Pestanas principais

O Goberno de Ames mantén unha nova xuntanza coas asociacións de veciños afectados pola eliminación da liña de autobús de Ortoño

Martes, 09 de febreiro de 2021

O Concello de Ames vai solicitar unha nova xuntanza co Director Xeral de Mobilidade para tratar de achegar posturas e estudar alternativas para a restitución da liñas de autobús de Ortoño a Santiago de Compostela. O obxectivo é que en dita xuntanza participen membros do Goberno municipal de Ames e máis representantes das asociacións de veciños/as de Ortoño, Bugallido e Biduído para tratar de chegar a unha solución na maior brevidade posible.

Onte, luns 8 de febreiro, o alcalde de Ames, Jose Miñones, xunto coa concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, e o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, mantiveron unha nova xuntanza con representantes das asociacións de veciños/as de Ortoño, Bugallido e Biduído, para darlle traslado de como está na actualidade a situación sobre as xestións realizadas por parte do Concello de Ames para tratar de restituír a liña de autobús que conectar Santiago de Compostela con Ortoño.

En primeiro lugar, deuse traslado da moción aprobada por unanimidade no pasado pleno ordinario de xaneiro, celebrado o pasado 28 de xaneiro, na que se solicita a reposición da liña de autobús de Ortoño con Santiago de Compostela ademais de información ao respecto dos contratos.

Dita moción foi remitida á Dirección Xeral de Mobilidade, tal e como constaba na propia moción. Cómpre lembrar que en dita moción ínstase á Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia a asumir a súa competencia e restablecer de forma inmediata a cobertura de transporte metropolitano á veciñanza de Ortoño, Bugallido e Biduído (Fraíz e Moniña) cun transporte directo a Santiago, ben sexa cunha nova licitación, facendo un convenio co Concello de Santiago para a extensión da liña P2 ou por modificación contractual do plan de transporte metropolitano actual.

Tamén se lle solicita á Dirección Xeral de Mobilidade que lle remita ao Concello de Ames os informes e expedientes onde consten os motivos polos que en 2017 non sacou adiante o anteproxecto de explotación da presente liña. Por último, pídeselle á Dirección Xeral de Mobilidade que informe ao Concello de Ames de cales foron os motivos polos que non se incorporou esta liña nos novos contratos a sabendas de que o Concello de Santiago comunicou a súa intención de non prestar o servizo e sendo de interese metropolitano.

Para tratar de avanzar na restitución de dita liña de autobús, o Concello de Ames vai a solicitar unha nova xuntanza co Director Xeral de Mobilidade, co obxectivo de estudar alternativas e tratar de achegar posturas. Para iso preténdese que en dita xuntanza participen membros do Goberno municipal de Ames e máis representantes das asociacións de veciños/as de Ortoño, Bugallido e Biduído para tratar de chegar a un acordo na maior brevidade posible.

Ademais, as asociacións de veciños/as de Ortoño, Bugallido e Biduído van a presentar 2.000 sinaturas ante a Dirección Xeral de Mobilidade solicitando a cobertura deste servizo que deixou de prestarse no pasado mes de decembro coa entrada en funcionamento do novo contrato de transporte metropolitano. Desde o Concello quérese buscar unha solución ante a falta de servizo metropolitano nestas parroquias e que a veciñanza afectada sexa tratada do mesmo xeito que o resto dos Concellos.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Recogen dos mil firmas para reclamar el transporte entre Ortoño y Santiago"

El Correo Gallego: "Ofensiva parlamentaria y con firmas en Ames por el autobús para Ortoño"

Compostela 24 horas: "Nova xuntanza e máis de 2000 firmas para recuperar o bus a Ortoño"

imaxe autobus