Pestanas principais

Policía Local de Ames

    • Enderezo: Rúa Alcalde Lorenzo, 2, baixo – Bertamiráns. 15220 Ames
    • Teléfono: 619 76 75 75
    • Responsable municipal: Concellaría de Mobilidade
Outros Datos: 
  • Estruturas do servizo: O corpo da Policía Local de Ames está composto por  25 funcionarios:
    • 1 Inspector
    • 2 Oficiais
    • 22 Policías        
  • Principios e funcións da Policía Local de Ames:
    • Principios básicos de actuación
      Son principios básicos de actuación para os membros dos corpos de Policía local, de acordo co artigo 5 da Lei orgánica 2/1986:
      • Adecuación ao ordenamento xurídico, especialmente:
        •  Exercer as súas funcións con absoluto respecto á Constitución, ao Estatuto de autonomía e ao resto do ordenamento xurídico.
        • Actuar, no cumprimento das súas funcións, con absoluta neutralidade política e imparcialidade e, en consecuencia, sen discriminación ningunha por razón de raza, etnia,nacionalidade, ideoloxía, relixión ou crenzas persoais, opinión, sexo, orientación sexual,lingua, lugar de veciñanza, lugar de nacemento ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social. Páxina 6 Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais.
        •  Actuar con integridade e dignidade, absténdose de todo acto de corrupción e opoñéndose a el resoltamente.
        • Suxeitarse, na súa actuación profesional, aos principios de xerarquía e subordinación. En ningún caso a obediencia debida poderá amparar ordes que entrañen a execución de actos que manifestamente constitúan delitos ou sexan contrarios á Constitución ou ás leis.
        • Colaborarán coa Administración de xustiza e auxiliarana nos termos establecidos na lei.
      • En relación coa sociedade, singularmente:
        • Impedir, no exercicio da súa actuación profesional, calquera práctica abusiva,arbitraria ou discriminatoria que entrañe violencia física ou moral, con especial atención ás derivadas das desigualdades por razón de xénero.
        •  Observar en todo momento un trato correcto e esmerado nas súas relacións cos cidadáns, aos cales procurarán auxiliar e protexer, sempre que as circunstancias o aconsellen ou fosen requiridos para iso, en especial en todos os supostos e manifestacións de violencia de xénero, e proporcionarlles información cumprida, e tan ampla como sexa posible, sobre as causas e finalidade de todas as súas intervencións.
        • No exercicio das súas funcións, actuar coa decisión necesaria e sen demora cando diso dependa evitar un dano grave, inmediato ou irreparable, rexéndose, ao facelo, polos principios de congruencia, oportunidade e proporcionalidade na utilización dos medios ao seu alcance.
        • Usar armas só nas situacións en que exista un risco racionalmente grave para a súa vida, a súa integridade física ou as de terceiras persoas, ou naquelas circunstancias que poidan supor un grave risco para a seguridade cidadá, rexéndose, ao facelo, polos principios a que se refire o punto 3.º desta letra.
    • Funcións dos corpos de Policía local:

      De acordo co disposto no artigo 53 da Lei de forzas e corpos de seguridade, son funcións dos corpos da Policía local as que se indican:

      • Protexer as autoridades das corporacións locais e vixiar ou custodiar os seus edificios e instalacións.
      • Ordenar, regular, sinalizar, denunciar infraccións e dirixir o tráfico no ámbito da súa competencia no solo urbano legalmente delimitado, de acordo co establecido nas normas de tráfico e seguridade viaria.
      • Instruír atestados por accidentes de circulación no ámbito da súa competencia dentro do solo urbano legalmente delimitado.
      • Policía administrativa, no relativo ás ordenanzas, bandos e demais disposicións municipais dentro do ámbito da súa competencia.
      • Participar nas funcións da Policía xudicial, na forma establecida na normativa vixente.
      • A prestación de auxilio, nos casos de accidentes, catástrofe ou calamidade pública, participando, na forma prevista nas leis, en canto á execución dos plans de protección civil. Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais.
      • Efectuar dilixencias de prevención e cantas actuacións tendan a evitar a comisión de actos delituosos no marco de colaboración establecido nas xuntas de seguridade.
      • Vixiar os espazos públicos e colaborar coas forzas e corpos de seguridade do Estado e coa Policía de Galicia na protección das manifestacións e no mantemento da orde en grandes concentracións humanas, cando sexan requiridos para iso.
      • Cooperar na resolución dos conflitos privados cando sexan requiridos para iso.
      • Calquera outra función en materia de seguridade pública que, de acordo coa lexislación vixente, lles sexa encomendada.
      • As actuacións que practiquen os corpos de Policía local no exercicio das funcións previstas nas alíneas c) e g) deberán ser comunicadas ás forzas e corpos de seguridade do Estado e á Policía de Galicia segundo corresponda, de conformidade coa lexislación orgánica de forzas e corpos de seguridade.
      • En virtude de convenio entre a Xunta de Galicia e os concellos, no marco das competencias da Policía de Galicia, os corpos de Policía local tamén poderán exercer, dentro do seu termo municipal, as seguintes funcións:
      • Velar polo cumprimento das disposicións e ordes singulares ditadas polos órganos da comunidade autónoma, con especial atención ás materias relativas á protección do menor, o ambiente, a saúde e a muller, sobre todo no ámbito da violencia de xénero.
      • A vixilancia e protección de persoas, órganos, edificios, establecementos e dependencias da comunidade autónoma e dos seus entes instrumentais, garantindo o normal funcionamento das instalacións e a seguridade dos usuarios dos servizos.
      • A inspección das actividades sometidas á ordenación e disciplina da comunidade autónoma, denunciando toda actividade ilícita.
      • O uso da coacción para a execución forzosa dos actos ou disposicións da propia comunidade autónoma.
  • Normativa:
  • Documentos:

Novas do departamento

O Concello de Ames e a Dirección Xeral de Tráfico colaboran na campaña de control especial sobre distraccións ao volante, que comeza hoxe e se desenvolverá ata o vindeiro 22 de setembro. A Policía Local de Ames colaborará no control da vixilancia de factores como o uso indebido do móbil, navegadores GPS ou outros dispositivos. Asemade, esta semana entra en funcionamento tamén o radar para a campaña de velocidade, priorizando o seu uso en zonas escolares e aquelas outras onde se están a recibir queixas da veciñanza polo perigo que supón a velocidade á que circulan os coches.

Dende o Concello e as forzas e corpos de seguridade volven a insistir na necesaria colaboración da cidadanía para o estrito cumprimento das normas derivadas do Real Decreto 463/2020 que establece o estado de alarma. A Policía Local de Ames procedeu a cursar ata un total de 30 denuncias en dous días por non respectar as medidas de seguridade impostas polo Executivo central ante a pandemia do coronavirus.

Os axentes da Policía Local realizaron durante os días 29, 30 e 31 de agosto máis de 100 controis preventivos de alcoholemia nos núcleos de Bertamiráns e O Milladoiro. Entre as probas realizadas, 7 condutores deron positivo. A principal razón da posta en marcha deste tipo de actuacións é que o aumento dos controis preventivos é un dos factores que está a favorecer un cambio de comportamento dos cidadáns nesta materia.

A Policía Local conta con diversos ámbitos de actuación, atendendo a diferentes problemáticas e áreas de acción co obxectivo de garantir unha boa convivencia entre as veciñas e veciños do concello. Entre as áreas de acción destacan os programas formativos que desenvolven cos menores, civismo e convivencia cidadá, o tratamento de obxectos perdidos, intervencións administrativas e xudiciais, colaboracións en actos do concello, medio ambiente, ou tráfico. No 2019 tamén se realizou a mellora de material, coa adquisición dun desfibrilador e un drogotest, que realiza a detección de sustancias tóxicas ou estupefacientes que inflúen na condución para previr os accidentes provocados por drogas.

O plan formativo, que está impartindo de xaneiro a xuño a Policía Local nos colexios de infantil e primaria, institutos e escolas unitarias, está dividido en dúas partes. Primeiro, ofrécense charlas educativas nos centros de ensino, para logo, facer saídas e poñer en práctica o explicado nas aulas. Ata o de agora, xa impartiron ditas charlas no CEP de Ventín, nas escolas unitarias de Ortoño e Covas e no CEIP de Barouta. Nestas charlas informativas abórdanse diferentes norma de seguridade viaria cando se camiña como un peón, para cruzar unha  estrada, cando se circula cunha bicicleta, pero tamén se fala dos sistemas de retención infantís dos vehículos. 

A subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, e mailo alcalde de Ames, José Miñones, presidiron a Xunta Local de Seguridade, unha reunión na que se analizou a seguridade cidadá no municipio, o máis seguro de Galicia e segundo de España, segundo amosan os datos recollidos no balance anual de criminalidade 2019 do Ministerio do Interior. O Concello de Ames pasou de 945 infraccións penais no 2018 ás 744 no 2019, o que representa unha baixada do 21,3%, a maior de toda España. En dita xuntanza tamén estiveron representantes da Guarda Civil e do Corpo Nacional de Policía adscrita á Xunta de Galicia, así como varios representantes municipais.

O Concello de Ames segue a confirmar os bos datos en materia de seguridade e conseguiu reducir nun 18,9% o total de infraccións penais no primeiro semestre de 2019, en relación ao mesmo período de 2018. É o concello da provincia de máis de 30.000 habitantes que máis descende, seguido de Arteixo, A Coruña e Santiago. Os datos, recollidos no balance do segundo semestre de 2019, de criminalidade do Ministerio do Interior, amosan á tendencia á baixa do Concello de Ames. Descenden os delitos contra a liberdade e indemnidade sexual (33,3%); os roubos con forza en domicilios establecementos e outras instalacións (37%); os furtos (17,7%); e o tráfico de drogas (33,3%).

O Concello de Ames informa de que este luns 13 e o martes 14 de abril, en horario de 7.00h a 9.00 horas, os membros da Agrupación de Protección Civil e mailos axentes da Policía Local e da Garda Civil repartirán mascarillas entre os/as traballadores de servizos non esenciais que este luns se reincorporan aos seus postos de traballo cuxa actividade foi suspendida o pasado 29 de marzo. O reparto farase nas principais vías de saída de Bertamiráns e do Milladoiro, así como na entrada do polígono empresarial do Milladoiro. Tamén se repartirán e dúas paradas de transporte metropolitano do Milladoiro e noutras dúas de Bertamiráns.

Este mércores, 20 de maio, o Comité de coordinación policial mantivo unha nova xuntanza na que se realizou un seguimento da xestión da crise sanitaria polo coronavirus e analizáronse as novas directrices marcadas dende o Goberno do Estado. O obxecto da reunión foi abordar a situación actual no concello, tralas medidas tomadas polo Goberno central, para atallar a crise sanitaria e coordinar as actuacións a desenvolver, que garantan o cumprimento das mesmas nesta fase 1 de desescalamento na que nos atopamos. A reunión de seguridade local incidiu na importancia de respectar as normas para a desescalada do confinamento.

Este martes, 31 de abril, o Comité de coordinación policial mantivo unha nova xuntanza na que se realizou un seguimento da xestión da crise sanitaria polo coronavirus e analizáronse as novas directrices marcadas dende o Goberno do Estado. O obxecto da reunión foi abordar a situación actual no concello tras as medidas tomadas polo Goberno central para atallar a crise sanitaria e coordinar as actuacións á desenvolver que garantan o cumprimento das mesmas.