Pestanas principais

O Concello de Ames abre un proceso selectivo para cubrir interinamente un posto de técnico do Ciclo integral da auga

Martes, 03 de outubro de 2017

[03-10-2017] O Concello de Ames convocou un proceso selectivo para a selección e nomeamento, como funcionario/a interino/a por programa, dun/dunha técnico/a do ciclo integral a auga, da Escola de Administración Especial, subescala técnica, técnico/a medio, subgrupo A2. As persoas que desexen participar neste proceso selectivo poden presentar as súas solicitudes ata o día 11 de outubro (inclusive). As bases do proceso selectivo, o modelo de solicitude e a declaración xurada poden acadarse e consultarse polos/as interesados/as na oficina do servizo de recursos humanos, que está situada na Casa do Concello, ou accedendo á sección de convocatorias da web municipal.

O goberno reservou unha partida de 45.000 euros no orzamento de 2017 para realizar un estudo da municipalización dos servizos de abastecemento, saneamento e depuración. Para iso contratarse a unha persoa que será a encargada de supervisar e de que se cumpran as condicións reflectidas no contrato deste servizo, que dende o pasado 16 de xuño está sendo xestionado pola empresa Espina y Delfín.

Deste xeito, vaise a contratar a un técnico/a do ciclo integral da auga que será adscrito ao departamento de infraestruturas, obras e servizos básicos. Esta persoa encargarase do programa denominado “estudo para a viabilidade da municipalización do ciclo integral da auga e seguimento operativo e transitorio da execución do contrato vixente”. A duración de dito programa será de dous anos prorrogables, supeditados á vixencia do programa e, en todo caso, ao máximo legal permitido.

Os traballos que terá que desenvolver o técnico/a seleccionado consistirán no control e elaboración de informes para a municipalización do ciclo integral da auga; análise e exame dos datos resultantes do novo modelo de xestión do servizo; vixilancia e control do cumprimento do contrato asinado entre o Concello de Ames e a empresa adxudicataria (especialmente a supervisión das melloras de carácter tecnolóxico ofertadas, así como as preventivas e correctivas para o mantemento das instalacións); fiscalizar e inspeccionar os servizos, as obras, as instalacións e a documentación que debe aportar a concesionaria; examinar e supervisar os proxectos de obra realizados, así como a planificación e dirección dos traballos a realizar.

Para a selección do técnico/a empregarase un sistema con fase de concurso e oposición. Así mesmo, con todos/as os/as aspirantes que superen o proceso selectivo crearase unha bolsa de traballo de técnicos/as do ciclo integral da agua do Concello de Ames, que anulará calquera bolsa de traballo que o Concello teña ou puidera ter para este tipo de postos.

Presentación das solicitudes
As solicitudes/instancias para tomar parte no proceso selectivo presentaranse, conforme ao modelo que figura como ANEXO I (modelo de solicitude) das presentes bases, no rexistro xeral do Concello, en horario de atención ao público (de 9:00 a 14:00 horas), e no prazo de dez (10) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio desta convocatoria no BOP da Coruña.

Igualmente, ditas solicitudes tamén poderán presentarse por calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. Deste xeito, as persoas que desexen participar nestes procesos selectivos poden presentar as súas solicitudes ata o día 11 de outubro (inclusive).

Xunto ao modelo de solicitude haberá que presentar, debidamente cotexada/compulsada, unha fotocopia do DNI; unha fotocopia da titulación esixida; unha fotocopia do carné de conducir clase B; a declaración xurada; a relación de méritos acompañada dos xustificantes acreditativos dos mesmo, e mailo xustificante de ter aboados os dereitos de exame. As persoas discapacitadas deberán facelo constar nas súas instancias sinalando se precisan adaptación das probas. A condición de discapacitado/a acreditarase coa certificación correspondente expedida polo órgano competente.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames contratará a un interino para supervisar el ciclo del agua"
Lindeiros: "Ames abre un proceso para un posto de técnico do Ciclo integral da auga"
Ames Go: "Ames busca un técnico para o Ciclo integral da auga"