Actualidade
[06-10-2017] Nunha primeira fase do proxecto, acondicionaranse dous locais de ensaio situados no baixo da antiga escola de Biduído. Nos vindeiros anos, o obxectivo é ampliar o espazo tamén ao primeiro e ao segundo andar do edificio. Durante o mes de novembro, abrirase unha convocatoria específica para que as persoas, grupos ou asociacións interesadas poidan coñecer e solicitar a reserva do espazo. A iniciativa parte das Concellarías de Educación e Cultura e de Mocidade e Transparencia.
[06-10-2017] Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, achegáronse ata a aldea de Oca pertencente á parroquia de Ames para falar cos veciños e veciñas deste lugar. Nos vindeiros días comezarán as obras de mellora e arranxo do camiño que vai de Oca á Igrexa. Trátase dunha vella demanda da veciñanza deste lugar amesán que o goberno municipal vai executar cunha partida de fondos propios incluída entro do orzamento municipal de 2017. Estes traballos foron adxudicados en Xunta de Goberno Local á empresa Nexia infraestruturas SLU por valor de 73.822,22 euros (IVE incluído).
[05-10-2017] Este venres, 6 de outubro, volve o teatro a Ames da man da compañía Pistacatro que representará o espectáculo “Outono” na Casa da Cultura do Milladoiro. Trátase dun espectáculo de teatro-circo con música en directo no que se relata a viaxe nostálxica de catro artistas ao seu pasado, celebrando a amizade e os fracasos, ofrecendo unha ollada poética ao antigo oficio dos pallasos. As entradas están dispoñibles na Billeteira electrónica. Tamén se poderán mercar, de xeito anticipado e presencial, unha hora antes do comezo do espectáculo.
[05-10-2017] A vendima tamén chegou á Escola Infantil Municipal O Bosque, onde as nenas e nenos máis maiores realizaron todo o proceso, ata transformar a uva en mosto. A actividade encádrase dentro da programación da escola infantil para este curso 2017-2018.
[05-10-2017] O programa piloto Convive.comigo ten como obxectivos captar, formar e avaliar a persoas e familias que estean interesadas en acoller unha ou un adolescente, obrigado xudicialmente a cumprir unha orde de convivencia. Impulsado por Arela, asociación responsable de varias iniciativas de apoio á infancia e á adolescencia, o programa será desenvolto, inicialmente, na provincia da Coruña.
[04-10-2017] Coa chegada do outono chega tamén a programación do Concello para o último trimestre do ano. Ao longo de outubro, novembro e decembro, Ames vai acoller espectáculos de teatro, un certame de cinema infantil, actividades deportivas, varios obradoiros e un festival de maxia. A programación outonal comezou o pasado domingo, 1 de outubro, coa limpeza do Rego dos Pasos, encadrada dentro da iniciativa “Móllate polos ríos” da asociación Adega.
[04-10-2017] O próximo sábado, 7 de outubro, comeza “Ciencia Divertida”, unha serie de obradoiros que procuran achegar o mundo científico ás nenas e nenos. Ademais da sesión deste sábado, haberá catro sesións máis repartidas periodicamente ata o mes de decembro. Serán os sábados, 14 de outubro, 4 e 11 de novembro e 2 de decembro, na Aula da Natureza. Para participar, é preciso anotarse entregando o formulario de inscrición no Rexistro municipal ou enviándoo ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal.
[04-10-2017] O departamento de Persoal do Concello de Ames fai pública a plantilla de respostas do primeiro exame da fase de oposición do proceso selectivo para o nomeamento como funcionario/a interino/a ata á cobertura de vacante dun técnico de Secretaría. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás consultar a devandita plantilla.
[04-10-2017] O departamento de Persoal do Concello de Ames fai público o anuncio co resultado do primeiro exercicio da fase de oposición do proceso selectivo para o nomeamento como funcionario/a interino/a ata á cobertura de vacante dun técnico de Secretaría. Dáse de prazo para a presentación de alegacións ao primeiro exame da fase de oposición ata o día 9 de outubro de 2017, incluído. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás consultar o devandito anuncio.
[04-10-2017] A asociación de empresarios do parque empresarial Novo Milladoiro organiza unha nova edición do seu concurso fotográfico, en colaboración co Concello de Ames, a asociación de pequenos comerciantes Viorneira, Palmira, Bulebar e a asociación de comerciantes de Bertamiráns. A temática xira en torno ao propio parque e á visión da empresa actual. Pódese enviar unha imaxe por participante, coa que se axuntará o título da obra e os datos persoais do autor/a. A data límite de envío é o 6 de novembro e o 22 de decembro daranse a coñecer os nomes das persoas gañadoras nunha gala que se celebrará no salón de actos da Casa de Cultura de Milladoiro. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás consultar as bases do concurso.
- ‹ anterior
- 737 de 1384
- seguinte ›