Pestanas principais

Abre o prazo para votar polo/a mellor deportista de Ames no ano 2018, que será galardoado/a co premio do público na XIII Gala do Deporte

Xoves, 01 de novembro de 2018

[01-11-2018] O Concello de Ames acaba de publicar na páxina web municipal un banner cunha enquisa na que se pode votar polo/a mellor deportista de Ames de 2018. Este é o terceiro ano consecutivo que se pon en marcha esta iniciativa para elixir un dos premios que se entregará na XIII Gala do Deporte, que está previsto que se celebre no vindeiro mes de febreiro. As votacións poderanse realizar ata o vindeiro 18 de xaneiro na páxina web municipal. O resto de premios daranse a coñecer, ao igual que nas tres edicións anteriores, no momento da celebración do evento.

A Concellaría de Deportes xa está traballando na organización da décimo terceira edición da Gala do deporte que está previsto que se celebre no vindeiro mes de febreiro de 2019. Despois do bo resultado dos dous últimos anos, volveuse a publicar na web municipal unha enquisa, para que a veciñanza amesá poida elixir á/ao mellor deportista de Ames do ano 2018. Para iso hai que acceder á páxina web do Concello (o banner que está debaixo da sección de vídeos) e votar.

Así, cinco deportistas optan a este premio. Poderase votar pola patinadora Nadia Iglesias de Salvador, do Club de Patinaxe Artístico Maxia da Coruña, que este ano revalidou o título de campioa de España de patinaxe artístico na categoría júnior. No mes de setembro tamén participou no campionato Europeo de patinaxe artístico nas illas Azores, no que conseguiu a medalla de prata na modalidade libre da categoría júnior, e neste mes de outubro participou no Mundial júnior de patinaxe, celebrado en La Vendée (Francia), no que quedou cuarta.

A segunda opción é votar polo xogador de squash, Borja Golán Santín, que é profesional do squash desde 2002. Neste ano 2018 proclamouse bicampión de Europa de squash ao gañarlle na final ao británico George Parker. Deste xeito, Borja Golán, que xa foi campión de Europa en 2016, recuperou o seu cetro europeo. Ademais, conseguiu o seu décimo sexto campionato de España ao ganarlle na final ao catalán Iker Pajares.

Outra opción é votar pola futbolista, Nuria Rábano Blanco, que durante o mes de agosto deste ano, xunto co resto de compañeiras da selección española feminina de fútbol, quedou subcampioa do Mundial sub 20. Foi a primeira vez que a selección española xogou un mundial nesta competición. Na actualidade Nuria é xogadora do R.C. Deportivo da Coruña, que milita no grupo 1 da Segunda división.

A cuarta opción é votar polo xogadora de baloncesto, Blanca Millán, que compite na National Collegiate Athletic Association (NCAA) formando parte da Universidade de Maine. Nesta segunda temporada o seu equipo proclamouse campión da súa conferencia e Blanca foi recoñecida a nivel individual como mellor xogadora da final e nomeada nos mellores quintetos ofensivo e defensivo da conferencia Este, así como no mellor quinteto xeral.

A quinta opción é votar polo padexeiro, Gabriel Martínez, que durante este ano proclamouse campión de España júnior K-1 200 metros, subcampión de España K-2 200 metros e participou coa selección Española no Mundial júnior de Plovdiv (Bulgaria) en K-1 200 e K-4 500 metros.

As votacións poderanse realizar ata o 18 de xaneiro de 2019, na páxina web municipal. O premio do público será entregado na décimo terceira Gala do Deporte. O resto de premios daranse a coñecer, ao igual que nas tres edicións anteriores, no momento da celebración do evento. Como soe ser habitual este evento reunirá aos clubs e entidades deportivas do concello, así como as deportistas máis destacados durante o 2018 en Ames.

Contido relacionado


Compostela 24 horas: "Abre o prazo para votar polo/a mellor deportista de Ames do 2018"