Actualidade
[03-12-2018] O tradicional acto de acendido das luces abriu oficialmente o tempo de Nadal en Ames na tarde do pasado sábado, 1 de decembro. Desde ese momento, as luminarias engalanan os principais edificios municipais e iluminan as rúas e as prazas do Milladoiro, de Bertamiráns e das parroquias amesás. Antía Roca Maceira, unha das gañadoras do concurso de cartas de Nadal 2017, foi a encargada de premer o botón de acendido das luces. O acto, que se celebrou na Casa do Concello de Bertamiráns, contou coa actuación musical do grupo “As de Lens” e cunha chocolatada con churros gratuíta.
[03-12-2018] Os integrantes da asociación Arcea-Adames desfrutaron ao longo desta mañá dunha visita ao centro ecuestre Le Croupe organizada pola Concellería de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade para conmemorar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Durante a visita, os membros da asociación puideron relacionarse e realizar diversas actividades con algúns dos cabalos do centro. A xornada, á que acudiu a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luisa Feijóo, comezou ás 9.00h cun almorzo na Casa da Cultura do Milladoiro.
[03-12-2018] A Xunta de Goberno Local do Concello de Ames, en sesión celebrada o día 15 de novembro de 2018, acordou abrir un novo trámite de información pública do Plan Parcial do sector de solo urbanizable “S-07 - VENTURIÑA” do PXOM de Ames”. De conformidade co establecido no artigo 75.1 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, sométese a información pública polo prazo de dous meses, contados a partir da derradeira publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, nun dos xornais de maior difusión da provincia e na sede electrónica/páxina web deste Concello. Durante o devandito prazo poderá ser examinado por calquera interesado/a no departamento de urbanismo, situado na rúa Alcalde Lorenzo, nº 2, 1º, Bertamiráns, en horario de 9.00 h a 14.00 horas, e formular as alegacións que se consideren oportunas. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter os documentos de dito Plan Parcial.
[01-12-2018] O Concello de Ames desenvolverá unha programación específica para conmemorar o 40 aniversario da Constitución. As actividades desenvolveranse o martes, 4 de decembro, ás 20.00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro, e mailo xoves, 6 de decembro, a partir das 10.30 horas, na Casa do Concello.
[01-12-2018] O Concello de Ames despide este 2018 cunha programación cargada de teatro, obradoiros e eventos, entre os que non poden faltar varias sesións de contacontos para os máis cativos e cativas. Ao longo deste mes, haberá unha sesión e un obradoiro de postais de Nadal en cada biblioteca, así como dúas sesións máis nos locais sociais de Bugallido e Augapesada. A entrada a estas sesións, dirixidas a nenas e nenos entre os 3 e os 8 anos, é libre e gratuíta. Para participar no obradoiro, dirixido ao alumnado de 3º a 6º de Primaria, é preciso inscribirse do 1 ao 12 de decembro a través dos teléfonos 981 88 48 29 (Bertamiráns) e 981 53 08 07 (Milladoiro), ou a través do enderezo de correo electrónico biblioteca@concellodeames.gal. As inscricións tamén se poden tramitar nas propias bibliotecas.
[01-12-2018] A Xunta de Goberno Local vén de aprobar de xeito definitivo, este pasado xoves 29 de novembro, o proxecto de expropiación, polo procedemento de taxación conxunta, para poder executar o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID) para construír un novo CEIP na localidade do Milladoiro. Anteriormente a dita aprobación, o proxecto estivo exposto por un prazo dun mes, para quen o estimase oportuno puidera presentar alegacións. As alegacións presentadas durante dito prazo foron desestimadas polo que se procedeu a aprobar definitivamente dito proxecto. Estas parcelas poranse a disposición da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, da Xunta da Galicia, para a construción dun novo colexio público de infantil e primaria no Milladoiro. A superficie afectada polo Plan Especial, para a dotación de infraestruturas escolares, é de 20.000 metros cadrados, repartidos en 13 parcelas.
[30-11-2018] Este xoves, 29 de novembro, celebrouse o pleno ordinario correspondente ao mes de novembro no que a Corporación municipal debateu sobre a aprobación inicial do Regulamento orgánico de Participación Cidadá do Concello de Ames. Este tema quedou encima da mesa á espera dun informe xurídico, que clarifique unha dubida formulada polo grupo municipal popular. Ademais aprobouse por unanimidade a aprobación dos textos refundidos da Relación de Postos de Traballo (RPT), do Convenio colectivo do persoal laboral, e do Regulamento do Fondo de Acción Social (FAS). Por último, rexeitáronse dúas propostas presentadas, de forma conxunta, polos grupos municipais do Partido Popular e de Pacto por Ames para dotar ao Concello de Ames dunha Comisaría da Policía Nacional, adscrita á de Santiago de Compostela, e sobre a realización de actividades para conmemorar o 40 aniversario da Constitución Española. O goberno municipal desenvolverá unha programación específica sobre o 40 aniversario da Constitución Española o martes 4 e mailo xoves 6 de decembro.
[30-11-2018] O Concello de Ames organizou esta mañá unha comparecencia para presentar o balance dos traballos realizados entre a agrupación de Protección Civil e a concellaría de Medio Ambiente no control e loita contra a avespa velutina. Á presentación, que tivo lugar no Salón de plenos da Casa do Concello de Bertamiráns ás 11.30 horas, acudiron Javier García, concelleiro de Medio Ambiente, e Blas García, concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, así como presidente da Agrupación de Protección Civil de Ames. Tamén participaron as técnicas de Medio Ambiente e membros de Protección Civil.
[30-11-2018] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Comercio e Promoción Económica, volve convocar, un ano máis, o Concurso de Escaparates de Nadal. As persoas que queiran participar deberán engalanar os seus escaparates con motivos relacionados co Nadal, prestando atención á orixinalidade para conseguir a atracción do público. Os escaparates deberán permanecer expostos entre o 14 de decembro de 2018 e o 7 de xaneiro de 2019. As solicitudes de inscrición poderán entregarse no rexistro municipal ata o vindeiro 12 de decembro. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases e o impreso de inscrición do XIII Concurso de Escaparates de Nadal do Concello de Ames.
[30-11-2018] Este sábado, 1 de decembro, o Concello de Ames acenderá o alumeado de Nadal nun acto organizado para ás 18:30h na Casa do Concello, en Bertamiráns. A partir dese momento, as principais rúas do Milladoiro, Bertamiráns e das parroquias amesás quedarán engalanadas ata o vindeiro 7 de xaneiro. Os preto de cen arcos das rúas, os arcos de Boas Festas e a iluminación das prazas dos núcleos urbanos e dos principais edificios completarán a decoración destas festas invernais.
- ‹ anterior
- 10 de 793
- seguinte ›




