Actualidade
[19-12-2018] Este xoves, 20 de decembro, realizarase a última andaina saudable deste ano. A saída farase, ás 17.00 horas, dende o centro de saúde do Milladoiro. Despois de percorrer un traxecto circular, de 4,5 km de distancia, volverase ao punto de partida. Esta actividade, ao igual que o resto de andainas encadradas dentro do programa, trátase dunha ruta de dificultade media–baixa, que terá unha duración aproximada dunha hora ou hora e media.
[19-12-2018] Baixo o lema Aposta polo noso, a decisión é túa, a Concellaría de Promoción Económica e Turismo, puxo en marcha unha campaña de apoio ao comercio local durante a época de Nadal. Entre as iniciativas realizadas, atópase o reparto de preto de 3.000 bolsas reutilizables, co slogan: Merca no comercio local, dalle vida ás rúas de Ames! #Adecisiónétúa, entre os escolares das escolas infantís, escolas unitarias e colexios de educación infantil e primaria. Ademais, no marco do XIII Concurso de Escaparates, premiouse aos 46 establecementos participantes coa entrega duns paraugas de cortesía para que sexan compartidos entre a súa clientela.
[19-12-2018] A Xunta de Goberno Local aprobou de xeito definitivo, o pasado 29 de novembro, o proxecto de expropiación, polo procedemento de taxación conxunta, para poder executar o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID) para construír un novo CEIP na localidade do Milladoiro.Estas parcelas poranse a disposición da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, da Xunta da Galicia, para a construción dun novo colexio público de infantil e primaria no Milladoiro. A superficie afectada polo Plan Especial, para a dotación de infraestruturas escolares, é de 20.000 metros cadrados, repartidos en 13 parcelas. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o devandito anuncio e mailo proxecto de expropiación.
[18-12-2018] O Fútbol Club Meigas vén de poñer en marcha un novo proxecto: o primeiro Concurso de felicitacións de Nadal. Trátase duna nova iniciativa organizada polo club amesán, no que se busca tanto fomentar o uso do galego, impulsar a expresión artística e fomentar a participación na comunidade do club amesán. Este concurso está dirixido ás xogadoras do F.C. Meigas.
[18-12-2018] O Centro de Formación e Emprego de Aldea Nova acollerá, os vindeiros 12 e 13 de xaneiro, un curso de iniciación ao uso do GPS. Organizado pola asociación de sendeirismo Rutas a Pie, o curso desenvolverase ao longo dos dous días, en horario de 09:30 a 13.00 horas e de 15.00 a 19:00 horas. O obxectivo desta iniciativa, que conta coa colaboración do Concello de Ames, é facilitar ás persoas interesadas as técnicas básicas no uso do GPS para aplicalas á realización de rutas. O prezo por persoa será de 50 euros, e o número de participantes será de 10/12 persoas. O curso será impartido pola Escola Galega de Alta Montaña (EGAM).
[18-12-2018] O Concello de Ames informa que en conformidade co previsto no artigo 133 da Lei 39/2015 de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións Públicas (LPAC), e co obxectivo de contar coa participación da cidadanía no procedemento de elaboración do Regulamento de funcionamento dos programas lúdicos do Concello de Ames, procédese a efectuar, en cumprimento de decreto da Alcaldía 2823/2018, unha consulta pública a través da web municipal, co fin de recadar a opinión das persoas e das organizacións máis representativas, potencialmente afectados pola ordenanza que se pretende aprobar. Hai un prazo para elo de 20 días hábiles a contar dende o 14 de decembro de 2018 e ata o día 14 de xaneiro de 2019, ambos inclusive. A forma de participación é a través das direccións electrónicas ana.ameijeiras@concellodeames.gal e rosaana.prada@concellodeames.gal. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o anuncio de dita consulta pública.
[18-12-2018] As familias de Ames con cativos ou cativas de calquera idade rematarán o ano bailando e cantando na “Foliada de Nadal con Apego”, que se vai desenvolver o próximo venres, 28 de decembro, ás 17:00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. A través desta actividade, incluída dentro da programación infantil con Apego, trátase de organizar un encontro en que as familias amesás se coñezan, compartan, canten, bailen, aprendan cancións galegas, merenden e, sobre todo, o pasen ben. Nesta ocasión a Foliada céntrase nos cantos de Nadal. Para participar nesta actividade hai que inscribirse enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal.
[18-12-2018] Durante as últimas semanas estiveron executándose as obras recollidas no proxecto de mellora dos camiños de Punxeiras Baixas (Ortoño) e de Seares de Abaixo (Ames). Este proxecto sufragouse cunha subvención de 49.222 euros, da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), a través do plan de mellora de camiños municipais 2018-2019. O investimento total foi de 52.250,22 euros.
[17-12-2018] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Comercio e Promoción Económica, puxo en marcha un ano máis, o Concurso de Escaparates de Nadal 2018. Nesta ocasión inscribíronse un total de 46 establecementos comerciais (23 en Bertamiráns e 23 no Milladoiro). Ademais, foron rexeitadas dúas inscricións por ser presentadas fóra de prazo. Os escaparates están expostos dende o día 14 de decembro ata o 7 de xaneiro de 2019. Como novidade, nesta xa décimo terceira edición, todos os establecementos foron premiados coa entrega duns paraugas de cortesía para que sexan compartidos entre a súa clientela. Estes paraugas están rotulados con dúas frases que, por unha parte, invitan a mercar no comercio local e por outra fomentan o espírito do compartir.
[17-12-2018] O local de JUPEMI, situado no Milladoiro, acollerá este mércores, 19 de decembro, unha nova charla do programa municipal “Falemos de Saúde”. Nesta ocasión o obradoiro, que comezará as 17.30 horas, será impartido por Ubaldo Fernández (coordinador do servizo de enfermería do Centro de saúde de Bertamiráns) e Natalia Martínez-Reboredo (farmacéutica). Ambos profesionais falarán da correcta administración de fármacos e organización do tratamento.
- ‹ anterior
- 4 de 793
- seguinte ›




