorecer a creación de redes de apoio entre familias monoparentais; e ofrecer asesoramento personalizado en materia de monoparentalidade.
Charlas informativas
O programa desenvolverase na Casa da Cultura do Milladoiro e no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. En cada un destes lugares realizaranse 4 actividades, distribuídas en dúas xornadas en cada localidade. A primeira xornada celebrarase o venres, 14 de novembro, na Casa da Cultura do Milladoiro, mentres que a segunda charla será o sábado, 22 de novembro, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. As dúas charlas impartiranse en horario de 16.00 a 18.00 horas.
Estas charlas serán impartida por persoal técnico de FAGAMOS e están dirixida a persoas a cargo de familias monoparentais e aberta a calquera outra persoa interesada en coñecer o tema (profesionais relacionados co mundo educativo ou de servizo ás familias, persoas interesadas en formar unha familia monoparental, etc...).
Abordaranse as seguintes temáticas:
Bloque 1. Recoñecemento legal da familia monoparental e dereitos.
-Definición de familia monoparental.
-Marco normativo estatal: Lei de Familia e situación noutras CC.AA.
-Normativa galega: Lei de Apoio á Familia e á convivencia de Galicia e Lei de Impulso
Demográfico.
Bloque 2. Acreditación como familia monoparental en Galicia.
-Quen pode solicitar o certificado de familia monoparental.
-Como obter a documentación a presentar.
-Como facer o trámite de solicitude do certificado na sede electrónica.
-Vixencia, renovación e denegacións do certificado.
-Rexistro de familias monoparentais galegas.
Bloque 3. Redes de apoio.
-Monoparentalidade e movemento asociativo.
-FAGAMOS: fins da entidade e servizos que ofrece ás familias monoparentais galegas.
Despois da exposición de contidos, abrirase un tempo para resolución de dúbidas e debate. Esta actividade ten unha duración de entre 90-120 minutos, en función das necesidades e a demanda das persoas asistentes.
Xogando con iguais
Esta actividade desenvolverase en paralelo á charla informativa e está dirixida aos nenos e nenas. Estará atendida por un servizo de animación que ademais de servir como canguraxe realizará xogos e dinámicas orientados a reforzar o concepto de diversidade familiar a partir do enfoque nas familias monoparentais.
Empregaranse para iso os materiais de “Os Bolechas e as familias monoparentais” (libro, audiolibro, caderno e fichas de actividades). De forma lúdica e didáctica, os nenos e nenas poderán aprender sobre a aceptación e importancia da diversidade familiar, comparar as familias humanas e animais, comprender as principais ocupacións e dificultades dos nais e pais e interiorizar que a corresponsabilidade nos coidados é cousa de todos e todas.
Cada cativo/a recibirá como agasallo un libro e un caderno de actividades. Ademais, esta actividade busca fomentar a creación de vínculos entre iguais entre os nenos e nenas das familias monoparentais veciñas.
Merenda monoparental
Celebrarase a continuación das charlas informativas, de 18.00 a 20.00 horas. Será un espazo de encontro e convivencia no que se xuntarán todas as familias nun espazo grupal de ambiente distendido onde maiores e crianzas asistirán convidadas a compartir unha merenda. Búscase favorecer o intercambio de información e propiciar a creación de redes de auto apoio co obxectivo de que durante o tempo que dura a actividade, como tamén a futuro, poidan compartir inquietudes, explorar solucións e contribuír a coñecer os recursos informativos de apoio dispoñibles na súa contorna.
Contarase con servizo de canguraxe para que as nais/pais poidan participar de xeito relaxado na actividade. A duración estimada de cada encontro será de 2 horas. FAGAMOS ofrecerá os alimentos, bebidas e menaxe necesarios para servir a merenda.
Punto de asesoramento personalizado
Ademais, establecerase un punto de asesoramento personalizado o luns 17 de novembro no Milladoiro e o martes 25 de novembro en Bertamiráns. En ambos caso este servizo ofrecerase en horario de 10.00 a 14.00 e de 13.30 a 19.30 horas.
Trátase dun servizo personalizado de información e asesoramento, con privacidade, durante 8 horas distribuídas en horario de mañá e tarde, cun tempo medio de atención estimado de 30 minutos por persoa. Facilitarase a obtención de cita previa, que terán prioridade na atención sobre as persoas que se acheguen sen tela. Haberá servizo de canguraxe para que as persoas beneficiarias poidan vir acompañadas dos nenos e nenas e poidan sentirse tranquilas mentres son atendidas. Para dispor de cita previa hai que enviar un correo electrónico a servizos_sociaisberta@concellodeames.gal.
Novas relacionadas:
Lindeiros: "Ames promove encontros Monoparentais"






