[31-10-2018] A edición de 2018 da Spartathlon, que consiste en percorrer os 246 km que separan as cidades gregas de Atenas e Esparta en menos de 36 horas, contou coa participación do atleta amesán Diego Rojo. A proba, unha das máis complicadas do mundo, viuse endurecida pola entrada do ciclón Zorba no país heleno. Neste contexto, o atleta amesán conseguiu completar o percorrido en 35 horas e 41 minutos, converténdose no único español en rematar esta edición do ultramaratón.
A pesares dos problemas meteorolóxicos, o amesán puido manter case unha hora e media de vantaxe con respecto aos tempos fixados nos postos. Sen embargo, a falta de 75 quilómetros para chegar a Esparta, “a miña estratexia baseouse en sobrevivir e administrar o tempo de vantaxe, sen pararme nos controis mais que o necesario para camiñar mentres bebía algo quente e comía o xusto”.
A chegada a Esparta
Despois de 35 horas e 41 minutos, o deportista chegou á meta, fixada en Esparta. Alí, súa irmán acompañouno á estatua de Leónidas, o histórico xeneral que combateu o avance persa na batalla das Termópilas xunto a 300 soldados, e que supón o punto final do percorrido.
Así, esta proba, baseada no traxecto realizado por Filípides no ano 490 a.C. para solicitar apoio aos espartanos ante o intento de invasión persa, supuxo para Diego Rojo “unha auténtica ensinanza de superación na vida, así como para valorar o afortunado que son por ser consciente do patrimonio invisible”, que para el supoñen os seus seres queridos, familia, amigos e compañeiros, e a forza interior que descubriu no camiño que une Atenas e Esparta.
Dende a súa primeira edición en 1983, a última fin de semana de cada setembro celébrase en Grecia o Spartathlon, unha carreira de ultrafondo na que os participantes deben percorrer os 246 quilómetros que separan as cidades de Atenas e Esparta nun tempo máximo de 36 horas. Entre os 381 participantes que comezaron a carreira este ano, atopábase o atleta amesán, Diego Rojo, que tamén conseguiu formar parte da lista dos 239 corredores que a remataron.
Dende o momento no que foi seleccionado para participar na proba, que en palabras do deportista supón para moitos “a ultramaratón en asfalto máis dura do mundo, posto que existen 75 puntos de control con tempos de corte que te obrigan a correr en boa parte do percorrido, sobre todo no primeiro terzo”, comezou un duro adestramento. Así, para asistir á proba, o amesá enfrontouse a dous anos de preparación, e un intensivo adestramento durante o que percorreu máis de 5.000 quilómetros nos dez meses anteriores á proba, e que acompañou con exercicios de forza e mantemento da forma física.
Así, o 28 de setembro, ás 7.00 horas, os participantes partiron da saída, ao pé da acrópole ateniense. Por diante, quedáballes un complicado percorrido que este ano supuxo maior complicación, con respecto a anos anteriores, pola chegada do ciclón Zorba, que tomou terra con chuvias torrenciais, desbordamentos e ventos de máis de 100 quilómetros por hora.
Segundo palabras de Diego Rojo, os primeiros 81 quilómetros do percorrido pasaron placidamente, pero ao chegar ao segundo terzo da proba, “pouco antes de anoitecer, desatouse o inferno. A chuvia e o frío intensificáronse polo vento intenso, os pés tíñaos permanentemente empapados ao cruzar as numerosas balsas de auga, e a organización desbordouse nalgúns controis, onde non había auga quente para poder toma sopa ou té”.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "O amesán Diego Rojo, único español que completou o Spartathlon 2018"
Lindeiros: "Diego Rojo, buscando os límites na Spartathlon 2018"