Pestanas principais

O Concello participa na celebración do Día Mundial en recordo das vítimas de tráfico

Domingo, 17 de novembro de 2019

O Concello de Ames súmase este domingo, 17 de novembro, á conmemoración do Día Mundial das vítimas de accidentes de tráfico. En referencia a este día, o balcón do Concello lucirá o sábado e o domingo unha pancarta dedicada á xornada e á condena da violencia viaria.

Desde outubro de 2005, acordouse pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas recoñecer o terceiro domingo de novembro, como Día Mundial en Memoria das Vítimas de Tráfico, recoñecemento posteriormente apoiado pola Organización Mundial da Saúde (OMS).

No devandito día réndese homenaxe ás persoas falecidas e feridas  nun sinistro de tráfico e aos seus familiares. Tamén é un día para agradecer e recoñecer a dedicación daqueles que contribúen a mellorar a situación das vítimas e para dar visibilidade á magnitude do drama social que supoñen os accidentes de tráfico e o impacto nas familias e a sociedade.

Co obxectivo de ofrecer recoñecemento ás vítimas de accidentes e á difícil situación dos familiares, que se enfrontan ás consecuencias emocionais e prácticas destes tráxicos sucesos, así como de atraer a atención pública precisamente cara ás consecuencias e custos que provocan, o Concello de Ames súmase á conmemoración deste Día Internacional.

Segundo explica a concelleira de Mobilidade, Beatriz  Martínez, “mostramos o noso apoio á celebración do Día Mundial en Memoria das vítimas de Tráfico este 17 de novembro porque Ames ten o firme e decidido compromiso de ser un modelo de Concello cunha mobilidade segura, amable e sustentable. Porque ningunha cifra é aceptable, temos que seguir traballando e por iso asumimos plenamente o lema mundial deste día dicindo NON á sinistralidade viaria”.

Así mesmo, Beatriz Martínez lembra que desde o Concello ofrécese un proxecto de seguridade viaria en centros escolares a través da Policía Local denominado Seguridade viaria na escola. “Do mesmo xeito tamén estamos traballando nun proxecto para os nosos maiores denominado Activos e seguros”, remata dicindo a concelleira de Mobilidade.

Imaxe de dous axentes da Policía Local de Ames