Actualidade

Ex., 13-11-2026
Ex., 13-11-2026
Venres, 02 de novembro de 2018

[02-11-2018] O venres 9 de novembro, ás 21.00h, o grupo de teatro afeccionado Sen Cancelas Teatro chega á Casa da Cultura de Bertamiráns coa súa obra 2010. A peza, que foi estreada o 20 de outubro, parte dun acontecemento real ocorrido en abril dese ano, no que sete personaxes descoñecidas entre si se ven envoltas nunha situación límite que sacará o mellor e o peor de cada unha das delas. As entradas para asistir á representación serán de balde, e estarán dispoñibles ata completar aforo.

Xoves, 01 de novembro de 2018

[01-11-2018] O Concello de Ames publica o resultado da enquisa feita, na web municipal, sobre a valoración xeral do transporte público no municipio. A raíz do proceso de renovación do transporte metropolitano que a Xunta está emprendendo, dende o goberno municipal quíxose coñecer, a partir de catro preguntas, o grado de satisfacción da veciñanza, co obxectivo de trasladar estes datos á propia Consellería de Infraestruturas. A enquisa estivo publicada case 5 meses dende o pasado mes de xuño no sitio web de Ames.

Xoves, 01 de novembro de 2018

[01-11-2018] O Concello de Ames acaba de publicar na páxina web municipal un banner cunha enquisa na que se pode votar polo/a mellor deportista de Ames de 2018. Este é o terceiro ano consecutivo que se pon en marcha esta iniciativa para elixir un dos premios que se entregará na XIII Gala do Deporte, que está previsto que se celebre no vindeiro mes de febreiro. As votacións poderanse realizar ata o vindeiro 18 de xaneiro na páxina web municipal. O resto de premios daranse a coñecer, ao igual que nas tres edicións anteriores, no momento da celebración do evento.

Xoves, 01 de novembro de 2018

[01-11-2018] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación e Cultura, abre o prazo de inscrición do programa de conciliación familiar Nadal Lúdico. O servizo desenvolverase, tanto no Milladoiro como en Bertamiráns, os días 24, 26, 27, 28 e 31 de decembro e 2, 3, 4 e 7 de xaneiro, en horario de 7:30h a 16:00 horas. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o vindeiro 16 de novembro. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de solicitude e as bases dos lúdicos.

Mércores, 31 de outubro de 2018

[31-10-2018] A edición de 2018 da Spartathlon, que consiste en percorrer os 246 km que separan as cidades gregas de Atenas e Esparta en menos de 36 horas, contou coa participación do atleta amesán Diego Rojo. A proba, unha das máis complicadas do mundo, viuse endurecida pola entrada do ciclón Zorba no país heleno. Neste contexto, o atleta amesán conseguiu completar o percorrido en 35 horas e 41 minutos, converténdose no único español en rematar esta edición do ultramaratón.

Mércores, 31 de outubro de 2018

[31-10-2018] A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o inicio do expediente de contratación do contrato mixto de subministro, instalación e montaxe dos elementos descritos no proxecto de mellora da eficiencia enerxética da iluminación pública no Milladoiro. O obxecto do presente proxecto é definir o plan de actuación, consistente na renovación parcial das instalacións de iluminación pública do Milladoiro para mellorar a eficiencia enerxética das mesmas e reducir a contaminación lumínica, así como as emisións de CO2 asociadas ao seu consumo eléctrico, baixo o cumprimento da lexislación vixente. Este proxecto, que será sufragado cos fondos que achega a Deputación da Coruña, a través do POS 2017, ten un orzamento de licitación que ascende a 356.837,92 euros, IVE incluído.

Martes, 30 de outubro de 2018

[30-10-2018] O Concello de Ames informa de que a empresa Espina & Delfín vén de emitir un aviso no que se comunica que o venres, 2 de novembro, estarán pechadas as oficinas que ten esta entidade nas localidades de Bertamiráns e do Milladoiro por ser festivo segundo convenio. Para calquera urxencia pódese chamar ao número de teléfono de atención permanente 673 830 393.

Martes, 30 de outubro de 2018

[30-10-2018] Este luns, 29 de outubro, celebrouse en Lousame unha xuntanza dos nove concellos promotores do itinerario cultural do Camiño a Santiago pola ría de Muros-Noia. Esta xuntanza serviu para presentar un avance do estudo de recompilación da distinta documentación histórica referente ao Camiño a Santiago pola ría de Muros-Noia. Consideran que a proposta conta cunha base histórica sólida para iniciar con éxito o expediente para o seu recoñecemento como Camiño de Santiago. Asemade, acordouse o 28 de novembro coma data prevista para a sinatura dun convenio de colaboración para a delimitación de dito camiño.

Martes, 30 de outubro de 2018

[30-10-2018] A Aula da Natureza organiza para esta fin de semana dúas saídas para visitar a cova de Choias, situada na Pobra de Brollón, e a do rei Cintolo de Mondoñedo. O obxectivo desta iniciativa é descubrir as especies que residen nestas covas ao tempo que se observan as formacións do seu interior. Para participar en calquera destas actividades é necesario enviar cuberta a ficha de inscrición dispoñible baixo o apartado de descargas ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal.

Martes, 30 de outubro de 2018

[30-10-2018] O local de JUPEMI do Milladoiro acollerá este mércores, 31 de outubro, ás 17.30h, unha charla sobre o dano cerebral adquirido (DCA) con motivo do Día do DCA, celebrado o pasado venres. Durante o taller, que impartirá a traballadora social da asociación Sarela, Laura Segade, afondarase nas causas desta afectación, que supón xa o primeiro motivo de discapacidade e dependencia en persoas adultas, ao tempo que se establecerán uns pasos a seguir para a prevención e recuperación desta afectación.