Pestanas principais

Aberto o prazo de inscrición para as “Tardes de Contos” do programa Apego

Martes, 03 de outubro de 2017

[03-10-2017] A Concellaría de Normalización Lingüística organiza, para este outubro, o obradoiro “Tardes de Contos”, encadrado dentro do programa Apego. Orientado a familias con crianzas entre os 0 e os 6 anos, o obradoiro desenvolverase ao longo de catro sesións nas que se achegarán diferentes contos e xeitos de contar. O 9 e 23 de outubro, as “Tardes de Contos” serán na Casa da Cultura do Milladoiro, mentres que os días 16 e 30, terán lugar no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. A inscrición, que é gratuíta, debe ser feita a través do enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, enviando un correo co nome e a idade das persoas participantes, así como un número de contacto. O prazo de inscrición permanecerá aberto do 2 ao 9 de outubro.


O obradoiro “Tardes de Contos” encádrase dentro do programa do Apego do Concello de Ames. Concibido como unha actividade na que as familias, con crianzas entre os 0 e os 6 anos, aprenden diferentes contos e xeitos de contar, está estruturada en catro sesións, nas que se buscarán contos cuxas temáticas teñan unha utilidade práctica para a vida cotiá. As sesións repartíranse entre a Casa da Cultura do Milladoiro (días 9 e 23 de outubro) e Bertamiráns (días 16 e 30). Todas as sesións comezarán ás 18:00 horas e terán unha hora de duración.

Un dos obxectivos principais das “Tardes de Contos” é que estas se acaben por tornar un club de lectura autoxerido, de maneira autónoma, polas propias familias. Do mesmo xeito, o obradoiro tamén ten entre os seus obxectivos a achega de recursos para a mellora da transmisión da lingua galega e da comunicación e relación coas crianzas, a creación dun espazo de socialización en galego e a aprendizaxe, por parte das familias, de maneiras de empregar a voz e os xestos á hora de narrar un conto.  

A inscrición, que é gratuíta, deberá realizarse entre o 2 e o 9 de outubro, a través do enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, enviando o nome e a idade das persoas participantes e un número de contacto. No total, hai prazas dispoñibles para 25 familias. 

O programa Apego é un proxecto colectivo que busca acompañar e apoiar ás familias na transmisión do galego ás nenas e nenos durante os seus primeiros anos de vida (nomeadamente, entre os 0 e os 6 anos). O programa pretende reforzar nas crianzas a identidade coa familia e coas súas raíces a través de xogos, contacontos, festas, xornadas de convivencia e outras actividades.

Contido relacionado


Ames Go: "Tardes de Contos dentro do programa Apego"