[30-11-2018] Este xoves, 29 de novembro, celebrouse o pleno ordinario correspondente ao mes de novembro no que a Corporación municipal debateu sobre a aprobación inicial do Regulamento orgánico de Participación Cidadá do Concello de Ames. Este tema quedou encima da mesa á espera dun informe xurídico, que clarifique unha dubida formulada polo grupo municipal popular. Ademais aprobouse por unanimidade a aprobación dos textos refundidos da Relación de Postos de Traballo (RPT), do Convenio colectivo do persoal laboral, e do Regulamento do Fondo de Acción Social (FAS). Por último, rexeitáronse dúas propostas presentadas, de forma conxunta, polos grupos municipais do Partido Popular e de Pacto por Ames para dotar ao Concello de Ames dunha Comisaría da Policía Nacional, adscrita á de Santiago de Compostela, e sobre a realización de actividades para conmemorar o 40 aniversario da Constitución Española. O goberno municipal desenvolverá unha programación específica sobre o 40 aniversario da Constitución Española o martes 4 e mailo xoves 6 de decembro.
O Pleno ordinario do mes de novembro comezou coa Corporación municipal aprobando por unanimidade os textos refundidos da Relación de Postos de Traballo (RPT), que recolle as sete modificacións puntuais aprobadas ata este momento; do Convenio colectivo do persoal laboral, que recolle a modificación en materia de clasificación profesional co obxectivo de acadar unha efectiva homologación e equiparación co sistema de clasificación profesional aplicable ao persoal funcionario municipal, como consecuencia da entrada en vigor do EBEP; e do Regulamento do Fondo de Acción Social (FAS) do Concello de Ames, que consiste nunha modificación da distribución da partida de melloras sociais. Nesta primeira modificación puntual do FAS modificouse o artigo 12 e engadiuse a disposición adicional quinta.
A continuación abordouse a aprobación inicial do Regulamento orgánico de Participación Cidadá do Concello de Ames. No pleno de xaneiro de 2016 aprobouse, de xeito inicial, o Regulamento Orgánico Municipal (ROM) do Concello de Ames cuxo texto, definitivamente aprobado, foi publicado no BOP do 26 de abril de 2016. O texto refundido do citado Regulamento foi aprobado no pasado pleno de outubro de 2018 e publicado no BOP do 7 de novembro de 2018.
A disposición adicional I do ROM establece que a participación cidadá será obxecto de tratamento nun regulamento específico. Tras diversas reunións cos grupos municipais da Corporación elaborouse unha proposta de Regulamento orgánico de Participación Cidadá, que foi sometido ao tramite de consulta pública, a través da web municipal, durante un prazo de 20 días hábiles, dende o día 21 de setembro ata o día 19 de outubro, ambos inclusive. Durante o trámite de consulta previa non foi presentada ningunha suxestión.
Tralo correspondente debate, este tema quedou encima da mesa á espera dun informe xurídico, que clarifique unha dubida formulada polo grupo municipal popular sobre un dos puntos do artigo 13, Dereito á Audiencia pública, que se enmarca dentro do Capítulo IV. Deste xeito, quedouse de solicitar un informe xurídico e volver a levar este tema ao pleno ordinario de decembro, co obxectivo de que, se procede, sexa aprobado por unanimidade de toda a Corporación municipal. Dito Regulamento recolle 36 artigos divididos en catro títulos para regular en base ás disposicións xerais, os dereitos da cidadanía, os órganos de participación cidadá e o tecido asociativo.
Dito regulamento describe os dereitos da cidadanía á participación, ao acceso á información, así como o dereito a súa participación nas sesións plenarias ou de presentación de queixas, suxestións ou reclamacións, coa posta en marcha dunha Comisión especial. Ademais, regula a iniciativa popular, así como os órganos de participación a partir da Asemblea de participación cidadá, as Asembleas territoriais e os Consellos sectoriais, como os xa existentes de deportes, comunicación ou escolar que se puxeron en marcha neste último mandato.
Propostas do Partido Popular e Pacto por Ames
Asemade, abordaranse dúas propostas presentadas, de forma conxunta, polos grupos municipais do Partido Popular e de Pacto por Ames para dotar ao Concello de Ames dunha Comisaría da Policía Nacional, adscrita á de Santiago de Compostela, e sobre a realización de actividades para conmemorar o 40 aniversario da Constitución Española.
Na primeira ínstase aos órganos autonómicos e estatais competentes en materia de seguridade a tomar as medidas necesarias para a implantación dunha Comisaría da Policía Nacional, de un xeito similar, ao que se fixo en localidades e zonas de influencia como a de Ames, tal e como é o caso da Comisaría de Distrito Vigo – Redondela. Esta proposta foi rexeitada cos votos en contra dos membros do goberno municipal e do grupo Ames Novo, mentres que os edís do grupo municipal e de Pacto x Ames votaron a favor. Neste senso dende o goberno municipal defenderon a idea de intentar cubrir os 50 postos cos que foi creado o Cuartel da Garda Civil do Milladoiro, en vez de crear unha Comisaría da Policía Nacional.
A través da segunda proposta solicitouse que o Concello de Ames coloque, tal e como se veu realizando coa celebración doutros eventos, unha pancarta conmemorativa do 40 aniversario da Constitución no balcón ou na fachada da Casa da Consistorial. Tamén se solicitou que o Concello de Ames organice no Pazo da Peregrina, en torno ao día 6 de decembro de 2018, en horario de tarde, un acto conmemorativo do 40 aniversario, ao que se convidará a todos os cidadáns, e que consistirá na lectura dalgún artigo ou varios artigos da Constitución Española de 1978; podéndose convidar ao devandito acto a algunha personalidade relevante para que dirixa a todos os presentes unhas palabras relacionadas coa conmemoración, así como que se invite a dito acto ao alumnado dos centros educativos de primaria, secundaria e bacharelato.
Nesta proposta o grupo Ames Novo presentou un voto particular, que foi rexeitado co voto en contra dos membros do goberno municipal e dos edís do grupo municipal e de Pacto x Ames, mentres que os concelleiros e concelleiras de Ames Novo votaron a favor. Unha vez rexeitado o voto particular, votouse a proposta que tamén foi rexeitada cos votos en contra dos membros do goberno municipal e do grupo Ames Novo, mentres que os edís do grupo municipal e de Pacto x Ames votaron a favor. O goberno municipal desenvolverá unha programación específica sobre o 40 aniversario da Constitución Española o martes 4 na Casa da Cultura do Milladoiro, e mailo xoves, 6 de decembro, na Casa do Concello.

Contido relacionado

Lindeiros: "Ames seguirá polo momento sen regulamento de participación cidadá"




