[01-12-2018] O Concello de Ames desenvolverá unha programación específica para conmemorar o 40 aniversario da Constitución. As actividades desenvolveranse o martes, 4 de decembro, ás 20.00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro, e mailo xoves, 6 de decembro, a partir das 10.30 horas, na Casa do Concello.
O Concello de Ames ten preparado para a próxima semana unha serie de actos para conmemorar o 40 aniversario da Constitución. Dita programación comezará o martes, 4 de decembro, ás 20.00 horas, cunha actividade denominada Conversas con..., na que participarán José Julio Fernández, profesor de Dereito Constitucional da Universidade de Santiago de Compostela; Antón Losada, xornalista, escritor e profesor de Ciencia Política, tamén na Universidade de Santiago de Compostela; e Aida Pena, xornalista da Cadena Ser.
As actividades continuarán o xoves, 6 de decembro, Día da Constitución, a partir das 10.30 horas, cun acto que se desenvolverá na Casa do Concello, en Bertamiráns. Dito acto estará conducido pola xornalista, Nazaret López, e contará coa actuación musical do violinista e profesor, Marcos Valcarcel.
O acto central de celebración do 40 aniversario da Constitución comezará coa apertura por parte do actual alcalde de Ames, Jose Miñones. A continuación farase a entrega de medallas aos alcaldes que gobernaron durante o período de vixencia da actual Constitución. Dende o Concello invitouse aos tres alcaldes que gobernaron durante estes últimos 40 anos, pero un deles non poderá asistir, polo que se lle fará a entrega de medallas a D. Carlos Fernández e a D. Santiago Amor.
Durante a mañá do xoves 6 tamén se poderá visitar o salón de Plenos da Casa do Concello e asinar no libro da Cidadanía, co obxectivo de que os veciños e veciñas, que así o desexen, deixen a súa pegada na historia dos próximos 40 anos de convivencia. Asemade, a veciñanza que o desexe poderá ler algúns dos artigos da Constitución. Para facer estas lecturas haberá que apuntarse previamente enviando un correo electrónico ao enderezo atencioncidada@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 099 944.






