[02-11-2018] O venres 9 de novembro, ás 21.00h, o grupo de teatro afeccionado Sen Cancelas Teatro chega á Casa da Cultura de Bertamiráns coa súa obra 2010. A peza, que foi estreada o 20 de outubro, parte dun acontecemento real ocorrido en abril dese ano, no que sete personaxes descoñecidas entre si se ven envoltas nunha situación límite que sacará o mellor e o peor de cada unha das delas. As entradas para asistir á representación serán de balde, e estarán dispoñibles ata completar aforo.

2010 surxe dun acontecemento real ocorrido en abril de fai oito anos. Así, esta obra de ficción parte deste misterioso suceso a raíz do que oito personaxes descoñecidos entre si se ven obrigados a compartir unha situación limite que sacará a verdadeira natureza de cada un deles. Así, os espectadores e as personaxes irán descubrindo e reaccionando á par aos acontecementos que se suceden a raíz desta situación, a priori, desconcertante, pero que irá encaixando co devir do tempo.
Ao longo de sesenta minutos de representación, o director obrigará tanto ás personaxes como ao público a reflexionar sobre a empatía e a dualidade do ser humano, ao tempo que se exploran os propios límites e as razóns que poden levar a unha persoa a decidir cruzalos. Todo elo, partindo da idea de que, máis alá do que vemos nunha persoa, sempre hai dúbidas e temores que nos poden sorprender.
Así nos presenta esta peza Xan Solo, director e guionista desta obra estreada o pasado 20 de outubro en Santa Comba con cheo absoluto. Na aventura acompáñano os actores e actrices Juan Carlos Lois (Ginés), Rosa Lois (Camila), Ismael Vilacoba (Lucio) , Carmen Vilacoba (Bianca), Vanessa Esculta (Sabela), Silvia Estévez (René), Noelia Gómez (Dulce) e Manuela Barcia (Sara).
Contido relacionado

Compostela 24 horas: "Venres de teatro na Casa da Cultura de Bertamiráns"
El Correo Gallego: "O teatro continúa en Santa Comba e nos concellos amaianos con catro actuacións "




