Pestanas principais

Repártense 3.000 bolsas reutilizables entre os escolares de Ames para fomentar as compras nos comercios amesáns durante este Nadal

Mércores, 19 de decembro de 2018

[19-12-2018] Baixo o lema Aposta polo noso, a decisión é túa, a Concellaría de Promoción Económica e Turismo, puxo en marcha unha campaña de apoio ao comercio local durante a época de Nadal. Entre as iniciativas realizadas, atópase o reparto de preto de 3.000 bolsas reutilizables, co slogan: Merca no comercio local, dalle vida ás rúas de Ames! #Adecisiónétúa, entre os escolares das escolas infantís, escolas unitarias e colexios de educación infantil e primaria. Ademais, no marco do XIII Concurso de Escaparates, premiouse aos 46 establecementos participantes coa entrega duns paraugas de cortesía para que sexan compartidos entre a súa clientela.


Dende o día de onte as familias con fillos e fillas escolarizados nos colexios de Ames están comenzando a recibir unha bolsa reutilizable co lema Merca no comercio local, dalle vida ás rúas de Ames! Esta é unha das accións programadas dende a Concellaría de Promoción Económica e Turismo para fomentar as compras nos establecementos comercias locais de Ames durante este Nadal.

Xunto coas bolsas tamén se entrega unha cuartilla explicando o obxecto desta iniciativa baixo o título Aposta polo noso, a decisión é túa, co que se pretende invitar á cidadanía que reflexione acerca da importancia de manter vivas as pequenas empresas, a hostalaría e o comercio local se queremos seguir contando con rúas vivas, e a repercusión que poden chegar a ter as decisións que tomamos no noso día a día á hora de facer as nosas compras, contratar un servizo ou tomar un café.

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Isabel González, explica a razón desta iniciativa “actualmente a supervivencia dos pequenos negocios está ameazada non só polas grandes superficies e multinacionais, senón tamén pola recente e forte implantación do comercio electrónico e as xigantescas compañías creadas para tal fin. A través desta campaña queremos crear conciencia na cidadanía acerca destes perigos que nos afecta a todas e todos, xa que si o tecido comercial e empresarial local esmorece as nosas rúas pouco a pouco irán quedando desertas”.

“Pensamos que a distribución de ditas bolsas reutilizables, a través dos centros educativos, nos axuda a que esta mensaxe cale nos máis cativos e sexan eles quen o estenda aos outros membros das familias. Quero agradecer dende aquí a boa acollida e grande colaboración prestada polo profesorado no desenvolvemento desta acción”, apuntou Isabel González.

Contido relacionado


Compostela 24 Horas: "Reparten máis de 3.000 bolsas reutilizables entre os escolares de Ames para impulsar o comercio local"