Pestanas principais

A Policía Local de Ames incautouse de tres quilos de haxix e 365 euros en metálico

Xoves, 10 de febreiro de 2022

A Policía Local de Ames dá conta dunha actuación realizada o pasado 1 de febreiro a través da cal incautouse de tres quilos de haxix e 365 euros en metálico. Dita actuación produciuse no Milladoiro cando os axentes do corpo de seguridade amesán estaban realizando un servizo de patrulla. Nese momento viron un condutor que circulaba a media noite coas luces do vehículo apagadas. Cando conseguiron que o condutor detivera o seu vehículo, debido ao nerviosismo que presentaba dita persoa e ás respostas contraditorias facilitadas aos axentes, procedeuse ao rexistro do vehículo e detectáronse tres paquetes de haxix e 365 euros en metálico.

A Policía Local de Ames detivo a unha persoa o pasado 1 de febreiro por un presunto delito contra a saúde pública. A actuación tivo lugar á media noite cando os axentes da Policía Local estaban facendo un servizo de patrulla pola rúa de Abaixo, no Milladoiro. Neses intres os axentes decatáronse da presenza dun turismo que circula sen ningún tipo de luz, motivo polo cal se procedeu a facerlle sinais luminosas, facendo o condutor do turismo caso omiso das mesmas e virando cara á  rúa  Raxoeira  coas luces apagadas, por tal motivo activaron as sinais luminosas e acústicas logrando darlle alcance e deter o vehículo na rúa  Xaquín Lorenzo, procedendo nese momento á identificación do condutor.

Debido ao nerviosismo da persoa e ás respostas contraditorias facilitadas aos axentes, procedeuse a solicitar datos de dita persoa á Garda Civil do Milladoiro, estando todo en orde. A continuación realizouse un rexistro  do vehículo, observándose unha bolsa de plástico de cor branca depositada no chan do asento do copiloto. Os axentes procederon a inspeccionar dita bolsa observado dentro dela tres paquetes envasados ao baleiro, estando un deles aberto, apreciando no seu interior unha substancia de cor marrón, desprendendo un forte cheiro a  haxix.

Debido a iso informouse ao condutor que ía ser detido por un delito contra a saúde pública, léndolle nese mesmo momento de forma verbal os dereitos que lle asisten como detido e posteriormente en dependencias da Policía Local ofrecéronselle novamente por escrito. A continuación, trasladouse ao detido á oficina da Policial Local de Ames para a elaboración do atestado.

Unha vez chegaron ás dependencias policiais, os axentes procederon a pesar a devandita droga, o cal suma un total de 3,033 quilos. Ademais, comisóuselle ao detido 365 euros en metálico. Finalmente, os axentes do corpo de seguridade amesán trasladaron ao detido e a droga ao Cuartel da Garda Civil do Milladoiro para que continuasen coas dilixencias correspondentes.

O concelleiro de Seguridade, Víctor Fernández, incidiu “no gran traballo que realizan os/as axentes da Policía Local en colaboración coa Garda Civil do Milladoiro. É  moi importante o traballo que se realiza nos servizos de patrulla porque permite detectar delitos contra a saúde pública, como sucedeu neste caso, comisando unha gran cantidade de droga e diñeiro en metálico”.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "Detenido en Ames cuando conducía un coche sin luces en el que transportaba tres kilos de hachís"

El Correo Gallego: "Detido un condutor con tres quilos de haxix de noite polo Milladoiro"; "Detenido con tres kilos de hachís un conductor sin luces por Milladoiro"

Compostela 24 Horas: "A Policía Local de Ames incautouse de tres quilos de haxix e 365 euros en metálico"

Enfoques.gal: "Detenido un varón en Ames que circulaba en su coche con tres kilos de hachís"

A Policía Local de Ames incautouse de tres quilos de haxix

Multimedia

  • A Policía Local de Ames incautouse de tres quilos de haxix
  • A Policía Local de Ames incautouse de 365 euros en metálico