Actualidade

Ex., 16-06-2026
Ex., 16-06-2026
Martes, 17 de marzo de 2026
A Policía Local de Ames identifica a unha persoa en busca e detención para o seu ingreso en prisión

A Policía Local de Ames dá conta dunha actuación realizada hoxe, 17 de marzo, a través da cal se identificou a unha persoa, que tiña pendente unha requisitoria dun Xulgado de Pontevedra de busca e detención para o seu ingreso en prisión. Unha vez identificado foi trasladado ao posto principal da Garda Civil do Milladoiro para que continúe coas correspondentes dilixencias.

Luns, 19 de xaneiro de 2026
O Concello de Ames decreta a suspensión da actividade do caixeiro do que se veñen reportando queixas e erros na entrega de efectivo

No marco das actuacións municipais de control e garantía da legalidade, foi incoado un expediente de reposición da legalidade urbanística en relación coa actividade dun caixeiro automático situado na avenida da Maía, número 36, baixo, en Bertamiráns.

Martes, 08 de outubro de 2024
A Policía Local, Protección Civil e a Brigada municipal de obras resolverán posibles incidencias provocadas pola borrasca Kirk

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu este martes, 8 de outubro, pola mañá, unha xuntanza de coordinación para resolver posibles incidencias pola borrasca Kirk. En dito encontro participaron membros do Goberno municipal e persoal da Policía Local, Protección Civil, Brigada de obras, Augas de Ames e Urbaser. Centraranse todos os avisos nos axentes da Policía Local, que serán os que coordinen ao resto de departamentos durante estes dous días. Para calquera aviso pódese chamar ao número de teléfono 619 76 75 75 da Policía Local ou ao 112.

Mércores, 03 de maio de 2023
A Policía Local de Ames conta dende este martes con dous vehículos híbridos

O parque automobilístico da Policía Local de Ames renóvase con dous novos vehículos. Trátase de dous coches híbridos rotulados e totalmente equipados para as funcións do corpo policial. Estes coches chegan logo de que a Xunta de Goberno Local do Concello de Ames aprobase o expediente de contratación do subministro de dous vehículos híbridos baixo a modalidade de renting.

Luns, 20 de marzo de 2023
Imaxe de arquivo da oficina da Policía Local de Ames

O pasado mércores, 1 de marzo, asinouse o contrato para o subministro de dous vehículos, baixo a modalidade de renting, para a Policía Local de Ames. A duración do contrato será de 48 meses. O contrato foi adxudicado a empresa Autos Iglesias SL por un importe de 167.851,20 euros (IVE incluído) na Xunta de Goberno Local do 2 de febreiro. Ademais, nesta mesma Xunta de Goberno Local aprobouse a adxudicación do contrato do servizo de mantemento da rede semafórica do concello de Ames. Dito servizo adxudicouse á empresa Kapsch Trafficcom consultoría técnica SAU por un importe de 87.785,02 euros (IVE incluído) por un período inicial de dous anos que se pode prorrogar ata un máximo de catro.

Xoves, 03 de novembro de 2022
José Antonio puxo fin á súa etapa laboral tras 38 anos de servizo

A finais do pasado mes de outubro varios compañeiros e compañeiras do Concello de Ames realizaron unha comida que serviu como acto de homenaxe a Jose Antonio Rodríguez, que ata hai pouco foi o inspector da Policía Local de Ames. José Antonio foi o primeiro policía local de Ames e traballou durante 38 anos no corpo de seguridade amesán. En dito acto participaron tres dos cinco alcaldes que exerceron como rexedores municipais durante os seus 38 anos de servizo: José Astray, Santiago Amor e Blas García.

Mércores, 12 de outubro de 2022
Tres axentes da Policía Local de Ames condecorados polos seus 25 anos de servizo no corpo

O pasado venres 7 de outubro, a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) celebrou na súa sede, na Estrada, un acto de recoñecemento ao labor da Policía Local de Galicia, no que se entregaron medallas ao mérito da Policía Local e distintivos aos e ás axentes que cumpren 25 anos de servizo. Neste senso, foron condecorados os oficiais Maximino García Vázquez e Alberto Souto Vázquez, mailo axente José Manuel García Vázquez, da Policía Local de Ames, que recibiron o seu distintivo xunto a outros 140 policías locais galegos.

Luns, 21 de marzo de 2022
Imaxe de arquivo de pintadas feitas no Pazo da Peregrina

A Policía Local de Ames dá conta de dúas actuacións realizadas no pasado mes de febreiro. Identificaron no Pazo da Peregrina a unha persoa que estaba a pintar nas instalacións exteriores do Pazo da Peregrina. O autor dos feitos exponse a unha sanción que vai dos 100 aos 600 euros. Ademais, procedeuse á identificación dun menor que estaba en posesión de sustancias estupefacientes (haxix e marihuana), polo que se precedeu á incautación de ditas sustancias e formulouse a correspondente denuncia.

Xoves, 10 de febreiro de 2022
A Policía Local de Ames incautouse de tres quilos de haxix

A Policía Local de Ames dá conta dunha actuación realizada o pasado 1 de febreiro a través da cal incautouse de tres quilos de haxix e 365 euros en metálico. Dita actuación produciuse no Milladoiro cando os axentes do corpo de seguridade amesán estaban realizando un servizo de patrulla. Nese momento viron un condutor que circulaba a media noite coas luces do vehículo apagadas. Cando conseguiron que o condutor detivera o seu vehículo, debido ao nerviosismo que presentaba dita persoa e ás respostas contraditorias facilitadas aos axentes, procedeuse ao rexistro do vehículo e detectáronse tres paquetes de haxix e 365 euros en metálico.

Xoves, 09 de decembro de 2021
Imaxe de arquivo da Policía Local

Durante esta semana a DXT está a realizar unha “Campaña Especial sobre control da taxa de alcol e drogas”. A Policía Local de Ames está adherida a esta campaña que se leva a cabo especialmente en estradas convencionais e vías urbanas. A campaña prolongarase ata o 12 de decembro. Cómpre salientar que a Policía Local realiza controis de alcol e drogas todas as semanas, concretamente as noites que van de mércores ao domingo, nos núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro.