Pestanas principais

Un total de 46 establecementos comerciais participan no XIII Concurso de Escaparates do Concello de Ames

Luns, 17 de decembro de 2018

[17-12-2018] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Comercio e Promoción Económica, puxo en marcha un ano máis, o Concurso de Escaparates de Nadal 2018. Nesta ocasión inscribíronse un total de 46 establecementos comerciais (23 en Bertamiráns e 23 no Milladoiro). Ademais, foron rexeitadas dúas inscricións por ser presentadas fóra de prazo. Os escaparates están expostos dende o día 14 de decembro ata o 7 de xaneiro de 2019. Como novidade, nesta xa décimo terceira edición, todos os establecementos foron premiados coa entrega duns paraugas de cortesía para que sexan compartidos entre a súa clientela. Estes paraugas están rotulados con dúas frases que, por unha parte, invitan a mercar no comercio local e por outra fomentan o espírito do compartir.

Nesta edición superouse o número de establecementos inscritos no Concurso de Escaparates do Concello de Ames de 2017. Se na edición anterior foron 44, este ano incrementouse esta cifra ata chegar aos 46 establecementos comerciais (23 en Bertamiráns e 23 no Milladoiro), que competirán co engalanado dos seus escaparates para obter algún dos premios que se repartirán na décimo terceira edición deste concurso de Nadal. Os escaparates están expostos dende o día 14 de decembro ata o 7 de xaneiro de 2019.

Como novidade, nesta xa décimo terceira edición, todos os establecementos foron premiados coa entrega duns paraugas de cortesía para que sexan compartidos entre a súa clientela. Estes paraugas están rotulados con dúas frases que, por unha parte, invitan a mercar no comercio local e por outra fomentan o espírito do compartir.

Aqueles escaparates que non se atopen montados no momento da visita dalgunha das persoas que conformen o xurado quedarán excluídos do concurso. O xurado estará composto por unha persoa representante de cada unha das tres asociacións de comerciantes do concello, así como por unha persoa representante da asociación de Consumidores de Galicia (UCGAL). O xurado contará coa asistencia dunha ou dun técnico especialista, a designar pola Alcaldía. Así mesmo, persoal pertencente á Concellaría de Promoción Económica actuará como secretario.

O fallo do xurado darase a coñecer este venres, 21 de decembro. O primeiro, segundo e terceiro establecemento clasificado recibirá, respectivamente, 1000, 700 e 400 euros, cantidades ás que se lle aplicará a retención do IRPF que corresponda no momento da entrega dos premios. Alén diso, o concurso tamén contará co Premio Especial do Público, o cal premiará a un establecemento do Milladoiro e outro de Bertamiráns con 200 euros cada un. O resultado das votacións do público serán publicados a finais do mes de xaneiro de 2019. Os establecementos seleccionados polo xurado e polo público gozarán, ademais, da cesión de espazos publicitarios gratuítos en Ames Radio durante un mes consecutivo.

Premio Especial do Público
Para realizar as votacións do Premio Especial do Público entregáronse 150 boletos a cada establecemento inscrito, para que sexan distribuídos entre a súa clientela. Os boletos coas votacións deberán ser entregados con todos os datos cubertos e asinados no espazo correspondente, depositaranse nas urnas colocadas para elo na Casa da Cultura e na Casa do Concello, en Bertamiráns, ou na Casa da Cultura e na Biblioteca, no Milladoiro, ata o 7 de xaneiro de 2019. No caso de que algún boleto presente algún campo baleiro, será considerado nulo.

Ademais, só serán contabilizados un número máximo de 10 votos por persoa, e non está permitido o voto de ningún titular ou cotitular dos establecementos participantes. As clientas e clientes que emitan, polo menos un voto, participarán no sorteo dun talón por importe de 300 euros, para realizar compras nos establecementos comerciais de Ames. Sortearanse un total de tres talóns bancarios, todos eles de un importe de 300 euros cada un.

O sorteo terá lugar unha vez rematado o período de Nadal, o mesmo día en que se realice o reconto dos votos do público. Para escoller ás persoas gañadoras, extraeranse tres boletos ao azar. Do mesmo xeito, tamén se retirarán outros seis boletos, que serán asignados ás persoas suplentes na mesma orde en que foron retirados da urna. O nome das persoas gañadoras dos cheques, así como o das suplentes, darase a coñecer o mesmo día que os nomes dos establecementos máis votados polo público.



Contido relacionado


Lindeiros: "46 establecementos participan no XIII Concurso de Escaparates do Concello de Ames"