Pestanas principais

Comeza o Nadal en Ames co acto de acendido do alumeado

Luns, 03 de decembro de 2018

[03-12-2018] O tradicional acto de acendido das luces abriu oficialmente o tempo de Nadal en Ames na tarde do pasado sábado, 1 de decembro. Desde ese momento, as luminarias engalanan os principais edificios municipais e iluminan as rúas e as prazas do Milladoiro, de Bertamiráns e das parroquias amesás. Antía Roca Maceira, unha das gañadoras do concurso de cartas de Nadal 2017, foi a encargada de premer o botón de acendido das luces. O acto, que se celebrou na Casa do Concello de Bertamiráns, contou coa actuación musical do grupo “As de Lens” e cunha chocolatada con churros gratuíta.

Este pasado sábado, pola tarde, celebrouse o acto de acendido do alumeado de Nadal. A partir dese momento, as principais rúas do Milladoiro, Bertamiráns e das parroquias amesás quedaron engalanadas con motivo das festas de Nadal. Deste xeito, colocáronse máis de cen arcos nas rúas, arcos de Boas Festas e ilumináronse as principais prazas dos núcleos urbanos. Tamén se colocou iluminación de Nadal nos edificios municipais e decoráronse os farois e arbores das rúas amesás.

A inauguración da decoración correu a cargo de Antía Roca Maceira, alumna de infantil do colexio A Maía e unha das gañadoras do concurso de cartas de Nadal 2017, que acompañou ao alcalde de Ames, Jose Miñones, e a concelleira de Promoción Económica, Isabel González, no acendido do alumeado de Nadal. O acto, que se celebrou na Casa do Concello de Bertamiráns, contou coa actuación musical do grupo As de Lens e cunha chocolatada con churros gratuíta. Moitos veciños e veciñas achegáronse ata a praza do Concello para participar neste acto.

As rúas que dispoñen de decoración son aquelas con maior actividade comercial e con maior número de comercios, tanto no Milladoiro como en Bertamiráns. As prazas, os farois e as fachadas dos principais edificios municipais engalanáronse tamén para as festas. Así mesmo, as persoas que visiten os principais núcleos urbanos serán recibidas e despedidas con mensaxes de Boas Festas, que se colocaron nas entradas e saídas do termo municipal. O alumeado de Nadal manterase acendido ata o vindeiro 7 de xaneiro.



Contido relacionado


Compostela 24 horas: "Ames encendeu as súas luces de Nadal"
La Voz de Galicia: "El alumbrado navideño luce en Ames y Oroso y se espera en Ordes"