Pestanas principais

Volve o programa “Falemos de saúde” cunha charla sobre a menopausia

Martes, 26 de setembro de 2017

[26-09-2017] Este xoves, 28 de setembro, volve o programa “Falemos de saúde” despois dun breve parón durante os meses estivais. A doutora Magdalena Seco, coordinadora do centro de saúde do Milladoiro, será a encargada de impartir unha charla sobre a menopausia. Dita charla desenvolverase, ás 17:30 horas, no local do club de xubilados e pensionistas do Milladoiro (situado na rúa Figueiras). Este programa está composto por un total de 11 charlas-obradoiros que se desenvolverán ata final de ano. A través deste servizo trátase de poñer en valor o concepto de saúde e crear un espazo onde desenvolver charlas-obradoiros participativas sobre diversas doenzas femininas ou de prevalencia feminina.

O Concello de Ames puxo en marcha no mes de marzo o programa “Falemos de saúde” que inclúe a impartición de 11 charlas-obradoiros participativas sobre diversas doenzas femininas ou de prevalencia feminina. Ata este momento desenvolvéronse cinco charlas sobre as disfuncións do solo pélvico; a autoestima e o empoderamento; o acompañamento das persoas con cancro; a sexualidade na idade adulta; e a idade saudable.

A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, destaca que “con este programa que puxemos en marcha no mes de marzo o que se pretende é poñer en valor o concepto de saúde, e que se vexa como un dereito individual máis que como unha obriga. Así, crease un espazo de xuntanza, debate, reflexión... da muller, para a muller, sen ser excluínte, onde se abordan de xeito participativo aspectos da saúde dende unha perspectiva biopsicosocial e de xénero”.

Asemade, as técnicas municipais encargadas de xestionar este programa valoran de xeito positivo a organización destas actividades que están contando cunha media de asistencia de 30 persoas. Ademais, indican que a veciñanza estase mostrando bastante participativa e solicitan a continuidade de dito programa con charlas que aborden outros aspectos e doenzas de índole feminina.

Charla sobre a menopausia
A sexta charla deste programa impartirase este xoves, 28 de setembro, ás 17:30 horas, no local do club de xubilados e pensionistas do Milladoiro (situado na rúa Figueiras). Neste caso abordarase o tema da menopausia. Esta charla será impartida pola doutora Magdalena Seco, coordinadora do centro de saúde do Milladoiro. A doutora Seco indica que “explicarase o proceso completo da menopausia, dende os primeiros síntomas ata que se completa dito proceso. Tamén falaremos da medicación e dos coidados que hai que seguir antes, durante e despois de dito proceso. Trátase dunha charla que está dirixida a todas as mulleres xa que todas van a pasar por este proceso”.

O programa está composto por un total de 11 charlas-obradoiros que se desenvolverán ata final de ano. As charlas que quedan por impartir son: o alzhéimer e outras demencias; control do estrés, ansiedade e técnicas de relaxación; prevención de drogodependencias; corresponsabilidade e igualdade; e adicións sen sustancia. Deste xeito, durante o mes de outubro impartiranse dúas charlas: o alzhéimer e outras demencias; e control do estrés, ansiedade e técnicas de relaxación.

Contido relacionado


Ames Go: "Volve o programa <Falemos de saúde>"
Lindeiros: "A menopausia dentro do ciclo Falemos de saúde do concello de Ames"