Pestanas principais

Comeza a actividade de psicomotricidade educativa e preventiva

Luns, 02 de outubro de 2017

[02-10-2017] Esta semana comeza a actividade de psicomotricidade educativa e preventiva, esta será a duodécima edición deste programa dirixido aos nenos e nenas do concello de Ames de 3, 4 e 5 anos. Impartirase nos centros escolares de Agro do Muíño, A Maia e EEI de Milladoiro. Dúas monitoras con ampla experiencia na educación infantil e na psicomotricidade educativa e preventiva impartirán esta actividade.

O programa de psicomotricidade educativa e preventiva busca traballar a expresividade motriz dos nenos e nenas para mellorar a súa relación co entorno e as condicións do seu crecemento como persoas, apoiando e favorecendo o seu desenvolvemento.

Nas sesións diarias traballarase o movemento, a expresión oral e corporal e as manifestacións gráficas e plásticas co fin de favorecer a interacción entre o coñecemento, a emoción, o corpo e o movemento, así como a súa capacidade para expresarse e relacionarse no seu contexto social.

Tamén están orientadas a que os nenos/as aprendan determinados valores e normas sociais e se acostumen a respectar os demais dentro dun grupo favorecendo un clima de confianza e sen conflitos.