Actualidade
[30-10-2018] A Aula da Natureza organiza para esta fin de semana dúas saídas para visitar a cova de Choias, situada na Pobra de Brollón, e a do rei Cintolo de Mondoñedo. O obxectivo desta iniciativa é descubrir as especies que residen nestas covas ao tempo que se observan as formacións do seu interior. Para participar en calquera destas actividades é necesario enviar cuberta a ficha de inscrición dispoñible baixo o apartado de descargas ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal.
[30-10-2018] O local de JUPEMI do Milladoiro acollerá este mércores, 31 de outubro, ás 17.30h, unha charla sobre o dano cerebral adquirido (DCA) con motivo do Día do DCA, celebrado o pasado venres. Durante o taller, que impartirá a traballadora social da asociación Sarela, Laura Segade, afondarase nas causas desta afectación, que supón xa o primeiro motivo de discapacidade e dependencia en persoas adultas, ao tempo que se establecerán uns pasos a seguir para a prevención e recuperación desta afectación.
[29-10-2018] Ames Radio fai pública a súa programación da semana do 5 ao 11 de novembro. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás consultar a programación completa.
[29-10-2018] Este domingo clausurouse a décimo terceira edición do Festival de Maxia do Concello de Ames, que se desenvolveu do luns 22 ao domingo 28 de outubro. Así, un total de 1.139 persoas acudiron aos espectáculos celebrados durante a fin de semana, mentres que 3.039 nenos e nenas puideron gozar dos espectáculos de maxia programados de luns a venres nos centros de ensino de Ames. O Festival de Maxia estivo organizado polo Concello de Ames, en colaboración coa Deputación da Coruña, e a empresa Abarajar Producciones, que repetiu como responsable do desenvolvemento do Festival.
[29-10-2018] O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolle o vindeiro xoves, 8 de novembro, ás 20.00 horas, a charla As miñas linguas e máis eu. Esta iniciativa, que ofrecerá o divulgador científico e experto en neurociencia Xurxo Mariño, inscríbese dentro do programa Apego e xirará en torno á mente e a linguaxe, así como aos cambios que a mente humana experimenta coa aprendizaxe dunha lingua. Esta charla, organizada polo Servizo de Normalización Lingüística de Ames, está dirixida especialmente a familias con nenos/as de 0 a 6 anos ou futuros proxenitores. Tamén poden participar docentes de educación infantil e primaria e calquera outra persoa interesada. Para acudir é necesario inscribirse antes do 7 de novembro, mediante o envío dun correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, no que apareza o nome e apelidos dos e das participantes e un teléfono de contacto.
[29-10-2018] Nas últimas semanas remataron as obras de mellora do camiño situado no lugar de Sisalde, pertencente á parroquia de Ortoño. Estes traballos estaban incluídos no mesmo proxecto que recollía a mellora do camiño que vai de Pousada á Capela de San Xoanciño, na parroquia de Ames. Estas dúas obras foron executadas pola empresa Construcciones Ponciano Nieto SL, por un importe de 33.949 euros. A través deste proxectos continuouse coa labor de mellora nas comunicacións viarias do rural amesán.
[27-10-2018] Durante o mes de novembro executaranse as obras do proxecto de mellora da seguridade viaria na rúa Viorneira e na avenida de Rosalía de Castro do Milladoiro. A través deste plan vanse a instalar dous semáforos e un paso de peóns adaptado, que parta da rúa Viorneira e atravese a avenida de Rosalía de Castro. Búscase mellorar a seguridade na N-550 e facilitar o cruce desta avenida, xa que son moitos os veciños e veciñas que cruzan por ese punto e poñen en risco a súa seguridade. A maiores preténdese habilitar un novo cruce e conectar os dous lados da avenida Rosalía de Castro, á altura da rúa Viorneira, unha zona eminentemente comercial. Esta actuación será realizada con fondos propios municipais e ten un custo de 32.192 euros.
[27-10-2018] Para despedir o 2018 e recibir o vindeiro ano con enerxía, Rutas a Pie, en colaboración coa Concellaría de Promoción Económica e Turismo, ten preparados dous cursos aplicados á práctica do sendeirismo. Así, para o 10 e 11 de novembro organizase un curso de orientación, mentres que o 12 e o 13 de xaneiro realizarase outro de iniciación no manexo do GPS. Estas actividades terán lugar no Centro de Formación e Emprego de Aldea Nova, en horario de 09:30h a 19:00 horas. As inscricións poden realizarse a través do enderezo de correo electrónico clubrutasapie@gmail.com, do perfil de Facebook da asociación Rutas a Pie ou dos números de teléfono 628 28 79 57.
[26-10-2018] Despois de cinco días cheos de espectáculos infantís, comeza un fin de semana no que as Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro serán escenario de obradoiros de maxia, o espectáculo “Cantando baixo a maxia” e tres sesións da Gala Máxica Internacional. Durante a semana, máis de 3.000 escolares, que están a cursar dende infantil ata segundo da ESO, participaron nos espectáculos ofrecidos polos magos Roberto Lolo e Pedro Bugarín nos centros educativos de Ames.
[26-10-2018] Este xoves, 25 de setembro, celebrouse o pleno ordinario correspondente ao mes de outubro no que a Corporación municipal aprobou de xeito inicial o regulamento da Rede municipal de comedores escolares, Bos días cole e Tardes divertidas. Ademais, aprobouse por unanimidade o convenio de colaboración nos traballos de delimitación do Camiño a Santiago da ría de Muros-Noia; a resolución de alegacións e aprobación definitiva da ordenanza para a protección dos camiños e vías públicas municipais; a adhesión á Asociación de entidades locais pola lingua galega; a aprobación do Plan normativo municipal; a aprobación do texto refundido do regulamento de bolsas de traballo do Concello de Ames e do texto refundido do Regulamento Orgánico Municipal (ROM); e unha proposta do goberno municipal a prol da regularización da educación social.
- ‹ anterior
- 23 de 793
- seguinte ›




