Pestanas principais

Organízase para esta fin de semana a visita ás covas de Choias e do rei Cintolo ao abeiro da iniciativa “Vida nas covas”

Martes, 30 de outubro de 2018

[30-10-2018] A Aula da Natureza organiza para esta fin de semana dúas saídas para visitar a cova de Choias, situada na Pobra de Brollón, e a do rei Cintolo de Mondoñedo. O obxectivo desta iniciativa é descubrir as especies que residen nestas covas ao tempo que se observan as formacións do seu interior. Para participar en calquera destas actividades é necesario enviar cuberta a ficha de inscrición dispoñible baixo o apartado de descargas ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal.

Esta fin de semana realízanse dúas novas actividades encadradas no programa VéV, impulsado pola Aula da Natureza de Ames. Nesta ocasión, trátase dunha visita á cova das Choias, que se realiza este sábado, e unha sesión espeleolóxica á cova do Rei Cintolo o domingo, 4 de novembro, baixo o nome Vida nas covas. O obxectivo é observar as características formacións destas covas mentres se descobren as distintas especies que residen no seu interior, tanto flora como fauna.

Así, o sábado visítase a Cova das Choias, na que poden observarse especies como a choia biquivermellas, especie de ave pertencente á familia dos córvidos á que a cova debe o seu nome, ou o morcego pequeno de ferradura, incluída no Catálogo Galego de Especies Ameazadas na categoría de vulnerable. Sen embargo, un dos principais atractivos desta formación é a presencia do musgo Schistostega pennata, coñecido como o “musgo luminoso” debido aos seus filamentos, capaces de reflectir unha luz cor esmeralda que semella un efecto luminiscente. Esta especie tamén se encontra incluída no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, polo que é necesario ser especialmente respectuoso mentres se admira.

Os participantes, poderán coller o autobús ás 09.15h na parada da Praza do concello de Bertamiráns, ou 15 minutos despois, na parada da Casa da Cultura do Milladoiro. A continuación, o autocar dirixirase directamente a Pobra de Brollón, a onde se chegará arredor das 11.00h para comezar coa visita á cova. Ao finalizar, tomarase o xantar que cada un leve da casa nas bodegas de Vilachá e, xa pola tarde, realizarase unha visita ó castro de San Lourenzo. O percorrido finalizará ás 17.00 horas, cando se emprenderá o camiño de volta a Ames.

Ao día seguinte, a visita realizarase á cova do Rei Cintolo e ao entorno natural de Guitiriz. O obxectivo da saída será observar as características formacións da cova, como as columnas de estalactitas e estalagmitas, coadas e bandeiras, as augas interiores e coñecer de primeira man a vida do lugar, así como os varios xéneros de morcegos, as diversas colonias de invertebrados e os crustáceos que viven no interior. O percorrido da cova, cuxa superficie ocupa uns 6,5 quilómetros distribuídos en catro zonas, será duns 300 metros nos que o desnivel máximo rolda os 75 metros, con augas interiores que alimentan varios lagos e unha corrente subterránea ou río Celta na cota inferior.

Para esta última actividade sairá un autobús ás 12.00h da parada da praza do Concello de Bertamiráns, que fará parada na Casa da Cultura do Milladoiro quince minutos despois, para levar aos participantes ata Mondoñedo. Ás 13.15h farase un alto no viaxe na área recreativa Sete Muíños de Guitiriz, onde se poderá comer (a comida debe levarse da casa). No caso de choiva, o xantar realizarase na área de descanso da mesma localidade. A continuación, ás 14.30h, sairase cara a oficina de turismo de Mondoñedo para comezar a visita do rei Cintolo, que durará arredor dunha hora e media. Ás 18.00 horas retomarase a volta a Ames.

Recoméndase que os participantes leven roupa cómoda que poidan manchar, unha muda para cambiarse trala visita, e calzado pechado con fondo de goma para evitar esvarar. Ademais, para participar na visita á cova do rei Cintolo será necesario ser maior de 12 anos e aboar 15 euros na oficina de Turismo de Mondoñedo en concepto de entrada, así como asinar unha declaración xurada de non ter coñecemento de padecer enfermidade cardiorrespiratorias, osteoesqueléticas ou fobias que poidan dificultar a visita do participante a cova.

Variedade é vida – Vida é variedade (VéV)
Esta iniciativa ten como obxectivo amosar que a vida e a variedade están unidas de maneira intrínseca. Así, a variedade xenética e a adaptación que os seres vivos realizaron e realizan ao longo de miles de anos ten como resultado as especies que hoxe conviven no noso planeta, nunha gran variedade de condicións e ecosistemas. Deste xeito, esta iniciativa busca non só que os participantes se acheguen á natureza, senón tamén axudalos a reflexionar sobre a variedade, que é o que da riqueza á vida, polo que debe ser respectada.

Ademais desta primeira saída, encadrada dentro do bloque Vida nas covas, tamén se realizará Vida no monte o domingo 11, na que se gozará de Ponte Arados sobre o lombo dos cabalos; e Vida no aire, na que se realizará unha saída ornitolóxica ao espazo natural do encoro Abegondo - Cecebre o domingo 18 de novembro.

A través desa e outras actividades, iráselles mostrando aos participantes temas como a vida en chemineas submarinas a 200 grados de temperatura ou ambientes radioactivos, vida no Ártico e na Antártida, vida a escuras ou a vida nocturna, entre outros.

Inscrición previa
Para acudir a calquera das outras actividades é necesaria a inscrición previa. Así, a solicitude de praza deberase facer enviando a ficha que se pode atopar baixo o apartado de descargas desta nova ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal.

Pódese obter máis información sobre as iniciativas organizadas pola Aula da Natureza do Concello de Ames chamando ao número de teléfono 660 00 46 65, en horario de 9:00h a 14:00 horas.

Contido relacionado


Lindeiros: "A Aula da Natureza de Ames prepara dúas saídas na fin de semana para coñecer as covas de Choias e do rei Cintolo"