Pestanas principais

Apróbase o inicio do expediente de licitación do proxecto de mellora da eficiencia enerxética da iluminación no Milladoiro

Mércores, 31 de outubro de 2018

[31-10-2018] A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o inicio do expediente de contratación do contrato mixto de subministro, instalación e montaxe dos elementos descritos no proxecto de mellora da eficiencia enerxética da iluminación pública no Milladoiro. O obxecto do presente proxecto é definir o plan de actuación, consistente na renovación parcial das instalacións de iluminación pública do Milladoiro para mellorar a eficiencia enerxética das mesmas e reducir a contaminación lumínica, así como as emisións de CO2 asociadas ao seu consumo eléctrico, baixo o cumprimento da lexislación vixente. Este proxecto, que será sufragado cos fondos que achega a Deputación da Coruña, a través do POS 2017, ten un orzamento de licitación que ascende a 356.837,92 euros, IVE incluído.

Nos últimos anos, o Concello de Ames levou a cabo actuacións de aforro e eficiencia enerxética nas instalacións de iluminación pública existentes, necesarias debido á súa obsolescencia, insuficiencia lumínica e incumprimento do Regulamento de eficiencia enerxética nas instalacións de iluminación pública. Coa actuación indicada no presente proxecto preténdese continuar o plan de medidas en materia de aforro e eficiencia enerxética do Concello de Ames, logrando un consumo racional das instalacións a través da diminución da potencia instalada, sen diminución nos niveis de iluminación actuais, mediante a substitución de elementos existentes por outros de maior eficiencia.

No ano 2015 realizouse unha auditoría enerxética do sistema de iluminación pública do concello, que mostraba as ineficiencias e oportunidades de mellora nos diferentes equipos que o compoñían. Ante a situación presentada na mesma, o goberno municipal decidiu dedicar parte dos fondos achegados por parte da Deputación da Coruña, a través do POS 2017, á actualización e mellora da iluminación viaria do Milladoiro. Ademais, a través de dito proxecto preténdese unha redución dos niveis de contaminación lumínica provocada pola utilización de luminarias de baixo rendemento e elevado fluxo hemisférico superior instalado.

As actuacións proxectadas buscan conseguir un aforro enerxético mediante a substitución dos equipos actuais (fundamentalmente de vapor de sodio) por luminarias LED de altas prestacións con sistemas de xestión precisos e autónomos. Cando sexa necesario procederase tamén a substitución do báculo da luminaria e a mellora do cadro de control, sempre de acordo á normativa vixente. As actuacións propostas teñen como obxectivo mellorar a calidade do servizo público e optimizar os recursos económicos dos que dispón o Concello.

864 luminarias montadas sobre 745 soportes
Na actualidade, o sistema de iluminación público do Milladoiro está composto por 19 cadros, cun total de 864 luminarias montadas sobre 745 soportes. A configuración tipo do alumeado, dentro das rúas residenciais á a de báculo de 4 metros de altura en disposición de tresbolillo. Namentres na travesía da estrada N‐550, (rúa Rosalía de Castro) a configuración é a dunha vía con alta circulación de vehículos, montando as luminarias sobre columnas de aceiro de 10 metros. Tamén existen variantes na configuración dos alumeados, nas estradas periféricas do núcleo, e nas áreas de aparcadoiro.

A través deste proxecto substituíranse as luminarias actuais por luminarias LED de alto rendemento, coas vantaxes que este cambio supón respecto á situación actual: baixo consumo; baixa temperatura; ampla banda espectral; maior rapidez de resposta; luz máis brillante; sen fallos de iluminación; e maior duración e fiabilidade.

As luminarias seleccionáronse atendendo a súa potencia, fluxo lumínico, eficiencia e curva fotométrica, de forma que garantan unha iluminación correcta e aporten un aforro enerxético. Tamén se valorou a súa estética, mantendo en determinados contornos luminarias tipo villa ou fernandina. Nestes casos a solución foi a adaptación dun módulo LED para poder manter a luminaria, pero gañando iluminación e eficiencia. Cando este tipo de luminaria non garante a iluminación necesaria na vía que iluminan optarase por substituílas por columnas troncocónicas con luminarias tipo viario. En total renovaranse 636 puntos de luz e 21 cadros.

Importante aforro en consumo enerxético e gasto económico
As actuacións que se pretenden executar supoñen un importante aforro en consumo enerxético para o Concello de Ames, co conseguinte aforro económico e de emisións de CO2 á atmosfera. Pasarase de consumir 543.405 kWh/ano a 136.085 kWh/ano, e de gastar 51.623,48 euros/ano a 12.928,08 euros, co conseguinte aforro de 407.320 kWh/ano e 38.695,40 euros/ano.

Deste xeito, a actuación proposta implica un aforro do 75% no consumo enerxético das instalacións modificadas. A diminución de case 410.000 kwh ano supón una diminución nas emisións de CO2 asociadas de máis de 139 toneladas anuais. Ademais, van permitir actualizar as instalacións actuais, obsoletas na súa maioría, adaptándoas á normativa eléctrica e luminotécnica vixente e diminuíndo os gastos de mantemento actuais. As obras proxectadas suporán polo tanto a mellora na calidade do servizo prestado á veciñanza do Milladoiro en todos os aspectos (visibilidade, seguridade, limpeza, etc) e optimizará os recursos municipais dispoñibles.

Este proxecto, que será sufragado cos fondos que achega a Deputación da Coruña, a través do POS 2017, ten un orzamento de licitación que ascende a 356.837,92 euros, IVE incluído.

Renovación da iluminación pública de Bertamiráns
O plan Impulsa Ames, financiado a través da segunda convocatoria europea de Estratexias de Desenvolvemento Urbano Sustentable e Integrado (DUSI), cofinanciada polo programa europeo FEDER de Crecemento Sustentable 2014-2020, recolle o programa de mellora de consumos enerxéticos coa implantación de sistemas de control luminaria pública e en edificios públicos que permitirán abordar o eido climático e enerxético. Deste xeito, abordarase a renovación da iluminación pública e substitución de luminarias por outras de baixo consumo na localidade de Bertamiráns. Este proxecto, que está previsto que se licite e execute no ano 2019, conta cun orzamento inicial na EDUSI de 361.459,3 euros.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames reducirá el gasto energético de Milladoiro en 40.000 euros con el cambio de 636 luminarias"
Compostela 24 horas: "O Concello de Ames aproba o inicio do proxecto de mellora da iluminación pública do Milladoiro"
La Voz de Galicia: "La Diputación financia el nuevo alumbrado de Milladoiro y Arzúa"
El Correo Gallego: "La Diputación destina 356.000 euros a la red de alumbrado de Milladoiro"
Lindeiros: "A Deputación renova o alumeado público do Milladoiro en Ames"
Compostela 24 horas: "Ames investirá máis de 350.000 euros na mellora da rede de alumeado público do Milladoiro"