Pestanas principais

A asociación ARCEA-ADAMES visita o Centro Ecuestre Le Croupe de Ames

Luns, 03 de decembro de 2018

[03-12-2018] Os integrantes da asociación Arcea-Adames desfrutaron ao longo desta mañá dunha visita ao centro ecuestre Le Croupe organizada pola Concellería de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade para conmemorar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Durante a visita, os membros da asociación puideron relacionarse e realizar diversas actividades con algúns dos cabalos do centro. A xornada, á que acudiu a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luisa Feijóo, comezou ás 9.00h cun almorzo na Casa da Cultura do Milladoiro.


A equinoterapia

O centro ecuestre amesá Le Croupe utiliza a equitación como medio para a rehabilitación e integración social de persoas con discapacidade. Así, montar a cabalo convértese nunha terapia global, posto que permite traballar diferentes áreas do desenrolo persoal como son aspectos físicos, psíquicos, educativos ou sociais. Marta Castelei, responsable do centro, incide en que a equitación, ao realizarse ao aire libre, permite captar a motivación do paciente e que este se mostre predisposto ao aprendizaxe mediante o xogo.

Así, o uso de animais en terapias facilita a inserción social, o desenrolo de valores como o respecto, fortalece a autoestima e o autocontrol, axuda a superar o medo e a disminuir a ansiedade, e permite aumentar a comunicación xestual e oral.
Por terceiro ano consecutivo, o Concello de Ames únese á conmemoración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, que se celebra hoxe, 3 de decembro, co obxectivo de concienciar e reclamar unha maior inclusión social para as persoas con algún tipo de discapacidade.

Neste senso, Arcea-Adames realizou esta mañá unha visita ao Centro Ecuestre Le Croupe, durante a que os integrantes da organización e as monitoras gozaron da compañía dos cabalos do centro, aos que puideron peitear e pasear. Asemade, a maioría dos participantes animáronse a montar aos equinos dando un paseo pola pista cuberta.

A visita, á que acudiu tamén Luisa Feijóo, concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, comezou ás 9.00 horas cun almorzo e unha agradable conversa na Casa da Cultura do Milladoiro, á que asistiron varios membros da corporación municipal. Durante a reunión realizouse tamén un intercambio de agasallos. Ao remate do café, un autocar levou aos participantes ata a centro ecuestre, situado no lugar de Quistiláns, na parroquia de Ames.

Cristina Lamas, unha das monitoras de Arcea-Adames que participou nesta actividade, fai un balance positivo da experiencia, posto que, a pesar da chuvia e de que algúns integrantes comezaron a visita con un pouco de medo, ao final animáronse a relacionarse cos animais e, incluso practicar un pouco de equitación.


Contido relacionado


Compostela 24 horas: "A asociación ARCEA-ADAMES visita o Centro Ecuestre Le Croupe de Ames"