Pestanas principais

Ames despide o ano con varias sesións de contacontos

Sábado, 01 de decembro de 2018

[01-12-2018] O Concello de Ames despide este 2018 cunha programación cargada de teatro, obradoiros e eventos, entre os que non poden faltar varias sesións de contacontos para os máis cativos e cativas. Ao longo deste mes, haberá unha sesión e un obradoiro de postais de Nadal en cada biblioteca, así como dúas sesións máis nos locais sociais de Bugallido e Augapesada. A entrada a estas sesións, dirixidas a nenas e nenos entre os 3 e os 8 anos, é libre e gratuíta. Para participar no obradoiro, dirixido ao alumnado de 3º a 6º de Primaria, é preciso inscribirse do 1 ao 12 de decembro a través dos teléfonos 981 88 48 29 (Bertamiráns) e 981 53 08 07 (Milladoiro), ou a través do enderezo de correo electrónico biblioteca@concellodeames.gal. As inscricións tamén se poden tramitar nas propias bibliotecas.

Co obxectivo de afianzar o hábito da lectura nos amesás máis pequenos/as, a Concellaría de Educación e Cultura ten programadas varias actividades nas bibliotecas e locais sociais durante o mes de decembro. Así, a primeira destas sesións realizarase o vindeiro luns, 3 de decembro, no local social de Augapesada e o martes 4 no de Bugallido, onde se narrará o conto A ra chea de envexa ás 18.00h.

Uns días despois será a quenda das bibliotecas municipais, nas que os nenos e nenas poderán acudir á sesión de contos Que ben sabe esta lúa!, que terá lugar na bilioteca de Bertamiráns o mércores 12 e na do Milladoiro o xoves 13, ambas ás 17.30 horas.

Á semana seguinte, o conto elixido será Antón e O Apalpador, que se contará o luns 17 ás 18.00h no local social de Augapesada e, ao día seguinte á mesma hora, en Bugallido. Nesta ocasión o relato xirará en torno a Antón, un neno que vai pasar as vacacións de Nadal ao Courel coa súa madriña, e o seu encontro con numerosas personaxes misteriosas, entre as que se encontra o mítico Apalpador.

Por outra banda, un ano máis volve a organizarse un obradoiro de postais de Nadal nas bibliotecas, que terá lugar o martes 18 en Bertamiráns e o mércores 19 no Milladoiro, ambas sesións ás 17.30 horas. Haberá 15 prazas dispoñibles por biblioteca, dirixidas ao alumnado de 3º a 6º de Primaria, polo que para participar deberá tramitarse a inscrición entre o 1 e o 12 de decembro a través dos teléfonos 981 88 48 29 (Bertamiráns), 981 53 08 07 (Milladoiro) ou no enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal.

Estas sesións de contos abordan ao longo deste curso diferentes temas, sempre relacionados con aspectos de interese e de actualidade na formación emotiva, artística e formal das nenas e nenos. Deste xeito, alén de fomentar o gusto pola lectura e o desenvolvemento da linguaxe, o que estas sesións procuran é promover a educación igualitaria e en valores, fortalecer o desenvolvemento cognitivo das crianzas e ofrecer ás familias unha actividade para gozar xuntas do seu tempo de lecer.