[30-09-2017] Após o grande éxito acadado nas sesións celebradas con anterioridade, os locais sociais de Bugallido e Augapesada volven acoller novas sesións de contacontos. Deste xeito, cada quince días, os luns en Augapesada, e os martes en Bugallido, as nenas e nenos destes lugares poderán gozar de historias relatadas a viva voz. A empresa responsable destas sesións de contacontos, que comezan a vindeira semana, é Órbita Infantil.


As sesións de contacontos volven, unha vez máis, aos locais sociais de Augapesada e Bugallido. En Augapesada, o primeiro dos contacontos terá lugar o vindeiro luns, 2 de outubro, ás 18:00 horas; ao que seguirá outra sesión, o día 16, á mesma hora. Na primeira destas sesións contarase a historia de “Nariz de Ouro”, un neno chamado Eduardiño cun nariz enorme. O día 16, abordarase a historia do “Rato e a pelota vermella”, cuxo protagonista, un rato, contará coa axuda dos seus amigos, a toupa e o coello, para desentrañar o misterio acerca dunha cousa vermella que está pendurada dunha árbore.
En Bugallido, as sesións comezarán o próximo martes, 3 de outubro, tamén ás 18:00h. O primeiro contacontos terá o nome de “O que ten que aprender un cempés que queira ser sabio como Perico”, que narra as aventuras de Perico, un cempés con moitas ganas de aprender. O día 17 de outubro, ás 18:00h, será “Ñac, ñac, o monstro comelibros” o contacontos a ser interpretado.




