Pestanas principais

A Policía Local de Ames propuxo 59 sancións por incumprir as medidas derivadas do estado de alarma pola pandemia da Covid durante a pasada fin de semana

Martes, 19 de xaneiro de 2021

A Policía Local de Ames propuxo 59 sancións por incumprir as medidas derivadas do estado de alarma durante a pasada fin de semana. Deste total, 22 foron as sancións por incumprir o peche perimetral establecido, 25 sancións por non levar máscara, 7 sancións por incumprimento do toque de queda e 5 por reunións na vía pública de grupos de máis de 4 persoas. Ao mesmo tempo, intensificará as labores de vixilancia coa incorporación de patrullas de paisano como medida adicional para realizar un control máis efectivo do cumprimento das medidas establecidas.

Ademais, dende o Concello de Ames anúnciase que os axentes reforzarán esta labor de control e inspección nos próximos días con patrullas de paisano que apoiarán ás e aos axentes uniformados, co fin de intensificar o seguimento e control do cumprimento das medidas establecidas e evitar a expansión da pandemia no concello.

Desde o Goberno local, o concelleiro de Administración Xeral, Víctor Fernández, apela á responsabilidade individual de toda a veciñanza e pide que se “continúe xuntando esforzos e adóptense as medidas de prevención coa máxima responsabilidade, evitando calquera situación que poida poñer en risco a saúde e a seguridade da poboación. É un esforzo de responsabilidade e solidariedade que temos que facer para canto antes saír todos xuntos desta crise. A prioridade debe ser que non se produzan novos contaxios cun seguimento rigoroso das medias establecidas, tendo en conta a gravidade da situación actual”.  

Ao mesmo tempo, agradece tamén o labor e o esforzo de servizo público que están levando nesta crise sanitaria os efectivos de Policía Local de Ames.

Novas relacionadas: 

Compostela 24 horas: "A Policía Local de Ames propuxo 59 sancións por incumprir as medidas derivadas do estado de alarma pola pandemia da Covid durante a pasada fin de semana"

Oficina Policía Local.