Pestanas principais

O Concello de Ames e a asociación Sarela conmemoran este mércores o Día do dano cerebral adquirido cunha charla sobre esta afectación

Martes, 30 de outubro de 2018

[30-10-2018] O local de JUPEMI do Milladoiro acollerá este mércores, 31 de outubro, ás 17.30h, unha charla sobre o dano cerebral adquirido (DCA) con motivo do Día do DCA, celebrado o pasado venres. Durante o taller, que impartirá a traballadora social da asociación Sarela, Laura Segade, afondarase nas causas desta afectación, que supón xa o primeiro motivo de discapacidade e dependencia en persoas adultas, ao tempo que se establecerán uns pasos a seguir para a prevención e recuperación desta afectación.


O Concello de Ames, a través da Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, colabora coa Asociación de Dano Cerebral de Compostela Sarela na conmemoración do Día do dano cerebral adquirido, celebrado o venres 26 de outubro. Así, este mércores, 31 de outubro, no local social de JUPEMI do Milladoiro, realizarase unha conferencia aberta ao público na que se afondará nos aspectos xerais da DCA, así como nas causas que poden producir esta afectación das estruturas encefálicas.

Laura Segade, traballadora social da agrupación Sarela, será a encargada de impartir esta charla, na que ofrecerá aos asistentes unha serie de consellos sobre prevención, atención e rehabilitación de persoas que sofren esta afectación, que é a primeira causa de discapacidade e dependencia en persoas adultas. Así, o propósito desta iniciativa é sensibilizar á poboación sobre o DCA, as causas que o provocan e as súas consecuencias.

Por tanto, ao comezo da charla precisarase que é o dano cerebral adquirido, así como as causas que poden ocasionar esta afectación, como son o ictus, o traumatismo cranioencefálico ou o tumor cerebral, entre outros. De seguido, afondarase nas consecuencias deste tipo de dano e como previlo, para de seguido, explicar que facer cando xa se produciu o dano cerebral e os factores que favorecen a recuperación.

Na última parte da charla, a poñente falará sobre a asociación Sarela, os servizos dos que dispoñen e o traballo que dende a asociación están a desenvolver de cara a facilitar a vida e a recuperación das persoas que sofren Dano Cerebral Adquirido. Asemade, os/as interesados/as en recibir máis información sobre o traballo da asociación Sarela tamén poden acceder á páxina web da asociación www.sarela.org, chamar ao número de teléfono 981 577 037 ou enviar un correo electrónico ao enderezo sarela@sarela.org.