Pestanas principais

A Xunta de Goberno Local aproba de xeito definitivo o proxecto de expropiación das parcelas necesarias para poder construír un novo CEIP no Milladoiro

Sábado, 01 de decembro de 2018

[01-12-2018] A Xunta de Goberno Local vén de aprobar de xeito definitivo, este pasado xoves 29 de novembro, o proxecto de expropiación, polo procedemento de taxación conxunta, para poder executar o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID) para construír un novo CEIP na localidade do Milladoiro. Anteriormente a dita aprobación, o proxecto estivo exposto por un prazo dun mes, para quen o estimase oportuno puidera presentar alegacións. As alegacións presentadas durante dito prazo foron desestimadas polo que se procedeu a aprobar definitivamente dito proxecto. Estas parcelas poranse a disposición da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, da Xunta da Galicia, para a construción dun novo colexio público de infantil e primaria no Milladoiro. A superficie afectada polo Plan Especial, para a dotación de infraestruturas escolares, é de 20.000 metros cadrados, repartidos en 13 parcelas.


O goberno municipal dá un paso máis de cara a dispor dun novo CEIP na localidade do Milladoiro. Cómpre lembrar que o pasado 26 de xullo a Xunta de Goberno Local aprobou, de xeito inicial, o proxecto de expropiación, polo procedemento de taxación conxunta, para poder executar o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID) para construír un novo CEIP na localidade do Milladoiro. Posteriormente, o 10 de agosto, o anuncio da aprobación inicial do proxecto de expropiación foi publicado no Diario Oficial de Galicia, abríndose así un prazo dun mes para presentar alegacións. Asemade, as taxacións tiveron que ser notificadas individualmente a aquelas persoas que aparezan como titulares das parcelas afectadas.

Transcorrido dito prazo os técnicos/as municipais de Urbanismo emitiron informe sobre as alegacións presentadas, onde se recolle a súa desestimación. Deste xeito, este xoves, 29 de novembro, a Xunta de Goberno Local procedeu a aprobar, de xeito definitivo, o devandito proxecto de expropiación. Agora, será o Concello o que teña que proceder á inscrición rexistral das parcelas. Despois haberá que aprobar en Pleno a posta en disposición de dito terreo en favor da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, da Xunta da Galicia. A superficie afectada polo Plan Especial, para a dotación de infraestruturas escolares, é de 20.000 metros cadrados, repartidos en 13 parcelas.

En 2016 retomáronse os contactos cos/as propietarios/as
Na sesión plenaria do 27 de decembro de 2012 o Concello de Ames aprobou de xeito definitivo un Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID), para a dotación de infraestruturas escolares, no que se fixou como sistema de actuación o de expropiación. Dita tramitación fíxose coa finalidade de realizar a posta a disposición dos terreos para a construción dun novo colexio público na localidade do Milladoiro. Dende a súa aprobación quedou pendente de resolver o proceso de adquisición dos terreos, ata que no ano 2016 retomáronse os contactos cos propietarios localizados.

Co obxectivo de avanzar nos trámites necesarios para a dispoñibilidade pública dos terreos, sendo esta unha prioridade para o goberno municipal, convocouse unha primeira xuntanza informativa en maio de 2017, para informar do procedemento de expropiación para dotación escolar no Milladoiro. Posteriormente, durante os primeiros meses de 2018 mantívose unha segunda xuntanza cos propietarios localizados dos terreos co obxectivo proporcionarlle información sobre dito proceso, como paso previo a iniciar o procedemento administrativo de expropiación.

O alcalde, Jose Miñones, afirma que “a planificación deste goberno vai permitir rematar esta lexislatura cumprindo co compromiso da cesión dos terreos para o novo CEIP do Milladoiro e que se sumará aos investimentos realizados no IES de Ames e no CEIP de Agro do Muíño”.

Cesión dos terreos á Xunta de Galicia
O obxectivo é poder poñer en disposición da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, da Xunta da Galicia, ditas parcelas para construír un novo CEIP na localidade do Milladoiro. Por primeira vez, o Concello de Ames destina unha partida específica no Orzamento municipal para afrontar o procedemento de expropiación, como única posibilidade para axilizar a dispoñibilidade pública dos terreos.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explicou que “seguimos a dar pasos para que a dispoñibilidade pública das parcelas poida ser unha realidade canto antes. Vemos máis preto a construción deste centro escolar tan necesario para o Milladoiro, xa que a Escola Infantil do Milladoiro e o CEP de Ventín presentan un nivel de saturación insostible. Existe iniciativa política e orzamento comprometido, tanto polo Concello como pola Xunta, para facelo”.

Por outra banda, o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, incide en “resaltar e valorar o traballo técnico que hai detrás deste proxecto de expropiación, ademais que este paso é o colofón a un traballo iniciado fai moitos anos e que estivo paralizado ata que este goberno o retomou”.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames cierra el proceso para expropiar los terrenos para el futuro colegio de O Milladoiro"
El Correo Gallego: "Ames aprueba expropiar las parcelas para el nuevo colegio"